Lin ou escoitei o outro día o argumento de que unha sociedade que admite como normais as relacións humanas de teleseries como Aída¸ non se escandaliza de nada, ou de ben pouco. Estou de acordo. Pero se a sociedade é aberta e plural que mete medo, non se pode dicir o mesmo das súas clases dirixentes, en concreto dos poderes fácticos cuxas maneiras de ver o mundo –o que está ben e o que está mal- se adiviñan, por exemplo, no comportamento dos medios de comunicación.

Un caso non demasiado coñecido, polo menos para min, é o acontecido a raíz de que Gervasio Sánchez ganase o premio Ortega y Gasset de Fotografia cunha imaxe dunha nai mozambicana, noviña, coa súa nena durmida canda ela. A nai non ten pernas a causa dunha mina antipersoas. En maio pasado, ó recoller o premio, Gervasio Sánchez rematou o seu discurso de agradecemento dicindo: “Asegúrolles que non hai nada máis belo no mundo que ver a unha vítima da guerra perseguir a felicidade. É verdade que as armas que circulan polos campos de batalla acostuman fabricarse en países desenvolvidos como o noso, que foi un gran exportador de minas no pasado e que hoxe dedica moi pouco esforzo á axuda ás vítimas da minas e ó desminado. É verdade que todos os gobernos españois desde o inicio da transición encabezados polos presidentes Adolfo Suarez, Leopoldo Calvo Sotelo, Felipe González, José María Aznar e José Luis Rodríguez Zapatero permitiron e permiten as vendas de armas españolas a países con conflitos internos ou guerras abertas. É verdade que na anterior lexislatura se duplicou a venda de armas españolas ó mesmo tempo que o presidente incidía na súa mensaxe contra a guerra e que hoxe fabriquemos catro tipos distintos de bombas de acio cuxo comportamento no terreo é similar ó das minas antipersonas. É verdade que me sinto escandalizado cada vez que me topo con armas españolas nos esquecidos campos de batalla do terceiro mundo e que me avergoño dos meus representantes políticos. Pero como Martin Luther King me quero negar a crer que o banco da xustiza está en quebra, e como el, eu tamén teño un soño: que, por fin, un presidente dun goberno español teña as bugallas suficientes para pór fin ó silencioso mercadeo de armas que converte ó noso país, gústenos ou non, nun exportador da morte”. Como se di nestes casos, a cita é longa pero paga a pena, sobre todo porque non saíu en lado ningún. É un discurso, ademais de bonito, contundente, e incómodo, pero tamén Lady Di se fixera unhas fotos de denunciante das consecuencias das minas e todo o mundo lle aplaudiu o xesto. Pero a diatriba chea de razón de Gervasio Sánchez non saíu en ningunha das páxinas, informativos ou telexornais que veñen cargados de insultos duns contra outros. Naqueles medios nos que el traballa ou nos que patrocinan o prestixioso premio non saíu máis que, como moito, unha mención a que “criticou o comercio de armas”. Como Lady Di.

E falando de realezas, cando o Rei de España fixo aquela intervención no cumio latinoamericano, saltándose campechanamente o protocolo co famoso “por que no te callas” a Chávez, a cousa encheu primeiras planas, pequenas pantallas de TV e micropantallas dos móbiles. Ata, meses despois, reproducían a frase nas bufandas dos seguidores que animaban á selección española na Eurocopa. Pero o salto de protocolo humano que tivo o Rei zafando de bicar a Dona Sofía soamente tivo eco en programas deses de chocalladas: “¡La ‘roja’ y sus triunfos han despertado la pasión de la Casa Real!. ¡Saltos, exclamaciones, júbilo, celebraciones y amor, mucho amor! Pero a alguien se le ha aguado la fiesta. ¿Por qué no quiso Don Juan Carlos besar a la Reina? ¡¡Esta tarde en XX, Besos para todos menos para Doña Sofía”, berraba con voz afrautada un presentador o avance da noticia. Nada, polo menos que eu vira, nos apartados serios dos medios.

Así que esta sociedade será moi permisiva con certas cousas, pero hai outras que nin se tocan.

(La Opinión/Faro de Vigo, sábado 12 de xullo de 08)

Advertisements