Non falo inglés, entre outras carencias. Home, algo sei e entendo para ir tirando cando vas polo mundo, ou para ler un titular ou percibir de que vai unha canción. Quizais por iso, por ignorancia, me levanto das patas de atrás cando escoito a liña habitual dos anuncios de cursos e academias que viven de ensinar británico ou estadounidense: burlarse de quen non o sabe e chamarlle á cara discapacitado social. “Aínda non sabes inglés, burricán?”, “pois vas dado tal e como está o mundo, inútil!”, veñen sendo as mensaxes espidas da roupaxe publicitaria que as envolve. Así de directas.
O que me chama a atención son tres cousas. Unha o descaro desa liña argumental, que tamén se utiliza, é certo, para convencer á xente de que se saque o graduado escolar, un curso de asistente sanitario ou de mestre de obras. A segunda, que eses sectores ultrasensibles ós ataques que presuntamente recibe o español non reaccionen e se alporicen ante ese menosprezo. Mesmo desde que morreu Lázaro Carreter, ninguén se molesta siquera en denunciar a invasión de anglicismos, por non falar das importacións directas e sen traducir. Debe ser que, como sempre, é máis doado e máis seguro tirar as pedras cara os de abaixo que cara os de arriba. A terceira, a teima de que todos temos que saber inglés –e informática- ou non somos nada na vida.
Por suposto, non teño nada contra o inglés. Son un convencido anglófilo en literatura e noutros moitos aspectos, e mesmo lamento que me tocase o bacharelato de francés, idioma que rematei sabendo ler sen problema, e mesmo escribindo aceptablemente, pero que teño moi escasas ocasións de practicar. Eu non son deses que pensan que o cerebro é como unha praza de garaxe, na que soamente podes gardar un vehículo lingüístico á vez. Pero tamén teño que confesar que desenvolvo sen problemas a miña vida profesional e persoal con esa carencia, e que levaría bastante peor ser un analfabeto informático. Por outra parte, non teño o ánimo da miña sogra, que con 80 e pico anos confesa regularmente que está medio animada a facer un curso “para aprender inglés”. Eu, por non quitarlle a ilusión, non lle digo o que realmente penso, que os idiomas non se aprenden “nun curso”, quitado xente como Unamuno, do que uns contan que aprendeu danés para ler a Kierkegaard e outros que xa o sabía antes, senón gracias a un estudo constante ou mediante inmersión, con salvavidas ou a pelo, como os aprenderon os nosos emigrantes por aí adiante.
Mostra desa englishdolatría que ten a sociedade e na que se amparan os que proclaman que están obsesionados co teu inglés (e cos cartos que estás disposto a desembolsar para satisfacela) e da alegría inmensa que preside a formulación das oferta electorais, é esa promesa dos socialistas de promovelo no ensino impartindo nese idioma outra materia a maiores. (Sobre a outra obsesión, a da informática, non haxa pena, que xa se espilen os rapaces pola súa conta).
Eu sería completamente feliz se os rapaces saíran de secundaria dominando tres idiomas, os dous seus e un de fóra (a nosa economía familiar concreta aforraría uns cartos en academias). Pero me temo que o meu gozo, e os dos electores que piquen, vai acabar nun pozo. En primeiro lugar porque idéntico experimento, con intencións ben distintas, xa fallou en Valencia, onde daban en inglés Educación para a Cidadanía, con tradución simultánea, e os escolares, que xa bastante teñen con entender calquera linguaxe que non sexa audiovisual, non daban pé con bóla. E por outra parte, se xa hai profesores que se rebelan porque lles custa dar en galego as materias (esa é unha das orixes de Galicia Bilingüe, por certo), a ver de onde saen os que as van dar en inglés. Quizais fose máis axeitado meter a englishdolatría en Historia das Relixións.
E Valencia daban EPC en inglés porque sabían positivamente que así, o non entender, tampouco aprenderían cousas raras.
