Etiquetas
“A estatística es una ciencia que demostra que se o meu veciño ten dous coches e eu ningún, os dous temos un”, escribiu George Bernard Shaw a comezos do século pasado, cando xa había estatísticas e sondaxes, pero aínda non se facían sobre calquera cousa, desde as preferencias das mulleres polos debuxos na roupa íntima ata con quen lle apetece á xente tomar unha caña, por poñer dous exemplos reais. Segundo unha enquisa recentemente difundida, A Coruña ocupa o terceiro lugar na clasificación de 78 cidades españolas tendo en conta a opinión dos propios habitantes. 65 de cada escollerían a cidade para vivir se non viviran nela, mentres na media española non se mudarían a outro lado un de cada dous cidadáns.
Chámase quererse porque a clasificación xeral, fóra as opinións dos residentes, rebaixa ese terceiro posto ó 16, seis por debaixo de Santiago de Compostela e 24 por riba de Vigo. Lugo aparece no posto 42. O estudio fíxoo unha entidade chamada Mercociudad, mediante unha macrosondaxe en residentes das 78 cidades, a análise dun cento de parámetros como medio ambiente, mobilidade ou economía, e de variables tan dispares como o número de prazas hoteleiras, a porcentaxe anual de días soleados e as dotacións deportivas; outra de méritos solicitados ós correspondentes concellos e a avaliación dun cento de expertos de varios sectores. Unha mágoa que non a presentaran no resto das cidades galegas, para poder comparar tamén nelas as diferenzas entre a visión propia e allea. E outra que non especifiquen a puntuación de cada variable, porque, con perdón, que Murcia estea en undécimo lugar, Albacete no 27 e Alcobendas no 35 soamente o entendo pola achega do número de días soleados. Que urbes cunha envexable calidade de vida como Vitoria ou Girona estean nos discretos postos 14 e 28, respectivamente, non fai máis que confirmar as miñas sospeitas ó respecto, ou que non ter equipo de fútbol en primeira reste puntos.
O que si inclúe o informe son as preferencias dos galegos sobre as cidades (Ferrol non sae porque non supera os 100.000 habitantes e non é capital de provincia ou de comunidade). Os galegos por xunto consideran que para divertirse está A Coruña, seguida de Vigo, Santiago, Ourense, Pontevedra e Lugo. Para traballar, a orde de preferencia é Vigo, A Coruña, Santiago, Pontevedra Lugo e Ourense. Para facer negocios (que non é o mesmo, senón practicamente o oposto), Vigo, A Coruña (estrañamente, fóra de Galicia pensan que A Coruña é mellor para os negocios), Santiago, Lugo, Pontevedra e Ourense. Para estudar, Santiago, A Coruña, Vigo, Lugo, Pontevedra e Ourense. Para visitar Santiago, A Coruña, Vigo, Lugo, Pontevedra e Ourense. E para vivir A Coruña, Vigo, Santiago, Pontevedra, Lugo e Ourense. Sinceramente, para chegar á vella conclusión de que Vigo traballa, Santiago estuda e A Coruña divírtese non facía falta tanto parámetro e tanto experto.
E non é que non me fíe de Mercociudad (a verdade é que o nome non axuda). É que non me fío nin da Universidade de Santiago (das respostas que dan ós entrevistadores, quero dicir) cando nun estudio patrocinado pola Consellería de Traballo conclúen que os maiores de 65 años son os máis deportistas de todos os galegos. O 55,4 % deles dedica parte do día a actividades deportivas ou ó aire libre, máis de dúas horas diarias de media (unicamente que conte a inspección de obras ou a tertulia en banco de parque como actividade deportiva). Os menos deportistas son os de entre 25 e 34 anos, e logo os menores de 25. E menos creo que as mulleres lle dediquen ós traballos da casa soamente o dobre que a media os homes. Para que saian esas contas, pensen nos coñecidos, a ver quen ten os dous coches que dicía Bernard Shaw.
(sábado 14 de febreiro de 09)
O dos dous coches de Bernard Shaw “xa hai que foi” e agora o conto é ó revés, o de ter dous coches por cada un. Pero aínda así, as enquisas seguen parecéndome unha maneira de darlle traballo á xente que, coma min, por exemplo, tardou en ter un contrato no meu. Ata tiven que avaliar nunha enquisa a Touriño cando daba económicas…! Daquela tiña mostacho.
O estudo de Mercociudad, a cuxa presentación na Coruña asistín por motivos laborais, acadou o acerto de pór de manifesto unha cousa moi clara: as contradicións dentro-fóra que caracterizaron durante o Vazquismo á cidade e a súa xente. Estatisticamente falando, claro.
Democracia: é unha superstición moi difundida, un abuso da estatística.
Jorge Luís BORGES
Cidade ensimismada nesa etapa, volta para o seu embigo, encerrada aínda nunha visión pobrísima do coruñesismo, incapaz até agora de superala. Unha cidade especialmente pechada ao seu contorno metropolitano, nomeadamente no político, na xestión do público. Unha cidade que deu as costas ao resto de Galiza, cando probablemente os que non somos dela atopamos nela máis coñecidos doutras partes do país que en calquera outra cidade galega.
O binómio de Newton é tão belo como a Vénus de Milo. O que há é pouca gente para dar por isso.
Álvaro de CAMPOS (Fernando PESSOA)
A Coruña foi e é esa cidade do Estado ou cidade-Estado, ese faro escollido pola maioría das delegacións rexionais e provinciais das institucións do Estado e das grandes empresas estatais para fortalecer un certo tipo de nexo entre Galiza e España.
Non se poden alimentar famentos con estatísticas.
David Lloyd GEORGE
Só cando A Coruña -sobre todo cando algúns ilustres coruñeses- abandone ese provincianismo e se reinvente sobre o mellor do seu pasado, cando supere esas contradicións entre o dentro e o fóra e xogue un outro papel diferente para o resto de Galiza, só nese momento a veremos brillar con luz propia.
O pensamento estatístico será algún día tan necesario para o cidadán competente como a habilidade de ler e escribir.
H. G. WELLS
Calidonia: agradezo de verdade que alguén tome máis en serio ca min os contidos dos meus textos. E máis se se molesta en debullalos e explicalos
Ogallá chegue o día en que logre falar destas cousas como o fai Vostede.
Moitas gracias. Trate de facelo ás carreiras, comezando pola primeira impresión -o impulso- que lle causou o tema. Logo vaia algo a modo, mesturando escepticismo e empatía e procure rematar cun chiste. Mellor logorrea -que sempre se pode amañar despois- que medo á pantalla en branco. Eu sempre teño que ir sachando para cortar.
Calidonia,moitas grazas polo seu blog e polos seus comentarios.Achega vostede sempre cousas moi interesantes.
Postos a criticar A Coruña eu son o primeiro.Paréceme unha cidade acomplexada,pobre económica e culturalmente,controlada por 5 caciques……é dicir,profundamente galega.
Ese discurso segundo o cal A Coruña sería un pequeno Madrid en Galicia paréceme unha historia de xente que ou non coñece madrid ou non coñece Galicia ou ningunha das dúas.Outro conto é o debate de sempre,a diferencia entre ser de vila e ser de aldea e a maior galeguidade na aldea.Doutores ten o galeguismo…
Así que se Coruña non o trata moi ben non se queixe.Non é por non ser coruñés sinón por non ter ao alcalde ou ao director da caixa de aforros entre a súa parentela.