Compadezo ós médicos de hoxe. Sempre me pareceu unha carga difícil de levar a responsabilidade de curar, ou deixar que o paciente se amañe coa súa natureza e procurar non empeorar as cousas, e agora debe ser cousa de loucos con tanta novidade. Antes -polo menos antes de que eu fose periodista- había as enfermidades que había. As que tiña todo o mundo, ou podía ter todo o mundo, e as raras, que non tiña ninguén que coñeceras. Agora, segundo sei polos comunicados que me chegan e polas noticias, as doenzas inzan como cogumelos. Enfermidades que parecen parvadas, aínda que non o sexan (líbreme Dios de dicirlle a alguén que o seu é unha parvada), dadas a coñecer con denominacións tan curiosas como “síndrome do escaparate“, porque o paciente ten que poñerse parado cada certo tempo (pararse obrigada e concretamente a mirar escaparates, supoño que non).

A síndrome escaparatista existe (é unha estenose de canal lumbar, sexa iso o que sexa) pero digo eu que a maioría dos vellos -e bastantes dos novos- cánsanse ó andar. Non hai semana en que non me cheguen ó fax ou ó correo electrónico informes enviados por empresas de comunicación de nome campanudo sobre males e doenzas das que nunca escoitei falar, pero que resulta que afectan a unha chea de xente que non o sabe. A primeira experiencia que recordo desas enfermidades con denominación expresiva e síntomas difusos foi a que presentou nun congreso na Coruña hai anos un catedrático de Valencia. Era a síndrome do burn out¸ o “estar queimado”, que afectaba fundamentalmente ós funcionarios. Segundo contaba, unha das principais características era que se producía en profesións vocacionais e que tamén os salarios cativos, os escasos incentivos profesionais ou a perda de prestixio social eran factores que axudaban. En resumo, era frecuente na sanidade, na educación e na administración pública. Un non está para discutir cos entrevistados, pero se escolles libremente un oficio e resulta que está peor considerado do que pensabas, por riba mal pagado, e non te botan aínda que traballes a desgusto é evidente que non estás pra gaitas, aínda que peor é a mina. Fixen ben en non discutir, porque en 2000 o Tribunal Supremo recoñeceu o burn out como unha doenza psíquica causante de incapacidade temporal e como accidente laboral.
Agora estamos metidos de cheo noutra síndrome: a posvacacional. Os seus síntomas, como saben polas reportaxes que lle dedican, van desde o ánimo baixo á irritabilidade, pasando por non estar pra nada e pra ninguén. É dicir, nada moi diferente a estar simplemente amolado, sexa por volver ó traballo, porque es do Real Madrid ou porque che apareceu o coche todo raiado. Eu non digo nada, non sexa que veña o Tribunal de Estrasburgo e sentencie algo sobre o asunto, pero a min paréceme que estas cousas o que fan é afondar na irresponsabilidade do ser humano actual. Se estás de mala hostia porque remataron as vacacións ou porque pasaches nelas máis traballos que no choio (un dos taxistas que me trae e me leva asegura que a clientela está máis escangallada os luns que os venres), non é culpa túa. Será do que lle botan á auga da traída, ou algo así, pero nunca nada é culpa túa. Átame esa síndrome polo rabo.

(La Opinión /Faro de Vigo, 6 de setembro de 2008)

Advertisements