Non sei se os avogados, os meteorólogos ou os mecánicos de chapa e pintura debaten moito sobre a súa profesión, a de cada un deles. Non sei se vostedes o fan, se dediquen ó que se dediquen. Nós, os xornalistas, si. Non digo falar do traballo. Digo falar da profesión, de cómo é e de como non debería ser. Iso por unha parte é boa cousa, porque se entende que nos preocupa, e por outra bastante mala, porque non hai cousa peor que pensar que os teus intereses concretos son xerais. Ben, si hai algo peor: que o periodista sexa noticia. Que o periodista teña protagonismo mediático é case como se a un policía o trincan coas mans na masa, ou un financeiro se arruína. Vaia co profesional. Cóntolles todo isto porque hoxe teño que facer un discurso. Un discurso de xornalista para xornalistas.
Os deste gremio meu supoño que somos os tipos que máis discursos temos escoitado por tímpano cadrado, quitado os que os reciben porque tamén os dan, co cal están a pre e non se poden queixar. Así que hai que ter verdadeira necesidade de dalo. Eu téñoa e precisamente sobre esa cuestión. Como é e como debería ser o periodismo, e como somos os xornalistas e se deberiamos ser doutra forma, e se unha cousa ten que ver coa outra. E todo depende de vostedes. Porque temos a misión, mesmo legalmente recoñecida, de ser os intermediarios entre a realidade e a sociedade, de garantir que haxa unha información veraz e todo iso. A xente esixe que lle contemos a verdade, pero as verdades, ou o máis parecido á ela que atopamos, ás veces son aburridas, ou incómodas. E outras veces, son favorables a quen non deberían selo, ou contrarias a quen as reclama, ou insoportablemente sórdidas, ou –a maioría- impublicables por falta de probas.
Tamén nos atribúen a responsabilidade de denunciar inxustizas e de resolver errores alleos. Poñer o dedo na chaga, porque ás desfeitas, mesmo ás flagrantes, incluso as sabidas de sobra, non se lle pon remedio se non se airean nos medios (por suposto, a de saír nos papeles é condición necesaria, pero non desde logo suficiente). E tamén nos piden que os entreteñamos, que os divirtamos, e con razón, porque para iso pagan. E pode que ás veces nos pasemos de voltas, escudándonos en que estamos envelenados de profesionalismo ou en o cliente sempre ten razón. E sabemos que tratamos unha mercadoría cada vez máis cotizada, pero cada vez mais desvirtuada. Cada vez despachamos máis datos que coñecemento, con máis volume que precisión, e con máis profusión que reflexión. E nos asalta a tentación diaria, que non sempre damos rexeitado, de dar un servizo da mesma calidade que a cantidade que nos dan por ofrecelo.
Por iso, a maiores do que nós nos roiamos a cabeza sobre quen somos, a onde vamos, etc, necesitámolos. Para sentilos detrás, apoiándonos, naquelas ocasións en que, despois de tanto roer, chegamos á conclusión de que temos que responder como Bartleby, o escribinte do conto de Herman Melville: “Preferiría non facelo”.
(Faro de Vigo, La Opinión de A Coruña, sábado, 10 de maio de 2008)
Aproveito para agradecer a presencia de todos e todas, especialmente dos blogueiros que tiveron o detalle de deixarse caer naquel aquelarre de gutembergianos…
Eu sinto ter chegado demasiado tarde para saudar e ter marchado demasiado axiña para saudar, obrigas familiares requeríanme pero nada grave. Bonito discurso. Un bico.
Eu tampouco é que saudara moito a ninguén, precisamente.
“E nos asalta a tentación diaria, que non sempre damos rexeitado, de dar un servizo da mesma calidade que a cantidade que nos dan por ofrecelo”. Estou neste punto e cada vez con menos ganas de rexeitar a tentación.
Eu excuso a miña ausencia pola obriga de estar agardando un feliz acontecemento familiar (ó que ainda lle quedan días ou semanas para producirse) nun lugar diferente do país. Non me fallaban as gañas de ir, porén non era este o momento para amolar á señora colombo 😀
Falando das profesións, eu creo que é difícil ser bó en calquer profesión. E en profesións como o xornalismo, onde as ideas é algo fundamental, é particularmente difícil ter unha traxectoria profesional apartándose pouco das ideas dun -se as ideas dun van bastante a contracorreconte desta sociedade- que non busca tanto que lle digan a verdade como que lle satisfagan os desexos máis inmediatos.
Eu admiro moito a xornalistas que son capaces de montar tal equilibrio, no cal o bó traballo profesional vai unido á coerencia persoal. Para mín, Xosé Manuel Pereiro é un deles.
Parabéns
joé, que flipe. Ise é un colexio comme il faut, e non o meu, que cando hai cambio de decano nin saímos nos medios, nin botamos discursos, nin vai a claque, nin hai pinchos, ni ná de ná . Ao mellor ten que ver coa profesión…. vou propoñer que, na vindeira elección no colexio de agrónomos, a directiva saínte e a entrante sachen xuntas un par de ferrados de patacas e fagan unha carreira de motocultores…..
En fin, que sexa para ben…..
Pinchos non houbo!
Pero o da carreira de motocultores é como para pensalo…