Etiquetas

, ,

Hoxe vivín unha experiencia especialmente esferolítica, dentro do esperpento que está infectando esta profesión. Tiven que cubrir en Lugo o que en teoría era un veciño atrincheirado no seu piso, que ameazaba voar coas bombonas de gas se o desaloxaban, o que provocou que os veciños foron durmir fóra do edificio. O tipo, segundo o publicado -recollido de referencias veciñais, sen contrastar con el- era un individuo de conducta excéntrica -dáballe de comer ás pombas desde a casa, facía pola ventá laces coa cana de pescar e en ocasións andaba espido, supoño que pola casa-. Non era un caso de -especial- inxustiza social: non era o desafiuzamento dunha familia á que lle embargan a vivenda, como debe suceder ançónimamente a diario, e máis que vai pasar, senón que ía ser desaloxado a instancias dunha irmá, propietaria do piso.

Eu agardaba un cordón policial, un negociador con megáfono tentando convencer a un tipo fóra de si berrando pola ventá. A única atracción foi a que fomos convocando os medios cos nosos ires e vires. Ás 12 era a hora H do día D. Unha veciña que estaba de parte del -“habían desaloxar a autros, como a miña veciña de abaixo, que me deixa a roupa negra coa saída do gas”- díxonos que o candidato a quedar sen piso -nun edificio máis que potable- saíra media hora antes, posiblemente a vender castañas. Apareceu o cerralleiro -“o meu é descerrajar, e logo cambiar as pechaduras… Ah?, que non está?, pois mellor”- subiu acompañado da policía local e o actuario xudicial ou como se chame, e santas pascuas. Non me puiden quedar a agardar se volvía o desaloxado e ver como reaccionaba. Logo entereime -enterámonos- que todo xurdira dun ruxe-ruxe veciñal sobre as posibles ameazas do home, que medrou ata que tres familias colleran medo e foran durmir a casas de quen puideron, e chegou a oídos dalgún sagaz gacetillero.

A próxima vez que a min se me escape algo tipo “como me volva tocar as bólas X (por exemplo un xefe) voulle poñer unha bomba lapa no coche”, espero que non haxa sagaces nos arredores que acaben provocando o desaloxo do aparcamento da empresa e a intervención dos TEDAX.

  • [Aquí a versión publicada en La Opinión 18/10/08]
  • Aquí a versión publicada en Faro de Vigo 20/10/08]
Advertisements