Non hai nada como non abrigar esperanzas de ter algo para acabalo conseguindo, asegura unha crenza tan escéptica como precapitalista. Quen algo quere, ou pon o que lle ten que poñer, ou máis vale que non se queixe se non o acada, rezan as teorías do esforzo en boga. Pero o caso é que a selección española de fútbol ganou a Eurocopa non digo que sen botarlle ganas, pero desde logo sen moitas esperanzas, nin fóra, nin sequera entre os seguidores de aquí. Pola contra, o triunfo da que agora se lle chama familiarmente “la roja”, con esa confianza e campechanía que factura a información deportiva, é a derrota de todos os tópicos sobre o asunto. E fáganme caso, que eu de fútbol non entendo nada, pero de asuntos, o que me boten.

O primeiro tópico arrombado é aquela análise atribuída a Cruyff (ou a calquera outro do ramo capaz de expresar algo máis complicado que iso de “el fútbol es así”) de que España non ganaba nunca porque non tiña un auténtico sentimento nacional detrás. Nunca entendín demasiado a relación entre excelencia futbolística e o número de fans coas cabezas como Roberta Flack ou os Jackson Five, pero en rojigualda, ou do entusiasmo de xente disfrazada como se Elton John decidira vestirse de torero. Os sms de solidariedade, as mensaxes de apoio desde Alpedrete e Cieza (Murcia), as multitudes da praza madrileña de Cólón, as pantallas de vídeo xigantes e os banderíns nos coches teñen un efecto máis que demostrado na conta de resultados económicos dos que os promoven. A súa influencia nos resultados estrictamente deportivos está tan por ver como as rogativas nas parroquias para que ganen estes ou aqueles.

Ben é certo que España so ganou algo cando aquí había unha dictadura, situación na que a emoción patriótica vén de serie, pero é que aquí case sempre houbo dictaduras, ou sexa que non é como sacar conclusións causa-efecto. A maiores, a Eurocopa caeu no papo cando aínda nos estamos recuperando do susto de que España rompía ou estaba de romper, e no medio da campaña do Manifiesto por la Lengua Común (a castellana), gravemente ameazada por outras, como evidenciaba mesmo o bus que paseou ós futbolistas por Madrid adiante, no que campaba o rótulo Impossible is nothing, co normal que sería poñer :“No hay nada imposible”, “Parecía imposible y ahí lo tienen” ou o entrañable que sería recuperar aquel clásico: “Zoy españó, casi ná”. (De incluír expresións en autonómico tipo: “E logo, agora que?” xa nin falo).

O certo é que, poñéndose medianamente analítico, ó inesperado feliz remate do evento deportivo non son alleas dúas realidades ben pouco hispánicas: Unha, que por vez primeira, o entorno, o chamado mundo do fúitbol –directivos e medios de comunicación- pintaron ben pouco. Ó británico modo, de adestrador estaba un vello pasado de voltas que foi o seu e non admitiu caprichitos nin figuritas. Tan pouco admitiu que xa estaba destituído cando acadou a victoria. Outra, que os que foron metendo a pelotiña eran, en boa medida, rapaces que aprenderon nos equipos ingleses a competir no campo e non a estar pendentes de quen mola máis no vestiario. Así que iso, We are the champions, e menos lobos.

(sábado, 5 de xullo de 08)

Advertisements