Etiquetas

, , , ,

Desde logo, hai semanas cunha intensidade informativa que ata dá medo saír da casa, ou poñerse a ler o periódico media hora máis tarde do habitual, por se nos perdemos algo. Así, de primeiras e sen pensalas, entre o máis destacado do que nos entra polos ollos ou polas orellas, segundo as estatísticas dos propios medios, está o caso de que Brad Pitt foi durmir unha noite a casa de Bono (o de U2, non do o Yak 42) logo de se mosquear coa muller, Angelina Jolie. Tamén o asunto da traballadora dunha fábrica de teléfonos iPhone á que os compañeiros lle sacaron unha foto cun dos móbiles. Esqueceron eliminala (a foto) e chegoulle como fondo de pantalla ó comprador do aparato, en Inglaterra, que se puxo a buscala como o príncipe de Cinsenta. Agora, unha vez atopada, é tremendamente famosa, a iPhone girl, chámanlle. Por non falar da nosa contribución autóctona ó serpentario de verao, ese famoso non adianto de eleccións.

Poderalles parecer unha parvada que os medios de comunicación de ocupen de se Bono tivo que dar refuxio a Brad ou en realidade o invitou para contarlle polo miúdo as súas últimas iniciativas a prol dos desfavorecidos. Que levante a man quen non tivo algunha vez que ir durmir ó sofá (os cabaleiros) ou mandar ir durmir ó sofá (as señoras) por un desencontro conxugal puntual. Pero a noticia está na magnitude do cabreo da señora Jolie. Coa casa que teñen, un château do século XVII no sur de Francia, con seis edificios, un deles enteiriño para as visitas, para que Brad non atopara siquera un sofá no que acubirllarse, o de Angelina debeu facer saltar o récord da escala Ritcher dos desencontros conxugais.

Máis rocambolesco é o da foto que os esforzados pero alegres operarios da factoría de Shenzhen (sur de China) lle fixeron á súa compañeira e que lle chegou a un usuario de Kingston upon Hull (Inglaterra, desta vez no norte). O individuo, estrañado porque non iPhones dos coñecidos non viña a mesma imaxe, colgouna nunha páxina de internet de iPhoneiros. O mundo está tan famento de causas nobres que os forofos deron en argallar teorías e mesmo naceron blogs e webs dedicados a ela. Tanto esforzo non podía quedar sen recompensa, e nunha semana apareceu a rapaza. Ben, máis que aparecer, sóubose dela, porque en canto xornalistas e paparazzi de todo o mundo se presentaron na fábrica para fotografala (aínda máis?) e preguntarlle (qué?) a muller colleu tal medo que dixo que deixaba o traballo e ía para a casa. Segundo fontes da empresa, era unha sinxela rapaza de aldea, incapaz de entender os beneficios que podía sacar a conta de centos de milleiros de fashion victims parvos. Este caso demostra ademais a teoría esa que afirma que abonda con que unha bolboreta mova as alas na China para que se produza un terremoto en Inglaterra.

E, por último pero co seu aquel, temos o revelador affaire das eleccións que se acabarán celebrando cando se tiñan que celebrar e non cando non. Un caso que fixo felices a todos os responsables da información política dos medios galegos, sobre todo os que quedaron como tais en verao, substituíndo ós titulares. Un asunto que, oficialmente, nunca pasou de rumor, e que rematou cunha proclamación tan solemne como si se tratase da dimisión do presidente ou da ruptura do goberno. Se eu fose un conspiranoico, pensaría que foi unha magnifica xogada estratéxica, unha variante desas mañas de películas de adolescentes nas que o tímido protagonista axusta cuns abusóns para que fagan que atacan á rapaza que lle gusta, e así salvala el. Neste caso, escenificar unha chea de presións para adiantar, para logo saír bravamente do paso. Pero non o creo. Demasiada sobreactuación.

29 de agosto de 2008


Advertisements