Se alguén sigue aínda instalado no cómodo tópico de que esta é unha sociedade inmovilista ou siquera conservadora, aí está o caso Fenosa para desmentilo. En poucas décadas, pasamos de ser unha colectividade atrasada que non entendía de redimensionamentos empresariais e economías de escala (o das sinerxias veu bastante despois) a unha xente que asume con naturalidade calquera movemento sísmico financeiro, mesmo un tsunami accionarial. Exactamente ó contrario dos medios de comunicación, por certo.

Hai un cuarto de século máis ou menos, Unión Eléctrica facíase con Fenosa mediante unha operación chamada “fusión por absorción” (denominación que resultou moi rechamante daquela, porque aínda non estaban de moda conceptos como “crecemento negativo” e outras contradicións terminolóxicas que agora usa con soltura calquera empregado de sucursal bancaria). Decididamente opostos á operación eran os traballadores e os accionistas minoritarios de a pe. Difusamente contrarios, se non me equivoco, a maioría silenciosa que, aínda sen sentirse directamente afectada, non vía ben que unha empresa creada en Galicia a base de explotar os recursos de aquí se fose do ganchete cunha de fóra. E exultantemente favorables, as forzas vivas todas. As autoridades civís e as militares. As institucións políticas e as entidades sociais. E por suposto, os medios de comunicación (quitado no que eu traballaba daquela, o Faro de Vigo, supoño que por amolar). Todos apostaban pola modernidade e o progreso, e arremetían contra os que non entendiamos da necesidade do redimensionamento empresarial do sector enerxético e as vantaxes das economías de escala.

Despois, a xa Unión Fenosa foi indo e vindo, máis indo que vindo. Hai uns dez anos, tentou medrar con outra absorción por fusión a unha sociedade asturiana, Hidroeléctrica del Cantábrico. Sen embargo, ó pequeno peixe fusionable, ás forzas vivas e á sociedade en xeral de alí non lles gustou a manobra, non se sabe se por ser considerablemente máis obtusas e menos comprensivas coas sinerxias (daquela xa se usaba o concepto) ou porque non procedía de Madrid. Como tiñan xente afín no Goberno de alí (de Madrid), quedou decretado que a operación aquela non era sinerxia nin nada, e a envaiñala. Aquí as forzas vivas e mediáticas comezaron a sentir un principio de amole, mentres ó público en xeral tanto lle tiña.

Como agora xa recordarán ós que nin lles soaba nada disto, hai tres anos, unha gloriosa operación de reconquista por parte do capital galego (refírome ó Capital Galego) quedou cun palmo de narices porque outros foron máis espelidos. Unión Fenosa quedou máis ancorada en Madrid, e se me apuran, ó madridismo, porque o patrón era tamén o presidente dese equipo que sempre palma cando vén a Riazor. Daquela, as forzas vivas puxéronse como hidras, e o mandado do presidente do Real Madrid-Unión Fenosa tivo que facer unha xira de entrevistas e posados para tranquilizar ás autoridades e facerse perdoar un desplante involuntario. O home coidaba erradamente que aquí as clases dirixentes estaban ó tanto de que o capital o único que ten é intereses, e como moito, sede social. Hoxe en que a Fenosa de sempre pasará a ser catalana, os arriba retorcen as mans de angustia ou cruzan os dedos, mentres os de abaixo (polo menos eu) preocúpanse como moito de que vai pasar coas condicións que temos contratadas con R, e os titulares énchense de queixas porque as riquezas de Galicia emigran por aí adiante.

Un pouco tarde para acordarse do que fixeron os embalses, creo.

La Opinión/Faro de Vigo, 2-4 de agosto de 08

Advertisements