Etiquetas

, , ,

3.000 na Coruña. 5.000 en Vigo. 9.000 en Madrid. As cifras de manifestantes no 1º de Maio, segundo as respectivas policías locais. Normalmente, os periodistas e tamén a xente (ignoro a quen corresponde o papel de ovo e a quen o de galiña) utilizamos a asistencia ás manis como un barómetro da conciencia obreira ou do grao de reivindicación social. De ser así, mal imos, sobre todo porque hai razóns bastantes para que houbera máis xente que sitio nas rúas.

A razón principal é que, agora que ás vacas que antes estaban gordas lles empeza a transparentar o espiñazo, a receita tradicional é o que se chama moderar os salarios. Denominación tan inexacta como interesada, porque os salarios non estiveron alporizados ou excitados desde que eu recorde, e porque o problema non son os salarios, senón os asalariados, é decir, quen os cobra e as necesidades que precisan cubrir con eles. E a maior ou menor irritabilidade deses salarios presuntamente necesitados de moderación non é algo subxectivo ou opinable. Se lle facemos caso ás frías conclusións do Instituto Nacional de Estadística, a contribución dos soldos ó que lle chaman a riqueza de Galicia (ímolo deixar en Producto Interior Bruto, que queda máis feo pero tamén máis imparcial) é a mesma, ou un chisco inferior, que hai dez anos: un 45%.

Mentres, os beneficios empresariais subiron un punto. Supoño que os principais puntais desa suba son as grandes corporacións, sobre de todo as financeiras, que non sei como sempre se dan amañado para seguir ganando non soamente moito, senón moito máis ca o exercicio anterior. O de que non sei como o fan é unha ignorancia retórica: comparando a suba das nóminas e a das etiquetas dos prezos, cobramos menos que hai unha década, a pesar de ser dez anos máis vellos e máis listos.

Non teñan medo, que non lles vou botar sermón ningún por non ter ido (eu tampouco), ou mesmo por terse ido de ponte (eu tamén tampouco, aquí me teñen). A data fixouse en memoria dos sindicalistas anarquistas asasinados legalmente en 1886 en Chicago. O que antes se chamou por uns Festa do Traballo, por outros Día da Clase Obreira, e agora oficialmente Día Internacional do Traballo, é planetariamente festivo. Mesmo con Franco, coido, desde que en 1954, o papa Pío XII decretou ou como se diga que era o día de San José Obrero (que xa era ademais patrón contra as dúbidas, contra o comunismo e a relaxación moral, e a favor de América, China, Canadá, Corea, Vietnam e Valencia). É unha celebración mundial, quitado nos Estados Unidos e estados máis ou menos asimilados, onde o Labor Day é o primeiro luns de setembro e en Nova York se oficia un desfile organizado pola Noble Orde dos Cabaleiros do Traballo (co apoio entusiasta de institucións e empresas).

Ou sexa, que se aquí se celebra pouco (dez veces máis ca en Madrid, con todo) pode ser porque en épocas de crise hai que aplicar máis que nunca aquilo que decía Toñito Blanco: “Queremos cambiar o mundo, pero sen perder o posto de traballo”. Ou quizais tamén porque a clase obreira, ou no que se teña transformado a clase obreira, xa se emancipou tamén en cuestión de celebracións. En calquera dos casos, hai que ir pensando en cambiar de barómetro.

(Faro de Vigo, La Opinión de A Coruña, 3 de maio de 2008)

Advertisements