Eu tamén penso que vai saír Barak Obama, naturalmente. Hai que ser un conservador moi encalecido (ata Fraga aposta por Obama) ou un antisistema moi disparatado para querer que gane McCain. Claro que estamos en Europa, e desde aquí vense as cousas doutra maneira, como á espera de recibir un labazada ou unha caricia do irmao maior. De aí que falemos do tema. E todos preferimos que non sexa labazada. Pero alí, onde as dan, as cousas son distintas, ademais de raras.

En primeiro lugar, os cartos. Desde que vin, na praza Damn de Amsterdan, uns paneis onde se pegaban os carteis dos distintos partidos como a única traza de que se estaba nunha campaña electoral, comprendín que deste lado do mar entendemos que o xogo limpo electoral será tanto máis limpo canto máis iguais sexan as armas. Enfronte supoño que se pensa que se alguén non dá xuntado cartos -é decir, vontades, confianza- para facer unha campaña multimillonaria, qué porra de presidente do país máis importante do mundo, e do mundo enteiro xa postos, vai ser un tipo do que non se fían nin lle fían. O segundo, o moito que representan os candidatos, e a forma tan curiosa en como o representan. Está claro que o martes que ven enfróntanse non tanto dúas maneiras de ver o mundo, tal e como o vemos ou queremos ver aquí, senón dúas persoas moi distintas que simbolizan mundos distintos, pero que no fondo non penso que farían unha política moi diferente.

Pero sobre de todo é completamente allea ós nosos usos electorais esa personalización absoluta do fenómeno político. Barak Obama non ganou a designación demócrata pola súa preparación, ou porque non había outro -que é o que adoita pasar aquí- senón porque mostrou unha personalidade esmagadora e seductora. A McCain non sei porque o elixiron -supoño que, ademais dun heroe de guerra, era o menos identificable con Bush, probablemete o presidente dos Estados Unidos a quen peor xulgará a historia-, pero é abraiante o sistema co que escolleu ó seu socio do que alí chaman ticket. A Sarah Palin elixiuna non porque soubera, senón porque era un fenómeno novo. Tan fenómeno e tan novo que se está revelando como un desastre para a campaña, pero xa está preparando -din- a súa carreira como candidata presidencial para dentro de catro anos. Nese lapso de tempo converterase definitivamente nunha superstar, que é do que se trata.

A personalización non é soamente dos candidatos, senón que acada extremos como a aparición en escena de Joe o Fontaneiro, e ultimamente Tito o Contratista, símbolos virtuais que se encarnan en seres reais, como se a nena de Rajoy -non sei si se acordan, queda todo tan lonxe- se chamase Nievitas ou Yerai e fose de Villaviciosa de Odón, e interviñera de teloneira nos mitins do PP. No que si nos parecemos é no valor relativo que lle damos ás enquisas. Obama gana por dez ou doce puntos, pero tamén aquí nas últimas autonómicas a Fraga dáballe 33 ou 34 e sacou 37. Iso quere dicir -ademais de que en todas partes cocen fabas- que o cidadán enquisado está cada vez máis avisado, ou non quere quedar mal opinando o contrario do que pensa que opina a maioría, ou do que está ben opinar. Ou sexa que non sei. Soamente que se vai o tipo ese que parecía parvo e resultou ser malo. Outra vez en que, se non alegría, polo menos haberá alivio.

(Faro de Vigo, 3 de novembro de 08)

Advertisements