“As cousas sempre foron así, e seguirán sendo. Sempre haberá ricos e pobres”. Que levante o dedo quen, de pequeno, non teña escoitado dos vellos esta admonición. Logo dedicas a mocidade -os que teñen corazón como dicía Winston Churchill- a tentar demostrar que non é así, ou a axudar a que non sexa así. De maiores -aqueles que teñen cabeza, sempre segundo sir Winston- aceptan que é así, e mesmo algúns se aplican a que non deixe de selo. Eu son dos que teño pouca cabeza, e a que conservo estrañase moito de cousas como Wall Street, as autoestradas e as vías do tren.

Sobre a crise financeira xurdida no centro neurálxico do mundo occidental e cristián, dos centos de miles de millóns de dólares inxectados para rescatar ás institucións en bancarrota, creo que é un tanto escandaloso que os cartos de todos se teñan que dedicar a evitar as consecuencias das conductas dunhas empresas privadas. Esas Freddie Mac e Fannie Mae (por certo, quen confiaría a súa hipoteca a unha sociedade que se chama Pepe Pérez ou Mari García?), por poñer un exemplo. E o que é peor, que os responsables desas conductas non vaian ter outra preocupación que onde meter o diñeiro que estiveron cobrando e o que cobrarán dos seus contratos blindados. Richard Fuld, presidente executivo do arruinado banco Lehman Brothers, embaulou 35 millóns de dólares en 2007, cando xa se coñecía a desfeita. Un modesto estipendio comparado co que se outorgou o seu compañeiro de naufraxio Stanley O’Neal, de Merrill Lynch: 161 millóns.

O prestixioso –sobre todo entre os que non queren cambiar o mundo- semanario The Economist pediu desculpas por ter apoiado ese capitalismo financeiro que consistiu sinxelamente en que algúns se fixeran de ouro macizo. Aínda que di que tamén así se xerou un considerable crecemento da economía e unha inflación baixa. En España, un destacado tertuliano matutino, caracterizado liberal de voz atiplada, dixo que non era de estrañar eso da inxección de liquidez ás sociedades cun pe na quebra, que sempre fora así. Non sei como casa esa tradición de tapar furados privados con cartos públicos coa defensa de que o mercado é a única lei e o demais é, como moito, beneficencia. Gustaríame saber que opina, por exemplo, a lideresa do liberalismo cru Esperanza Aguirre sobre o plan proposto por Bush para parar a crise financeira: 700.000 millóns de dólares. Sáelle a cada norteamericano, incluídos os que fan cola para que as monxas lles dean un prato de sopa, a 2.000 dólares por cabeza.

Outro pasmo que me deu é a pretendida (pretendida sobre todo polos propietarios) venda das autoestradas. As autoestradas, feitas total ou parcialmente con fondos públicos, vendeunas Aznar (aínda que teño claro que tamén as vendería un goberno doutro signo) e prorrogoulles a concesión 50 anos para que a cousa fose negocio. Nas galegas, o que pagaron ía camiño de quedar amortizado en 15 anos, cos 160 millóns que apañan nas cabinas cada ano, a maiores das peaxes que xa non pagan os usuarios, pero si o resto dos cidadáns (claro que nos sae a moito menos a cada un). Así que tiñan outros 35 anos de beneficios limpos. Todo isto a cambio dunhas promesas á Administración de mellora –terceiros carrís, enlaces, etc- que para os novos propietarios son un pacto verbal que nin vale o papel no que está escrito, como dicía un productor de Hollywood. Agora xa estamos no debate inútil de se os propietarios deberían ser galegos ou das aforas, cando o que habería que discutir é se terían que ser privadas ou públicas.

E logo está o dos trens. A ministra Magdalena Álvarez díxolle ó portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, que estudiaría a posibilidade de ceder a Galicia as vías do tren que quedan sen servicio pola construcción do AVE sobre o trazado actual. Vai pensar se regala 58 kilómetros de vías sen conexión entre elas, pero de ceder o monopolio que ten RENFE sobre a infrautilizada rede ferroviaria que agora é de ADIF, para que unha compañía, pública ou privada, estudie se é rendible facer cercanías ou intercitys -que en Galicia é case o mesm- Ferrol/ Coruña/ Santiago/ Pontevedra/ Vigo, nada de nada. Tremenda xenerosidade. Tamén nos poden dar os ordenadores que sobran dos ministerios, ou os folios impresos destinados á trituradora, para que escribamos pola cara en branco.

O malo non é só que sempre houbo e haberá ricos e pobres. O peor é que uns e outros sempre son os mesmos.

Faro de Vigo, domingo, 28 de setembro de 08

Advertisements