Nunca pensei verme nestas, de verdade. Dando consellos en público, ou peor aínda, normas do que antes se chamaba urbanidade. Pero igual que a proliferación dos coches motivou que se implantaran algunhas regras (ir sempre por una man, deixando a metade da vía para os que veñen pola contraria) a chea de trebellos electrónicos que manexamos impón que se sigan uns comportamentos mínimos. E non caio no feo vicio de dicirlle ós demais o que deberían facer porque pense que é unha obriga cívica. A min, todos os que nos aeroportos, en canto chegan ó sitio de coller as maletas, prenden o aparato, din “oyé, que ya llegué”, e comezan a radiar o proceso ata que collen o taxi ou ata que o deixan, tanto me teñen. Se non coñecera ás empresas operadoras, mesmo abrigaría a esperanza de que a existencia dese tipo de usuarios supuxera unha baixa das tarifas para os demais. O meu é por puro egoísmo: amólame tanto que coman diante de min coa boca aberta como que berren ó meu lado polo móbil.

En realidade, amólame que me berren en xeral, pero é desculpable nalgunhas circunstancias (por exemplo, no fútbol, sempre que o berrador sexa dos nosos). Sen embargo, aturuxarlle a unha moderna terminal telefónica coas prestacións que actualmente teñen so sirve para saturar o son, non para mellorar a comunicación. Se o problema está do outro lado, caso de interlocutor medio xordo, é máis útil instruílo no uso do regulador do volume que colapsar o diminuto pero potente micrófono do noso manglanillo. Normalmente, si se lle fan estas indicacións a un deses berrallouzas público, o habitual é que respondan que a nós que nos importa o que diga ou como fale. Precisamente por iso, porque non nos importan, preferimos non escoitalas.

Con todo, pretender educar a descoñecidos -e peor aínda, a descoñecidos que berran- normalmente é tan inútil e por veces tan arriscado como predicar o anabaptismo en Arabia Saudita (eu estouno facendo por diñeiro e porque o único que me poden romper é o papel). Outra cousa é instruír ós coñecidos, que non leva perigo, e ademais, se lle dá corte facelo, sempre pode darlles a ler isto. Afearlle a conduta ós coñecidos que berran é facerlles un favor. E o mesmo ós que se poñen a murmurarlle ó teléfono. Se temos claro que queda pouco fino en sociedade que un se poña a secretear e comerlle a orella a outro diante de todos, o mesmo pasa co teléfono. Se chaman e hai que falar, pídese permiso e faise un aparte un momento. Un momento, non media hora. A xeneralización do móbil supón que xa non chamamos a un sitio senón a unha persoa, como rezaba a publicidade dunha operadora do ramo, pero iso non quere dicir que o destinatario das chamadas non teña outra cousa que facer que atendelas. O normal cando se chama a alguén para algo que levará máis ca un par de minutos é preguntarlle se dispón dun momento.

Evidentemente, quitado que o grupo sexa numeroso, tampouco vale andar smseando, sobre todo porque hai perigo de quedarse birollo de tanto atender a dúas frontes, a realidade e a pantalla. Finalmente, o dos politonos e realtonos ten a súa gracia, pero como todo, depende do contexto. O de “por qué no te callas”, ou o do paleto futbolero, por exemplo, convén desactivalos antes de ir a unha entrevista de traballo. De feito, o que convén é desactivar o teléfono enteiro.

Unha vez conseguido que o coñecido a medio educar pare quieto co teléfono, o paso seguinte é o correcto uso do email. Alguén podería argumentar que é unha parvada regular o que é unha actividade privada, e ese alguén xa debería estar dado de baixa da axenda de enderezos de calquera persoa sensata, porque precisamente do que se trata é de asegurar que siga sendo privada. Os pecados máis graves no uso do correo electrónico son dous. Un é andar participando en cadeas de reenvíos masivos con finalidades teoricamente altruístas. Desengánese, desgraciadamente non se consigue salvar neno ningún afectado por doenzas penosas mandando emails, e tampouco organismo ningún manda alarmas de virus por ese conduto. É máis, o auténtico efecto viral é que gracias ós reenvíos masivos, os enderezos chegan a mans duns espelidos que despois o mazarán a ofertas de alongamento de membro viril ou de lotes de viagra (non sei se é que non hai ofertas para mulleres ou os emisores de spam conseguen averiguar o sexo do destinatario). O outro pecado é mandar mensaxes con cousas paveras que se agradecerían se non se mandasen cos destinatarios ó aire (“para” e “cc”) e non en “copia oculta” (“cco”), e as consecuencias son máis ofertas de alongamento e de viagra. (Se isto non lle soa de nada, alomenos faga o favor de mandar os correos de un en un). Dous pecados que se resumen nun: os enderezos alleos non se comparten.

Haberá alguén a estas alturas que pense que non é para tanto. Alá cada un. Pero tal e como están as cousas, cada vez con máis normas legais que determinan os usos correctos e incorrectos de todos (os móbiles nos coches, as descargas de internet) eu iría facéndome un home/muller de orde e proveito. Xa mo agradecerán.

domingo, 20 de xaneiro de 2008

Advertisements