Oian, eu tamén quero falar/escribir de Obama, que para iso é un tema de candente actualidade e para iso papei a toma de posesión toda, repeticións e momentos máis significativos e anecdóticos incluídos. Escoiteino pola radio, vino pola tele e lino ó día seguinte nos xornais. Eu tamén asistín afervoadamente, tamén fun protagonista, aínda que de forma vicaria e a cuberto, dese momento épico e lírico. Un acontecemento máis da Historia no papo, prezados lectores.
Como saben, asistimos a un fenómeno mundial porque o presidente norteamericano número 44 é o primeiro afroamericano, un paso de xigante corenta e pico anos despois doutro paso adiante, doutra excentricidade: a designación do primeiro presidente católico, John Fiztgerald Kennedy. Da posta en escena, o que máis me gustou foi o que Boris Izaguirre cualificou na radio como “momento Ben-Hur”: o intre no que uns heraldos tocan a trompeta para anunciar que sae ó palco o presidente electo. Tamén moito o desfile, tanto o das bandas (xa sei de onde sacou Steven Spielberg o modelo para o desfile triunfal na capital do planeta Naboo no final feliz de Star Wars. La amenaza fantasma ) como o do propio presidente, cuspido ó das películas, arrodeado de axentes secretos como armarios de tres corpos. En definitiva, gustoume comprobar a pompa e circunstancia do que non deixa de ser un relevo dun cargo civil feito co mesmo simbolismo pedagóxico ca unha coroación imperial. Ata está pensando o momento en que o saínte desaparece da circulación. “Hala, para casa!” déronme ganas de berrar cando George W. Bush se despedía coa manciña na escada do avión.
Agora -xa antes, pero máis agora- todos somos Obama. Os de esquerdas (para entendermos) porque iso vén sendo (daquela maneira) o Partido Demócrata e porque na dereita española a política de Bush chegou a conservar máis partidarios ca no seu propio país ó remate do seu mandato. Pero resulta, nunha proba máis do seu liderado, que é de todos. Para o PSOE, pola súa defenda do público, por moito que logo da desfeita financeira mundial provocada pola desregulamentación, ata en Wall Street hai defensores pechados da intervención estatal. No PP agárranse ó seu patriotismo, como se todos os estadounidenses non o foran oficialmente, quitado algúns nos anos 70, e tamén, vendo a palla en ollo alleo, a que é un gobernante que ofrece garantías e firmeza, non coma outros. Realmente, os únicos descridos ou pre-escaldados son os da esquerda-esquerda, sobre todo nos EEUU, que avisan que non vai ser para tanto.
Eu non sei se vai ser ou non, e no seu caso é como para chegar e padecer unha crise de ansiedade, pero independentemente da habilidade ou torpeza das súas decisións, considero que non hai que desprezar o valor e a utilidade da esperanza e da confianza colectivas. Dígoo porque nas últimas horas pasáronme dous casos claros de obamanismo. O primeiro nun restaurante, cando o camareiro, que nos sabía periodistas, abroncounosde porque o malo non é que haxa crise, senón que nos pasamos todo o día a falar dela, meténdolle o medo no corpo á xente, que así non gasta o peso que si podía permitirse gastar. En resumo, non hai nada peor que o desánimo. O outro foi cando coincidimos dúas señoras e eu na parada do bus. Acababa de pasar e tocábanos agardar media hora polo seguinte, e a maior delas concluíu que, como tiña presa, ía coller un taxi e propúxolle á outra levala se lle coincidía. Coincidía, que as dúas ían para El Corte Inglés. Como a min mal non me viña, díxenlles que me apuntaba, se non tiñan inconveniente. Asentiron sen poñer siquera mala cara ou de dúbida. Ese é o espírito.
(La Opinión de A Coruña, sábado 24 de xaneiro de 09)
Pois non teño nada en contra do tal Obama pero teño unha factura da sua imaxe que en canto leo ou vexo ou oio algo sobre o susodito, paso páxina ou cambio de canal. Pásame como con o meu equipo, salvo para saber o resultados (cajoná, ultimamento iamos ben pero volvemos a perder o fio) o resto dos asuntos é que mais que farto os teño até ali mesmo.
saudos e como din que di o gichiño en cuestión, verémonos en primeira (aljun día)
Si que cheira un pouco o asunto si, por iso me desculpaba eu ao comezo. O feito de que segundo non sei que enquisa fiable, o meirande fenómeno de 2008 para os españois fose Obama e non a crise é un tanto curioso (por cualificalo dalgún xeito)
Pois mire que a min, de Obama, o máis interesante para comentar paréceme o tira e afrouxa que se traen entre mans detractores e defensores do susodito dentro das fileiras nacionalistas.
Un caso digno de estudo, abofé.
Non se me ocurriu, ou máis ben, ignoro ese fenómeno. Debo ter que frecuentar máis eses ambientes. Ilústrenos, ou comprométase a estudalo coa profundidade que adoita
Se Obama responde ou non ás expectativas (algunhas das cales el mesmo alimentou), “hase saber”, como din os paisanos, ou “saberase”, como din os filólogos.
Hase saber e pouco haberá que lle facer
Gustoume o momento cubano de coller o taxi entre tres. Ese debería ser o espírito, abofé.