Etiquetas

, , , ,

O outro día tiven que cumprir cun compromiso que levaba adiando todo o posible, porque era un trago. Falar en nome do colectivo profesional coa familia de José Cendón, secuestrado en Somalia, pra mostrarlle o noso apoio moral -cal, senón?- e poñernos á súa disposición para o que poidamos axudar, pouco ou nada, para que nos imos a enganar, quitado o de seguir petando e non deixando que esa porta se peche ante outras prioridades da actualidade. Tendo en conta que están pegados ó teléfono, e que as únicas chamadas que lles deben interesar entre os centos que reciben son as que lle fan desde o Ministerio de Exteriores (“chamáronnos hai pouco, á tardiña”), foron, a nai en concreto, extremadamente amables, e quen acabou cun nó na gorxa fun eu. Sobre todo ó colgar e pensar no que vale para cada quen unha vida.

José Cendón / France-Presse   Hospital psiquiátrico de Burundi (Premio World Press Photo 2006)

A Cendón e ó seu colega secuestráronos, polo que se sabe, os seus propios tradutores. Aqueles neses países nos que non se sabe se son peores os policías ou os delincuentes, no caso de que haxa policía ou de habela se hai diferenzas entre uns e outros. Hai dous tipos deses lugares. Uns nos que, como escribía P.J. O’Rourke calquera con 20 anos prefire facerse cunha bandeira e cun AK47 e xogar á guerra antes que morrer de aburrimento cos outros folgazáns. Outros, como Somalia, nos que hai que escoller entre morrer de fame ou matar procurando que non te maten. En calquera das dúas opcións tes que ir forrado -literalmente, cos billetes pegados á pel- de cantos máis cartos podas, porque non aceitan tarxetas e todo custa o que o interlocutor pensa que estás disposto a pagar, que para el é sempre moito, pero intúe que para ti, para Occidente, non é nada.

Neses casos, polo que me dixeron, teste que fiar ou de quen se fiaron outros ós que non lle pasou nada, ou da túa intuición. E podes dar con alguén que dará a vida por ti polo salario duns días, ou quen está calculando cando poderá sacar por ti mentres che fai as xestións. A Cendón puidérono secuestrar as autoridades por ter rexeitado protección policial, ou os intérpretes, ou xente que xa se dedicaba á bandidaxe antes das desgracias que ten agora o país. A xente que ten que tomar esas decisións son xornalistas, o mesmo oficio de contar historias que outros que viven -ou vivimos- de asaltar vidas alleas, recibindo cada vez máis a consideración de “carroñeros” nas olladas ou directamente á cara, por parte de xente que logo con toda probabilidade contribúe ás audiencias dese tipo de programas.

Pero estabamos no que vale unha vida. Unha vida aquí, onde se perden 500 ou 1000 ó ano en accidentes de coche, e hai xente que pon cartos e esforzos para traer, como este xoves pasado, a un neno dun ano de Benin para operalo do corazón na Residencia da Coruña (aínda non me afago a tratalo de CHUAC). A vida alí, en África, onde a SIDA mata diariamente a 6.000 persoas, máis que calquera guerra ou desastre natural, e millóns de nenos son orfos a causa deso e/ou son seropositivos. E en boa parte porque o papón que goberna decreta que o mal non existe ou é unha maldición ultraterreal por terse portado mal (como aquí pensaron e pensan outros papóns, por outra parte).

Aquí, onde do que se morre é de vello ou nun accidente, o que nos queda é agradecer non ter que estar, como a familia Cendón, mirando o teléfono, non sabendo se é mellor que soe ou que non.

(Faro de Vigo, 4 de decembro de 08)

Advertisements