O desengano forma parte da vida, e mesmo hai quen asegura que a porcentaxe de felicidade está en relación directa coa capacidade para asumilo. Que tanto che teñan as cousas cando non veñen dadas como querías, noutras palabras. A min iso de Europa non é que me parecese unha panacea, pero tendo en conta de quen estivemos dependendo toda a vida, agradecíase un certo grado de a civilización e de educación no que ten collida a vara por onde non manca. Pois considérenme non como un desenganado, nin tampouco como un deses chamados euroescépticos (que, no fondo, o que son son uns pailáns atrincheirados). Métanme directamente no saco dos cabreados. Nestes momentos non teño a man os ensaios de Camilo Nogueira Galiza na Unión. A porta atlántica, ou Europa, o continente pensado (nin a paciencia precisa, caso de telos) para que os argumentos do optimismo eurocamilista contrapesen as ganas de mandar ás institucións europeas a rañala por aí. Desapúntenme, vamos.
Por esa infame medida decidida polos gobernos europeos e sancionada polo Europarlamento, cos votos de conservadores, liberais e parte dos socialistas (os únicos españois que non, os cataláns Josep Borrell e Raimon Obiols). Esa “directiva de Retorno” chamada igual, mira que gracia, que as operacións de traída de emigrantes. A que autoriza, sen decisión xudicial ningunha, a ter detido ano e medio a quen entre irregularmente en Europa (18 meses nos que algúns quizais decidan que xa que teñen a estigma de delincuentes, por que non ter tamén os beneficios). Que poden aplicar, como dixo a socialista francesa Martine Roure, a persoas que xa están instaladas aquí, que teñen os seus fillos, que pagan os seus impostos (os nosos, vamos). Que permite devolver a menores a países distintos dos de orixe (unha cousa é a atrocidade de mandar a un inglés de 11 anos de volta a Polonia, pero se son negros ou aindiados, xa se entenderán entre eles, sexan de onde sexan).
Poucas veces algo evidenciou tantas mostras de estulticia e/ou hipocrisía, e despuntou tanto parvo. “El acuerdo pone fin a que en la UE haya lugares donde los inmigrantes pueden ser retenidos indefinidamente”, dixo o eurodiputado do PP, o ex responsable da policía e intoxicador do 11-M, Agustín Díaz de Mera. Non é certo. No Reino Unido e Irlanda non había límites, e seguirá sen habelos porque ó non ser territorio Schengen, a norma non lles afecta. Javier Moreno (PSOE) xustificou: “hemos intentado hacer un texto más garantista, acercándolo al máximo a las legislaciones europeas más avanzadas. Con nuestro empeño, los socialistas hemos logrado la asistencia jurídica gratuita a los inmigrantes”. Supoño que si. Con avogados que traballarán as 65 horas semanais “voluntarias” que tamén propuxeron os gobernos e tamén aprobarán eses europarlamentarios que soen contratar de axudantes ás mulleres ou ós cuñados, como se publicou hai pouco.
O problema quizais sexa que, como se di sempre, a UE non reuniría as condicións democráticas bastantes para ingresar na UE, e os gobernos e os parlamentarios propoñen e deciden cousas (as 65 horas, cobrar por recibir chamadas de móbil) que na casa non se atreverían a suxerir. Así que, no que a nós respecta, deberemos recordar para a historia europea da infamia ou de tragar rodas de muíño os nomes dos cinco galegos -tanto ten de que partido- que votaron que si: Daniel Varela Suanzes, Francisco Millán Mon, Carmen Fraga (a filla de seu pai), Rosa Miguélez e Antolín Sánchez Presedo. Ah! e tamén o daquela deputada riojana que lle quitou o posto a Camilo Nogueira porque no PP se puxeron a remexer nas urnas como cartoneiros. Como diría o deus de Curros: “Se esta é a Europa que fixemos, que o demo nos leve”.
Faro de Vigo/La Opinión, 21 de xuño de 2008
Magnífico! Que me borren a min tamén.
O que me pasma é o silencio dos años. Este mediodía, nunha desas noticias que dá A3 para non ser marcianos de todo, pero que deberon dar hoxe porque non tiñan outros, aseguraban “una normativa protestada por algunas ONG´s…”
sHs é,outravolta,unha voz única no noso país.A análise dos feitos é boa,pero o de tirar da manta para que a xente saiba que Daniel Varela,Francisco Millán,Carmen Fraga,Rosa Miguélez e Antolín son os suxetos activos desta política e que teñen máis responsabilidade do que pasa en Bruxelas que un camioneiro de Betanzos(como Antolín)ou de Madrid(como Carmen Fraga)que teña que ir levar mercadorías a Bélxica todas as semanas.
