Etiquetas

, , ,

Estes días celebrouse unha destas conmemoracións importantes que tanto alegran ós responsables de magazines e reportaxes pensados con tempo. O 60 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos das Persoas, dos dereitos humanos, dito sexa co mesmo aforro sintáctico co que os taxistas da Coruña chaman “los derechos de la mujer” ó primeiro Centro de Información e Asesoramento da Muller que se creou na cidade.

As conmemoracións consistiron esencialmente en lamentar que non se cumpran, que non está vixente case ningún en moitos sitios e algún en determinados lugares, e que a ver se melloramos. Mesmo escoitei unha enquisa deses sen máis valor sociolóxico que o criterio do que pasea o micrófono, na que se lle botaba a culpa a tercias do seu incumprimento á política, á economía e a nós mesmos (así, en xeral). Analizando sen embargo os dereitos, que non pasan de 30, o que máis chama a atención é o optimismo que destilan. O raro sería que se cumpriran. Soamente poñéndonos na época podemos entender que se aprobara na ONU, sen voto en contra ningún, unha resolución semellante. Hoxe de seguro que non saía adiante. Pero era 1948, en plena resaca dunha guerra espantosa, na que mesmo os que tiñan a razón moral e venceron (non precisamente por tela) cometeran tamén crimes espantosos. Unicamente nese estado de expiación colectiva se entende que houbera práctica unanimidade á hora de facer ese preámbulo tan bonito: “A liberdade, a xustiza e a paz no mundo teñen por base o recoñecemento da dignidade intrínseca e dos dereitos iguais e inalienables de todos os membros da familia humana”, e ese artigo 1º: “Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, débense comportar fraternalmente uns cos outros”. Emocionante, non?

A min mesmo me parecen admirables outros menos citados e menos coñecidos, como o 20º.2: “Ninguén poderá ser obrigado a pertencer a unha asociación” (nin a ser presidente dunha comunidade de veciños, debería engadir) e o 24º: “Toda persoa ten dereito ó descanso, ó gozo do tempo libre, a unha limitación razoable da duración do traballo e a vacacións periódicas pagadas” (que non sei como casará con esa directiva europea que establece o límite nas 65 horas semanais de traballo). Como texto declarativo, o dos dereitos humanos é tan contundente que mesmo os que non son quen de subscribilos os axeitan, e así hai dúas ou tres declaración de Dereitos Fundamentais Islámicos, que son unha adaptación limando aquí e alá, nunca mellor dito.

Sen embargo, metidos en fariña utópica, eu pediría que se lle engadiran algúns artigos que me parecen esenciais na actualidade. Por exemplo, o dereito a que os poderes públicos e os representantes políticos non te tomen por parvo, e de ser posible, que teñan sentido do ridículo e eviten, por exemplo, uns esixir para o voto emigrante a transparencia que non implantaron cando puideron, e outros negala agora cando antes denunciaban que non existía. De todas formas, de pedir un dereito concreto, aquí e agora, solicitaría o de que as institucións e os medios ó seu servizo non te obriguen a ser partícipe de loitas localistas e pailanas, sobre quen a ten -a cidade, a área metropolitana- máis grande. Que estas cousas xa se sabe como empezan, e peor aínda, tamén como acaban.

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo)

Advertisements