Non falo inglés, entre outras carencias. Home, algo sei e entendo para ir tirando cando vas polo mundo, ou para ler un titular ou percibir de que vai unha canción. Quizais por iso, por ignorancia, me levanto das patas de atrás cando escoito a liña habitual dos anuncios de cursos e academias que viven de ensinar británico ou estadounidense: burlarse de quen non o sabe e chamarlle á cara discapacitado social. “Aínda non sabes inglés, burricán?”, “pois vas dado tal e como está o mundo, inútil!”, veñen sendo as mensaxes espidas da roupaxe publicitaria que as envolve. Así de directas.

O que me chama a atención son tres cousas. Unha o descaro desa liña argumental, que tamén se utiliza, é certo, para convencer á xente de que se saque o graduado escolar, un curso de asistente sanitario ou de mestre de obras. A segunda, que eses sectores ultrasensibles ós ataques que presuntamente recibe o español non reaccionen e se alporicen ante ese menosprezo. Mesmo desde que morreu Lázaro Carreter, ninguén se molesta siquera en denunciar a invasión de anglicismos, por non falar das importacións directas e sen traducir. Debe ser que, como sempre, é máis doado e máis seguro tirar as pedras cara os de abaixo que cara os de arriba. A terceira, a teima de que todos temos que saber inglés –e informática- ou non somos nada na vida.

Por suposto, non teño nada contra o inglés. Son un convencido anglófilo en literatura e noutros moitos aspectos, e mesmo lamento que me tocase o bacharelato de francés, idioma que rematei sabendo ler sen problema, e mesmo escribindo aceptablemente, pero que teño moi escasas ocasións de practicar. Eu non son deses que pensan que o cerebro é como unha praza de garaxe, na que soamente podes gardar un vehículo lingüístico á vez. Pero tamén teño que confesar que desenvolvo sen problemas a miña vida profesional e persoal con esa carencia, e que levaría bastante peor ser un analfabeto informático. Por outra parte, non teño o ánimo da miña sogra, que con 80 e pico anos confesa regularmente que está medio animada a facer un curso “para aprender inglés”. Eu, por non quitarlle a ilusión, non lle digo o que realmente penso, que os idiomas non se aprenden “nun curso”, quitado xente como Unamuno, do que uns contan que aprendeu danés para ler a Kierkegaard e outros que xa o sabía antes, senón gracias a un estudo constante ou mediante inmersión, con salvavidas ou a pelo, como os aprenderon os nosos emigrantes por aí adiante.

Mostra desa englishdolatría que ten a sociedade e na que se amparan os que proclaman que están obsesionados co teu inglés (e cos cartos que estás disposto a desembolsar para satisfacela) e da alegría inmensa que preside a formulación das oferta electorais, é esa promesa dos socialistas de promovelo no ensino impartindo nese idioma outra materia a maiores. (Sobre a outra obsesión, a da informática, non haxa pena, que xa se espilen os rapaces pola súa conta).

Eu sería completamente feliz se os rapaces saíran de secundaria dominando tres idiomas, os dous seus e un de fóra (a nosa economía familiar concreta aforraría uns cartos en academias). Pero me temo que o meu gozo, e os dos electores que piquen, vai acabar nun pozo. En primeiro lugar porque idéntico experimento, con intencións ben distintas, xa fallou en Valencia, onde daban en inglés Educación para a Cidadanía, con tradución simultánea, e os escolares, que xa bastante teñen con entender calquera linguaxe que non sexa audiovisual, non daban pé con bóla. E por outra parte, se xa hai profesores que se rebelan porque lles custa dar en galego as materias (esa é unha das orixes de Galicia Bilingüe, por certo), a ver de onde saen os que as van dar en inglés. Quizais fose máis axeitado meter a englishdolatría en Historia das Relixións.

Advertisements