Hai un momento clave nos concursos televisivos (ou polo menos no Un, dos, tres, que foi o paradigma dos concursos televisivos para moitas xeracións) que é cando o participante ten que optar por unha cousa ou outra, apostar por un premio seguro e pequeno ou por un grande menos probable, decidir entre plantarse ou seguir. Nese momento, a pesar de que tanto lle teña o que o interesado escolla, o público berra a favor dunha opción. Normalmente é “O coche, colle o coche!”, cando se trata do premio, ou “sigue, sigue!”cando a alternativa é arriscar o ganado e continuar no xogo. Nesa situación do concursante estamos todos hoxe. Co do voto.


É decir, de entrada vostede ten un voto, e a ver que fai con el. Opción 1: Vostede pode ter unha idea concreta e determinada, inamovible e inoxidable, por exemplo votar A, B ou C, votar por outros, ou non votar así o leven arrastro collido por onde doe. Nese caso tanto lle ten que lle berren ou lle arrebolen pedras. Opción 2: Pode tela, pero non firme. Lévalle a idea, en expresión popular, pero non está convencido de todo. Nesa circunstancia, pódenlle influír un tanto os berros, os da campaña política ou mediática, ou os do seu cuñado, que é un hooligan de A, e como vote B ou C xa pode dar por estragadas as comidas familiares de aquí a que acabe o ano. Opción 3: Pode non tela, nin votar por A, B ou C, nin por outros, nin sequera se ir ou non ir. Depende de como acorde pola mañá, ou de como se presente o día, climatolóxicamente ou de expectativas.
Para todos, pero sobre todo para que están na situación 3, permítanme que exerza o papel institucional que en certa medida nos toca en ocasións ós columnistas, e que facemos sen que lle custe un can ós presupostos das campañas institucionais. Votar é un dereito –relativamente recente e moi infrecuente na historia española, por certo-, pero tamén é un deber. O de que os nosos representantes sexan efectivamente representantes nosos, da maioría da xente, e non soamente dos que se deciden a votar. Nos Estados Unidos, por exemplo, todas as enquisas revelan que a sociedade é máis aberta e liberal que a clase política que a representa. Porque vota como moito o 40% da xente. Pero as políticas que executan eses elixidos caen igualmente sobre votantes e non votantes, como alí descubriron amargamente cando saíu Bush reelixido.

“Para o caso que nos fan”, dirán moitos (sexan cidadáns das categorías 1,2 ou 3). Ben, menos nos farán cantos menos sexamos os que decidimos. “É que todos son iguais”, adoitase argumentar tamén. Home, uns son máis iguais ca outros. “É que non hai un bo”, poden opinar uns terceiros. Pois escolla ó menos malo. Hai como unha ducia de opcións a escoller, malo será. Ou vote en branco para deixar claro o que teña que deixar claro. Ou, in extremis, faga coma un parente meu, que nas primeiras eleccións que houbo, consciente do dereito recén estreado, pero sen ideoloxía ningunha, colleu a primeira papeleta que tiña a man e alá foi (ó día seguinte, media vila se preguntaba quen sería o do Partido Carlista). Tampouco hai que ser tan repunante, a fin de contas, votar por alguén tampouco é como casar con el, nin siquera irlle tomar unhas cañas na compaña do candidato. Do que se trata é de que, como lle digo a un amigo meu, logo non estar catro anos protestando contra o que votaron outros. Ou de evitar o que decía George Bernard Shaw da democracia, que é o proceso que garante que non sexamos gobernados mellor do que nos merecemos. Mañá anímense, que ademais non doe.

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, sábado 28 de febreiro de 2009)

Advertisements