Quizais como actualización do tradicional pensamento de que o que é de todos é de ninguén, aquí entendemos que os servizos públicos non hai que publicitalos, facelos atractivos ou eficaces. Se son públicos, o interese do público xa vén de serie, deben pensar as cabezas rectoras. Esta semana tiven a demostración palpable ó acompañar á familia a coller un coche de liña.
Eu teño collido autobuses en tres continentes, sen contar este, pero se alguén vai facer unha película que pase na Romanía de Ceaucescu, pode usar localizacións das estacións de buses de aquí. Iso no que se refire á arquitectura e ó estado de conservación, en canto ó ambiente, como dicía a miña avoa Balbina, parecen bos sitios para que te salcochen. Pero o mellor son as facilidades. A primeira vez que fun á de Vigo, dei catro voltas arredor, como os indios que atacaban as caravanas no Oeste, ata que desistín de poder entrar e aparquei pola contorna. A segunda vez descubrín que se entraba por un paso cebra. Na da Coruña, na entrada non hai rampla para subir as cousas con rodas, sexan maletas ou nenos (coches de). Hai unha pendente escarpada e lisa, tipo tobogán, deseñada sen dúbida por algún practicante de skate. Tampouco hai outro sistema para baixar maletas ou nenos os dous longos tramos de escaleira ata os peiraos que as escaleiras. Nun dos tramos hai escaleira mecánica, pero está prohibido usalas con maletas. Ben, en realidade hai uns montacargas de uso interno para as mercancías, ós que un apiadado traballador guiou á miña muller para que poidese baixar o carrito do neno (neno incluído). Foi ela quen me suxeriu a metáfora de Romanía.
A estación da Coruña remodelárona non hai moitos anos, pero é normal que non entraran a resolver eses detalles. Antes, cando a xente usaba os coches de liña, estes partían e chegaban facendo paradas, e as estacións eran baixos enormes e punto. Agora hai Estacións, e a combinación entre dúas cidades como A Coruña e Lugo son dúas ó día, quitado que vaias parando en todos os sitios e facendo unha media de 40 km/h, como os trens. Así que quen usan as estacións son guiris cargados con mochilas, ou señoras das aldeas afeitas a levar pesos, ou adolescentes que van ás cercanías, e que o único que levan son un par de libros e un mp3. Hoxe o transporte público non é unha alternativa, é un servizo de beneficencia para todos aqueles que non teñen coche, así que qué son unhas escaleiriñas de nada.
Non dixo iso, pero ese era o transfondo do que declarou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, sobre un informe que máis ou menos, cuestionaba que, tanto como a AVE, era necesario un servizo de cercanías Vigo-Pontevedra. Eu vou á Coruña todos os días (e a pesar de estar a 100 metros do termo municipal, necesito usar liñas de cercanías), unha vez á semana a Santiago, cada quince días a Vigo e dúas ou tres ó ano a Madrid. Debo ser un pailán pouco viaxado, que necesita máis as cercanías que as lonxanías. Non recordo quen dixo hai tempo que Galicia era un país unicamente estruturado polas liñas de autobuses, as “empresas”, como lle chaman no sur de Lugo. Se o que nos vai estruturar é o AVE, témolo claro.
16 de agosto de 2008
Eu teño múltiples e variadas experiencias nos buses deste país. E por iso prefiro o tren (cando o hai). Sorprendeume moito o excelente servicio de buses que teñen na Sudamérica, onde as estacións son menos perigosas que aquí (polo menos teñene algún vixilante) e os buses funcionan día e noite, a cada rato. Claro, non hai tren (ou case) e os coches son caros. Todos viaxan nos buses, onde se pode durmir a perna solta, por certo. Pegueime viaxes de 14 horas no Brasil moito máis cómodos que o Vigo-Lugo do Castromil.
No sur de Lugo tiñamos unha desas empresas, o Vila, que facía o servicio das aldeas. Agora non hai nada, os vellos teñen que pedir o favor a alguén ou pagar un taxi para ir ao médico ou á tenda.
Un saúdo, tes un blog ben xeitoso por aquí.
Onte, nunha reunión da Plataforma Contra a Autovía de Redondela, outro asistente suxeriu que lésemos este artigo seu.
Habería que argallar un debate mediático entre os defensores do AVE e os que pedimos outras cousas, por ver si a afección patria hacia a polémica serve de reclamo para que a xente empece a falar polas rúas e bares das paletadas de personaxes como Abel Caballero. De momento, xa é importante o que vostede dea o contrapunto.
Brillante, iso de situar a estación de autobuses da Coruña na Rumanía de Caucescu. Tamén habería que falar de Nigrán (coido lembrar que era ahí), que os autobuses da liña con Vigo acababan o seu traxecto a un kilómetro da estación porque a concesión municipal era de outra empresa. Cine cómico en estado puro, vamos.
O que é verdadeiramente vergoñento máis alá do estado das estacións galegas -auténticas covachuelas semellantes as que describía Cervantes en Rinconete e Cortadillo- é o servicio misérrimo e o estado lamentable dos buses.
¿Cómo pode ser posible que unha empresa internacional, a mesma que leva os buses de Londres e parte do Reino Unido, é ten liñas e trens en Holanda ou Dinamarca, poda ter esa auténtica merda de vehículos e isos horarios absolutamente inconcebibles? De feito, penso que o que pretenden e pillar os cartos polo tema do transporte escolar é outro o fan por ser de “obrigado cumplimento”.
Eu non conduzo, así que son usuario habitual da beneficencia do transporte público (tren sempre que podo) e a miña experiencia concorda totalmente con esa visión súa dos autobuses empregados no esencial por guiris, señoras maiores e adolescentes. O que nunca souben é como fan os primeiros (os guiris, enténdase) para saber onde baixarse, ou onde teñen que coller o autobús, neste país no que as paradas veñen marcadas “pola tradición”, e normalmente tamén por unha curva, un antigo lavadoiro, un bar e só nalgúns casos por unha marquesina enferruxada.
Esta última vez que estiven en Galiza collín o bus Lugo-Santiago. O que mola, o das paradinhas. Foi case unha experiencia relixiosa. Quedei hipnotizado por esa non-velocidade coa que se move este país. Sentinme nun deses documentais que se adentran en civilizacións exóticas. Se cadra só é esa sensación do que marchou e é estranxeiro na súa casa.
O tren si que é tamén unha experiencia relixiosa (case catro horas da Coruña a Monforte). O que non entendendo e penso que non deixei bastante claro que non entendo é como prevaleceu no transporte público ese perverso pensamento de que “como non hai demanda, baixamos a oferta”, no canto de “necesitamos mellorar a oferta para aumentar a demanda”, porque demanda de transporte hai máis ca nunca
Sempre dando no cravo, señor Pereiro. Noraboa!
O que di vostede é unha vella teima das autoridades desgubernativas. Por exemplo, cando baixou a demografía escolar, en vez de reducirse a tasa de alumnos por aula, mellora da oferta, se reduciron o número destas. E se quedaron tan panchos.