Os que queren pasar por cínicos din que o que non sae nos medios non existe. A realidade, pura e dura, é que o que soamente sucede é que sae nos medios de Madrid. E se non, dous exemplos: as practicamente inexistentes eleccións galegas e o entusiasmo infantil que poñen no da trama da corrupción do PP en Madrid e Valencia. Se teñen a paciencia de escoitar, ver ou ler os medios chamados nacionais, non atoparán máis ca unha morea de información e de díxome-díxome sobre quen lle pagou a quen para que recalificara, quen organizaba os festexos electorais, e quen adxudicaba contratas a amigos seus, e quen foi de montería con quen. De vez en cando falan do asasinato de Marta del Castillo, e pouco máis. Santiños, entretéñense con cada parvada…

En Galicia, os cartos que se moven son patacóns comparados coas millonadas que se fixeron en Madrid, onde calquera vila ten hoxe máis poboación que calquera cidade galega, ou en Levante, onde se recalificaron como urbanizables ata marismas e humidais. Pois se aquí coñécense alcaldes que, como din os ingleses, non os aforcan por menos de cinco ou dez millóns de euros, que migallas veñen a descubrir agora por aí? Comisións de tres millóns de euros por recalificar uns terreos na provincia de Madrid?, pago de 30.000 euros en traxes para o presidente valenciano, Francisco Camps? Home, por dios, que miseria. Que hai unha especie de feirante (se ata lle chaman “El Bigotes”) que o mesmo organizaba os actos da campaña do PP que a voda da filla de Aznar? Pero se aquí, por citar as últimas noticias que lin, nos Xacobeos de 2004 e 2005 adxudicáronlle contratos a empresas creadas a posteriori. Ás veces dá a impresión que a capital española non evolucionou demasiado daquela cidade provinciana e raída que describiu Valle-Inclán. Con blackberrys e traxes de Armani, pero coa mesma caspa nos ombreiros.

Vese niso das monterías como uso social. Unha cousa é ser cazador e botarse ó monte de mañá a ver se se poñen a tiro uns coellos ou unhas arceas, e outra esas parafernalias de señoritos vestidos de paramilitares pagando un pastón por abater animais case estabulados que teñen ollos de xente. O problema de ética e de estética non é que coincidan un xuíz e o ministro de Xustiza (tamén na cacería cando o Prestige, Fraga coincidira co concesionario dos remolcadores), senón que asistan a esas veladas. E falando de xuíces, non me gustan as maneiras de Garzón, pero non se lle pode discutir que traballa. Ó presidente do PP de Castellón, Carlos Fabra, descubríuselle que ten 94 contas bancarias con 600.000 euros e que lle regalaron terreos, entre outras prácticas financeiras un tanto raras, e o asunto leva catro anos nos tribunais valencianos sen que vaia nin para adiante nin para atrás.

Enténdaseme. Non é cuestión de partidos. Agora tócalle ó PP como antes lle tocou ó PSOE. Barbaridades como a cidade que montou El Pocero nun sequeiral manchego fixéronse coas bendicións de todas as administracións (quitadas as do goberno local de Seseña, de IU). Ou sexa que tampouco saquen a conclusión de que todos son iguais. IU, BNG, e posiblemente algún outro que non recordo, teñen de momento un historial máis ben limpo. O problema é que todos sabemos o que está a pasar, e só salta a alarma cando pillan coas mans na masa a uns que non son máis ca tironeros, a punta do iceberg. Porque moitos cargos son conscientes de que son practicamente impunes mentres gobernen os seus, e sobre todo mentres os que se encargan de facer xustiza (de descubrir delitos e sancionalos) soamente teñen medios ou ganas de pedir ano e medio de prisión para un mendigo que roubou media barra de pan –pasou en Badalona-, pero non de investigar a máis dun que, como di o chotis, “¿de dónde saca, pa tanto como destaca?”.

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, sábado 21 de febreiro de 2009)

Advertisements