Etiquetas

, , ,

Gaza foi a cidade á que os filisteos levaron preso a Sansón, logo de que Dalila lle quitara a forza rapándoo, e o meteron a dar voltas á roda dun muíño, e onde logo fixo a desfeita que fixo. “Cego en Gaza, na nora cos escravos”, escribiu o poeta inglés John Milton. A actual demostración de forza bruta que fai o Estado de Israel contra o millón e medio de persoas atrapadas nese lugar pechado a cal e canto non ten nada de vinganza histórica, pero si de darlle voltas de forma cega á roda universal da infamia. Bombardear un territorio e causar un milleiro de vítimas para castigar os ataques procedentes de alí, que nun par de anos provocaron media ducia de mortos é como se o exército español cercara a comarca guipuscoana do Goierri e a canoneara polo feito de que a grande maioría dos seus habitantes son abertzales.


Eu leo alegatos das dúas partes, e mesmo recibo informes que aquí se chamarían transversais, que, tentan ser obxectivos. Os argumentos israelís, ademais do xa citado da defensa, é que os militantes de Hamas se refuxian entre a poboación civil, e particularmente nos nenos. Xa Golda Meir, líder laborista, e cuarta primeira ministra de Israel dixo: “O día en que o amor dos árabes aos seus propios fillos sexa mais forte do que o odio aos seus inimigos, terá acabado o conflito árabe-israelita”, pero tamén que “podemos perdoar aos líderes árabes que maten ós nosos nenos. Non podemos perdoarlles que ó defendernos, contra os nosos sentimentos, matemos nenos árabes”. Un problema é que nunha franxa de 40 kilómetros de longo non hai moito onde se esconder, e máis se hai animais como Avigdor Lieberman, ex ministro de Fomento e vice-primer ministro durante o goberno Olmert, líder do partido de extrema-dereita Yisrael Beiteinu avogou por empregar “o sistema dos EE UU co Xapón na II Guerra Mundial” e usar bombas nucleares para facer innecesaria a ocupación de Gaza.

Outro é que o morte dos nenos sexa unha traxedia cruel, exactamente igual que é cando son os seus propios pais os maltratadores. E o terceiro é que as consecuencias son a progresiva fanatización nos dúas sociedades. Israelíes e palestinos eran os pobos máis civilizados e laicos cando comezou o conflito, e hoxe son pobos atenazados polos respectivos integrismos. O laborismo israelita pasou de ser un socialismo exemplar a ser cómplice da barbarie, e a resistencia palestina, dun feixe de grupos de distinto grado de esquerdismo a unha competencia a ver quen é máis islámico. Nesa escalada, Hamas, que é tan terrorista como o foi o Irgún, o brazo armado do movemento sionista desde 1931 ata que se creo o Estado de Israel, ten todas as de ganar porque acumula mártires e partidarios, e a poboación palestina todas as de perder, porque pon o sufrimento e os mortos. Morren os pobres dos filisteos, pero tamén Sansón.

E mentres, aquí enchemos páxinas con temas tan esenciais como as concesións eólicas. Eu nunca tan avergonzado me sentín dese contraste como na rolda de prensa de José Cendón. Mentres el dicía que o que lle interesaba era retratar o sufrimento da xente (e sufrimento haino en todas partes), colegas meus facían cousas tan estrambóticas como asaltalo para preguntarlle que, que tal? mesmo cando entraba na rolda de prensa, ou interrogalo ata tres veces que sentiu cando abrazou a seus pais, como se iso se puidese describir.

Ou os directos. Teoricamente, un directo é dar paso ó que está pasando, pero cando a escaleta dun programa matinal decide que se está en directo, aínda que se estea esperando pola irmá para comezar o acto, fáiselle a pregunta como se xa empezara. E se o que pasa é que o da Asociación da Prensa de Santiago está degrañando a lista dos 104 xornalistas mortos o ano pasado e os 138 enchironados, tamén se lle interrompe para que o público de Ana Rosa Quintana poida escoitar como está o protagonista do día e que sentiu ó abrazar á familia.
E digo eu, a toda estes das escaletas non lle interesaría saber en directo o que pasa en Gaza?

Advertisements