En canto remate a Olimpíada que se inaugurou onte, estou completamente seguro que no comité central do PCCh van ter unhas palabriñas co que se lle ocorreu a idea de ofrecer como sede olímpica a Pequín (perdoen o topónimo obsoleto, pero Beijing ou Beixín sóame a bico asturiano, e eles total non se van enterar). Xa antes de comezar, deixaron nunha pataleta de nenos aquel xesto rebelde de México 68, cando os atletas afroamericanos fixeron no podio o sinal do Black Power. En Pequín, ou a conto de Pequín, e con toda a razón do mundo, protesta todo o mundo. Colarlla ás autoridades ven sendo o auténtico reto olímpico. Ata unha nadadora norteamericana membro do PETA (a asociación defensora dos animais e de que non os separen dos seus pelexos), exhibiu unha foto súa espida, en protesta polo trato que lle dan á facenda nas granxas chinas (que debe meter medo, tendo en conta o que lle dan á xente humana, levándoa de aquí para alá).

O pobre do ocorrente do Comité Central debeu cavilar que unha convocatoria deportiva de interese global sería unha demostración de eficacia e normalidade. El e quen aprobou o asunto coidaron que ían aproveitar o concepto occidental de publicidade, cando en realidade actuaron cos vellos principios stalinistas do deporte como sana actividade propagandística. Caeron coma pinzos na teoría occidental de que o deporte é un espello do mérito e os deportistas un exemplo para as masas, e non repararon na práctica de que é un espectáculo que o mesmo pode ser positivo que -aínda mellor- negativo. Non digo que a contemplación dunha competición non sexa un espectáculo emocionante nalgunhas ocasións e agradable noutras. Pero as prácticas deportivas de elite non son sans nin un modelo para a xente común. Non é normal ter que estar metido 11 horas diarias na auga para adestrar, como fan as de ximnasia acuática, natación sincronizada ou como se chame. O ser humano non está deseñado para correr a 40 km/h (fáltannos patas, sóbrannos dedos e dedas, entre outras cousas) e se a evolución nos tivera destinados para dar saltos de máis de dous metros, teriamos uns muelles de serie nas canelas. O deporte é un espectáculo, e un espectáculo non ten por que ser aleccionador, nin os protagonistas teñen que ser modelo de nada. Desde cando as habilidades son virtudes? O esforzo e a perseveranza sóno dependendo do obxectivo, non en si mesmas. Fernando Alonso, un tipo eternamente malhumorado -con todo o dereito do mundo a selo, por outro lado- e compañeiro de equipo peor que regular, pode ser un modelo de volantista, de fillo que cumpre os designios paternos ou de contacorrentista, pero exemplo de ser humano non é. Os espectáculos, desde o circo romano, atraen a atención porque neles pode pasar de todo, non soamente o bo. Hai un neno franco-mexicano de dez anos e medio, Michel Lagravère, Michelito, que é toureiro, e no seu país (México) é un ídolo e mata becerros de 350 kilos. Non sei que porcentaxe de público vai velo atraído pola súa teórica arte. Pois cos xogos pequineses está a pasar o mesmo. Ademais de facer de atleta, espectador, técnico, adestrador, xornalista ou mirón, todo o mundo vai a colala e a fixarse en quen a cole, ou moito me equivoco eu sobre que mundo vivimos. E non exactamente pola defensa firme dos dereitos humanos, que xa se sabía o que se respectaban en China cando os próceres do Comité Olímpico escolleron Pequín, senón porque o deporte é a protesta ou a protesta é o deporte. Xa verán (porque ver, verémolo todos, non hai outra).

La Opinión/Faro de Vigo, 09/98/08

Advertisements