Creo que xa lles teño dito que os consellos paternais cos que me enfrontei ós problemas da economía, versión micro ou macro, foron “fillo, nunca lle debas a ninguén, e nunca compres a prazos”. Así que imaxinen como me vai con semellante background sobre o mundo da finanza. Pero chéganme e sóbranme para afrontar o resumo do ano que todo columnista ordenado adoita facer por estas datas. Se fose un titular, podía ser: “O ano en que descubrimos a Obama e que os ricos tamén son parvos”, pero será máis exacto -aínda que menos periodístico- este outro: “O ano en que descubrimos que o famoso mercado non existía e que non había alternativa”.

Se tiveramos efectivamente que identificar 2008 cunha personalidade, esa sería a de Barak Obama, que xurdiu como unha onda que superou non soamente á esgotada e afundida opción republicana, senón as propias barreiras, as del (a raza, as orixes relixiosas e familiares) e as do sistema do seu partido. Está claro que non é un home corrente, un tipo deses que confirman o dito de que calquera pode chegar a ser presidente dos Estados Unidos (e xa non digamos doutros lugares). Quizais por iso o escolleron, para que sirva de contraforte, de elemento ilusionante, xa que non efectivo, ante a crise máis importante do mundo occidental desde a II Guerra Mundial. Daquela, as sociedades máis ou menos consolidadas quedaron divididas en dous sistemas antagónicos, rexidos respectiva e teoricamente polo mercado e a planificación. Din que o século XXI comezou co derrubo do sistema de planificación, é dicir, o comunismo, pero o seu rival, o mercado, non tardou nin unha ducia de anos en revelarse que era outra mentira. Como dicía aquel personaxe ruso de Los lunes al sol: “Todo o que nos dicían do comunismo era mentira, pero todo o que nos dicían do capitalismo era verdade”.

En 2008 sóubose, e cada quen que o crea ou non e que saque as súas conclusións, que o mercado non era un mecanismo autónomo, segundo nos aseguraban sempre, senón un xogo de trileiros. Os alimentos básicos no terceiro mundo suben de prezo astronomicamente simplemente porque se anuncia que se vai apostar polos biocombustibles. Resultou ser un farol, pero os prezos non baixaron. Os primeiros síntomas da crise obedecían a que o petróleo estaba a 150$ o barril. Agora que non custa nin a terceira parte, estamos na mesma. Os bancos eran institucións serias que analizaban a quen prestaban os cartos, co obxectivo de que llelos devolveran con creces. Resultou que llos daban ó primeiro que pasaba por diante, con tal de darlle colocado logo eses papeis que non valían nada a outros bancos. Os gobernos velan polos intereses dos seus cidadáns, pero danlle (caso de España) 8.000 millóns de euros a unhas entidades financeiras que ganaron case 15.000 millóns no que vai de ano, para axudalos a que dean créditos, porque agora non llelos dan nin a quen pode devolvelos.

En resumo, estamos nunha crise, e ás portas do ano máis negro en moito tempo, non porque saiamos dunha guerra, se estragaran as colleitas, viñera a peste negra ou se paralizara a produción de enerxía: estamos como estamos porque o mercado, os seus protagonistas, teñen unha clara tendencia a transformalo en latrocinio puro e duro, se non hai quen os vele. E o problema e que de abaixo non xorden alternativas, e por arriba, moito traballo me parece para Obama facer que represente unha.

Advertisements