Porque ese é o problema.Hai que loitar contra o espiritismo político que nega a existencia da posibilidade dunha interlocución directa con Bruxelas.Bruxelas ven sendo a excusa perfecta dos caciques locales para levar adiante as súas falcatruadas.E os progres de corazón,fronte a calquera inxustiza,responden que a única solución é rematar coa Unión Europea. A min non me gustaba ter un alcalde promotor inmobiliario e enemigo da vivenda social,ou un presidente de goberno que mandaba soldados onde lle dicía o presidente doutro país máis grande,pero non vía como cura a disolución do Concello da Coruña ou do Estado Español.
E falando da inmigración,a directiva do outro día é a triste consecuencia dunhas economías anémicas e dunha esquerda que ,en Francia,Alemania ou Italia non dá sinais de vida e,en España,non de vida intelixente.Zapatero está a adoptar medidas contra a inmigración coas que Aznar nin tan siquera soñaba.Sign of the times.A ver se ó final vai ser verdade e a directiva acaba por vir facendo de límite á xenofobia dos nosos pobos.
O problema de fondo, como ben apunta vostede é o déficit democrático. Porén, non é só iso, porque se ese déficit xustifica que en Bruxelas fagan o que lles sae dos lobbys (poñer collóns sería menos exacto) non o xustifica tanto que en España fagan exactamente o mesmo.
Neste caso, os cidadáns igual nos enteramos pouco e igual pasamos porque ‘é problema de outros’, pero en cousas nas que os cidadáns si teñen unha opinión, como o trato pro-oligopolio coas telefónicas ou os pagos abertamente chorizos ás eléctricas ou co canon pro-SGAE, os políticos deciden en perxuizo da maioría e aquí non pasa nada.
E aquí, se gaña a selección, mellor todavía para eles. Disque a selección fai de vaselina.
Parabéns polo artigo, gostei muito. Também me sinto euroincomodado. Penso que, como mínimo, deveriamos tomar tam a sério as eleições europeias como as outras. Cada vez vai-nos mais nelas.
Moi boa reflexión, coma sempre. Non por estar en contra do Goberno pasado do PP, deixamos de ser galegos, non por ser oposición, deixabamos de ser galegas, dito doutro xeito. Concordo con Alfonso Pardo nesta apreciación. O ridículo papel dos eurodeputados galegos, ou que din ser galegos, resulta ortopédico. Dende que o BNG non está oficialmente no Parlamento Europeo, cantas veces escoitamos defender nosos intereses. As veces, máis pola via non oficial que pola que ten representatividade. Uns por non ir en contra do goberno estatal ou galego, outros por pusilanimidade. Decisións como as da directiva de retorno, terian sido votadas en contra polo BNG, que exerceria unha oposición real a unha proposta incongruente, asi, que precisamos esa defensa dos intereses galegos e da nosa identidade novamente. Apertas ao lonxe.
Lástima non ser os primeiros en protexer ao inmigrante, en defender os dereitos humáns de verdade, en ter xornadas de traballo que permitan unha vida digna, en convertir a telefonía ou a internet en un medio gratuíto de comunicación e información entre as personas coma outro dereito fundamental calquera, en administrar política, económica e humanamente como se pretendía nos ideais de aquela primeira “Europa Unida” dos tempos do pai Jean Monnet que agora comparte paternidade con tantos outros que se suben o carro do que agora nos queremos baixarnos.
Eu, coma boa galega, prefiro ficar e esperar a velas vir.
Saúdos.
Quizais a vehemencia me teña feito expresar mal. Ir hoxe contra a UE (“irse”) é como querer caer cara arriba. Pero precisamente por iso, porque non hai máis opcións, hai que teimar máis en denunciala.
Pingback: Calidonia » Arquivo do blog » Grouchos e Harpos
Eu síntome decepcionado, cabreado e desazonado, por terceiras partes. Porque mira que se despois de tanto arrenegar contra a UE collen os alemáns e se lles mete no casco (prusiano) que lles devolvamos os miles de millóns de euros con que contribuiron ó noso aggiornamento…
Por certo… que terá sido deses cartiños? (A pregunta é retórica, evidentemente).
Outra Europa é posible, si. E vainos ir moito nas vindeiras eleccións europeas. Estamos nun momento histórico de crise terminal do capitalismo mundializado e de recurtes das liberdades e dos dereitos. Cada vez con maior cinismos a sinarquía dos partidos e dos lobbies (tanto monta) mexa por nós. E hai que dicir que chove en Europa.
Andaba por días estranhos e non sei como caín no ano pasado. E como a deus non me peta agradecerllo, doulle a vostede as gracias e os parabénss por este texto magnífico.