Resómese no que tan ben dixeches: sempre é mellor mexar polos de abaixo que polos de arriba, non sexa que che caia de volta…
En todo caso, alguén se propuxo pasar olímpicamente desta banda de analfabetos, que teñen uns fillos polo visto parvos “que no dan aprendido el gallego”? Eu si.
Perdón, non quería dicir analfabetos, nin insultar, pero gustaríame facerlles un exame do se amado castelán a ver cantos aproban.
Un conselliño, tiñas que poñer unha pestana onde se puidese editar o comentario, que co frío escapóuse o til de “ó non entender”, e do “seu” amado castelán, e se me pilla un de GB teño que aturalos. 😉
#2 Algúns si: os dirixentes, que son profesores amolados porque eles ou os amigos terían que impartir a materia en galego.
# 3 Unha cousa é que eu non sexa un analfabeto informático e outra que saiba facer mañas coma esa. Cousas do wordpress…
Quen seica esta escojonao de risa é o fillo da chefa dos bilingúísticos, que ve que está a colar o de “jo, mamá, es que no entiendo lo del coñecemento de la lingua” ao mesmo nivel de “es que la profe me tiene manía ques ques del bloque”. Cun pouco de sorte, e coa carrerilla, seguro que chega á Universidade sen rañala maiormente.
O fillo da xefa e do vicexefe, que penso que son parella e compañeiros de claustro no Santa Irene de Vigo
Eu estou con Kate (como non vou estar) en que neste asunto, non hai maior desprezo que non dar aprezo. Nin medio post lle penso dedicar a criticar/magnificar cousas como a mani do domingo (quitado que a necesidade aprete e non se me ocorra tema para a columna da vindeira fin de semana, claro)
Seguindo co seu furibundo ataque contra o inglés,Gloria Lago é profesora de inglés.(A ver cando llo escoitamos falar).
Que gracia que o inglés sexa precisamente unha das linguas que fala Nelson Mandela,señor ao que,pola contra,iso do apartheid non lle chista moito…
Eh! que eu non ataquei ó inglés, senón o papanatismo triunfante de ter que sabelo ou morte. Xa me gustaría ben falalo.
A min cabreame muito esta nova moda de burricán o que non pense como eu; e non podo aturar a eses da Galicia bilingüe (castelán-español) nin tampouco os galeguistas por oportunidade (soio por oportunidade)
Home,o máis bonito e non facer as cousas por cartos.Aínda que só por amor,só por amor, non sei se moita xente fai ou pensa as cousas.E falo de españolistas,galeguistas,esquerdistas,centristas,amigos do polvo,coleccionistas de lepidópteros…
Está ben ser un corsario romántico, mais non esixamos pluses de xenerosidade a ninguén.
Vale,non o lin ben.Non ataca ao inglés,pero menos repugnantear e máis estudar.Xa verá como lle aproveiten as clases á súa sogra e lle empece con comentarios rabudos comparando a calidade da súa empresa e a da BBC….
E que éche unha leria o conto da globalización….
#10, “Eu fáloo por que si, por que me peta, porque me dá a gana”, e punto, e non fai falta máis ca lembrar que nacín no medio dese idioma de analfabetos, pero grazas ó empeño dos analfabetos de meus avós e meus pais (quen lle dera a algúns a súa cultura) son alfabeta e amo a miña lingua sen nin sequera saber por que.
Ah, e entendo o da edición dos comentarios, eu tampouco teño nin idea de como se fai, era por se vostede sabía. E noutra orde de cousas, se ten que botar man de GBilingüe para as súas columnas será que se está quitando disto? Nooooon!
Ah, e a min quen me dera saber chinés, árabe… en fin, o de sempre. Eu o que digo é que mandan ós nenos a un colexio bilingüe para que aprendan o inglés pero desprezan outra lingua (sen ter que desprezala, claro, quen lles manda, pero non a despreces) Isto é como o do aborto, o dos matrimonios homosexuais, pero quen carallo lles manda abortar ou casar??? Ai que noxo dá todo!
Sra. Kate, acougue que lle vai dar algo…….
😀