Permítanme que lles escriba de algo do que sei bastante pouco. Así que tanto me poden agradecer a sinceridade como discutir os meus argumentos con máis razón que nunca, como levar áncoras lectoras na procura de portos máis seguros e fiables. Pero a ignorancia é atrevida, e non me podo resistir a apuntar co dedo a certos aspectos do affaire Martinsa-Fadesa que serían paveros se non se tratara dunha crise que afecta a unha chea de xente. Pero non deixa de ser rechamante que a situación de auxe e caída do imperio do ladrillo estea provocada non por aquelas medidas que o sector criticaba porque supoñían “matar a la gallina de los huevos de oro” (queixa textual), senón porque como no conto orixinal da tal galiña, foi o propietario propio quen a matou.

A estas alturas todo o mundo sabe ou supón que a Martinsa atragantouselle Fadesa, e que Manuel Jove non vendeu unha empresa de mil traballadores a unha que tiña cen porque intuíra que o bo non ía durar tanto, senón porque, sobre todo, a oferta era tanta que sería de parvos rexeitala. Tamén é de coñecemento xeral (cando falo de coñecemento xeral é que ata eu o sei) que a crecemento elefantiásico do sector inmobiliario descansaba en tres piares: 1. A edificabilidade dos terreos é daquela maneira, hoxe así e mañá asá. 2. Por razóns culturais ou porque non había cousa mellor que facer cos cartos, en España todo o mundo quere ter vivenda en propiedade. 3. O diñeiro custaba pouco (que cho prestaran, non ganalo) Tres piares equilibrados por unha realidade ben curiosa: neste mundo, as cousas non custan o que valen, senón o que se está disposto a pagar por elas. Quen tiña moito capital dedicábase a acaparar solo, rústico, forestal, non urbanizable ou en pendente, á espera de que se converteran en construíbles mediante a evolución natural do progreso, ou en casos como o da urbanización de El Pocero en Seseña e centos doutros, engordando as contas correntes dos responsables políticos que deciden que se urbaniza e que non. Daquela, ou construíanse axiña, ou se engadían a un peto de terreos, unha operación que antes se chamaba especular e agora acumular stock.

Martinsa pagara por Fadesa non o que valía senón, como se sabe agora, o que a xente se supuña disposta a pagar polo que se ía vender. E así se taxou oficialmente o seu valor, e a compra a Jove foi deses negocios perfectos nos que as dúas partes saen encantadas de terse coñecido e ter feito o trato. Ata quedou encantado o recén estreado alcalde da Coruña. Sen embargo, como sabe calquera que se teña sentado nunha banqueta de tres patas, calquera movemento provoca ir de cu, de fociños ou de lado. Neste caso fallou a pata do diñeiro barato e empezouse a inspeccionar algo e nalgúns sitios a pata das circunstancias nas que se recalificaban os terreos. Entre os que se foron de fociños primeiro foi Astroc, especialista en stocks e logo Martinsa. E agora, como pasa sempre neste mundo do libre mercado, hai rogativas á Administración a ver se bota unha man.

En realidade, o sector sempre dependeu grandemente da Administración, de que lles dera permisos para edificar en desertos sen auga como Seseña, ou de que lles proporcionase servizos como as vías de comunicación na costa ou nas urbanizacións periféricas das cidades galegas. Agora pretenden que lles compren parte daqueles terreos que foron amoreando “por si el ciclo positivo iba a durar más, o por una situación propiciada por el farragoso sistema español de urbanismo”, en delicada expresión do presidente da patronal de Galicia.

Pois que lle compren, home. Que máis dá que nolo saquen dos impostos ou que as caixas e bancos acredores compensen a perda facendo derramas nas nosas contas e nas nosas hipotecas. ¡Viva o mercado! que caray.

(sábado, 19 de xullo de 08)

Advertisements