Damas, cabaleiros, xente toda e militares sen graduación. As cousas son como son e hai que dicilas pese a quen pese: se as Administracións non loitan efectivamente contra o paro é porque non queren, porque non saben ou porque perderon as habilidades. Miren todos, desde Washington a Bruxelas pasando por Madrid e Compostela, cara Ourense. Pasmen coa que nos textos de economía do futuro se chamará “a solución Baltar”, que terá un recoñecemento similar ó que tivo Keynes cando sentou despois da II Guerra Mundial as bases do intervencionismo estatal como método de mellora e de estabilidade da economía. Sen tanto rebumbio, humildemente e pola calada, José Luis Baltar, presidente da Deputación de Ourense coida, como sostiña o influínte pensador británico, e contra as opinións dos economistas clásicos, que a causa real do paro é o insuficiente gasto en inversión. Así que creou 33 postos de traballo onde parecía que chegaban con catro ou cinco.

Iso é o que se desprende da denuncia, inducida probablemente pola envexa, feita polos socialistas ourensáns. A de que Baltar contratou 33 porteiros (once fixos e 22 contratados) para o seu Centro Cultural (o do organismo provincial, non do seu presidente). Como o edificio ten dúas portas, saen a 16 por porta, e un de garda a maiores por se hai que reforzar calquera dos dous equipos. Ben é certo que, como xa observou e escribiu no seu tempo Calderón de la Barca, Casa con dos puertas, mala es de guardar, pero un cadro de persoal así dá para tela aberta e ben gardada 24 horas, sete días á semana. Tamén o Teatro Principal conta cun equipazo, neste caso de limpeza, porque o presidente contratou 16 limpadores, a maiores dos fixos. Nun paralelismo que non debemos desprezar como meramente casual, Keynes foi tamén propietario do Teatro de Artes de Cambridge, e puxo tanto entusiasmo nel que un día que o porteiro estaba ausente, el propio se puxo a cortar as entradas na entrada. Unha anécdota que sen dúbida inspirou a solución do seu discípulo ourensán.

Está claro que con equipamentos culturais tan dotados e limpos como unha patena, o nivel cultural dos ourensáns vaise poñer ó nivel, caso de non estalo xa, de que a cidade mereza de novo aquel cualificativo de “Atenas de Galicia” que lle deron cando a metade dos escritores e creadores do noso país andaban por alí. Antes de figurar nos futuros textos de macroeconomía e ser obxecto de papers e teses doutorais, a particular política de persoal da Deputación de Ourense xa dera que falar en múltiples ocasións, e non sempre a favor. Tanto pola calidade do sistema de selección como pola cantidade resultante. Nalgunhas dependencias non había asentos para todos os empregados, pero acaso non se dixo sempre que a mellor inversión é en capital humano?

Eu non sei como se compaxina a innovadora solución baltariana ó dramático asunto do paro coa elección como cabeza de lista por Ourense de Luis Carrera Pásaro, home procedente do sector das finanzas, sempre tan proclive (o sector, descoñezo se tamén o señor Carrera en particular) á contención do gasto, a actuación de controllers e a supervisión mediante due dilligence, entre outras cousas das que non teño a máis mínima idea do que significan, pero soan como de moito ter o ollo enriba dos cartos e de que se fai con eles. Claro que o recente afillado político de Baltar vai ir destinado a Compostela, e aló estílanse outros usos. Ou semellantes, pero sen ese brillo especial que o político ourensán lle dá a todo o que toca.

(La Opinión A Coruña, sábado, 31 de xaneiro de 09)

Advertisements