Etiquetas

, ,

Once persoas, de momento, están implicadas en Santiago no caso dos contakilómetros trucados, acusadas ter dado gato por lebre, ou máis exactamente por ter vendido gatos vellos e baqueteados como se fosen lebres de potencia e rodadura do trinque. O único que pasou polo cárcere é o autor da milagre da redución estético-mecánica, o alemán, Johan Grimn mentres que o resto dos investigados xudicialmente son a crema –e polo que din a punta o iceberg- dos concesionarios de coches de Compostela. O sector da segunda man e a política norteamericana teñen dúas cousas en común. Unha a popular frase electoral “compraríalle a este home un coche usado?” e outra que nos dous casos se produce unha suspensión da credibilidade, unha convención asumida entre vendedores/políticos e clientes/electores: vostede dígame o que queira que eu créolle a metade.

De feito, a exactitude dos contakilómetros dos coches de segunda man goza de parecida veracidade que eses argumentos tipo “o coche ten os seus anos, pero era da muller dun médico –dun cura, dunha maestra- que o tiña no garaxe todo o día”. Pra a práctica totalidade da poboación, o que indica o aparato ten tanta garantía como as promesas electorais. Como demostración de que o tópico medra arredor dunha verdade como as perlas dunha area que se meteu na ostra está o feito, segundo se ten publicado, que os detallados –non por nada era alemán- arquivos de Grimn recollían un total de 40.000 amaños. Unha chea deles aínda que el tivera o monopolio do mercado rebarba-kilómetros en Galicia. A pesar de que foi o único que levaron preso, non é delicto poñer no contakilómetros a cantidade que che pete, quitado que sexa pra enganar a outro, por moito que non se me ocurra que haxa outro motivo pra facelo. Esas 40.000 operacións de cirurxía mecánica converten nun conto do irmao Grimn –con toda a presunción de inocencia por diante- a escusa dos procesados de que soamente dedicaban os vehículos alixeirados do seu pasado en coches de cortesía pra o cliente e servizos similares. Ou hai un exceso de cortesía, ou un exceso de presunción de tipos que pagan 60 ou 100 euros pra enganarse a si mesmos e non deprimirse cando miran a tralla que lle teñen dado o seu vehículo.

O mesmo pasa co tunning a que someteron a Sarah Palin, a candidata a vicepresidenta do partido republicano. Como o candidato a presidente democráta, Barak Obama, constitúe un fenómeno renovador, algunha mente preclara rival cavilou que para compensar o clásico modelo McCain de político de toda a vida, nada como unha ama de casa un tanto bruta cunha experiencia escasa en política, pero moita en dicir as verdades/largar o que se lle pase pola cabeza, para atender ó votante auténticamente conservador. O malo é que resultou ser bruta de máis, e tiveron que investir 170.000 dólares en pulila a ela e á súa inacabable e non menos bruta familia. Desde comprarlle modelos e cosméticos a obrigar a casar ó que deixou embarazada á filla (o do matrimonio non custou cartos, non sabemos se esforzo).


Pero por que nos imos escandalizar dese investimento en reformar imaxes, cando aquí fomos pioneiros en trucar o kilometraxe de Fraga naquelas fotos de campaña en que parecía que aínda estaba en rodaxe. O malo é que nos xulgados non se investigaron nunca, nin admitiron a trámite as denuncias cando se presentaron, sobre presuntas estafas electorais.

(Faro de Vigo/ La Opinión, sábado, 25 de outubro de 08)

Advertisements