Despedida desta serie de recollida de opinións soltas por ai adiante
O Espectador 17 e último: Os porqués e o Amazonas
03 Martes Mar 2009
Posted Xeral
in03 Martes Mar 2009
Posted Xeral
inDespedida desta serie de recollida de opinións soltas por ai adiante
Chapeau en toda a sua serie de artigos sobre as eleccións.E contestando a sua frase sobre a falta de análixe da victoria, quisera, se mo permite dende a sua páxina,felicitar os verdadeiros protagonistas do cambio na nosa nación, os sufridos e vilependiados votantes do PP, compatriotas nosos para os cales, sen ningunha ironía nen reviravolta, quero felicitalos pola sua sabiduria, disciplina, bo tino e fortaleza ideolóxica.
E non é un síndrome de estocolmo repentino e por suposto non estou dacordo con eles na sua escolla, na miña opinión, nefasta, pero,que quere, dende sempre admirei as persoas consecuentes coas suas creenzas ou xeitos de pensar, e eles así en xeral e na sua inmensa maioria son a esperanza desta nación negada por eles mesmos.
Vale, chapó bis. E unha vez cumprido o trámite, digo que nin análises nin hostias. Para os que -coma min- se lles esgotou para sempre a paciencia con este feixe de inútiles, e non teñen pensado votar ao pepé nos vindeiros 20 anos, propóñolles unha serie de alternativas:
1.- Facérmonos todos vascos, e reclamar a adhesión a Euskalherria. Ten a pega do idioma, e máis para os que somos de francés de toda a vida.
2.- Deixármonos de complexos os centristas-liberais, socialdemócratas e similares, sacar aos Quines, Jorqueras, Rodrígueces, Beirases etc a patadas no cú ata as portillas e que xoguen eles soíños á revuluçao e dedicarnos nós a facer política (pior non se nos ía dar, seguro)
3.- Crear a asociación de amigos de sHS e dos derivados do porcino e afogar as penas en churrasco ata a nosa autoinmolación como pobo.
Admito suxerencias alternativas/complementarias.
PS. Conteste vostede ao sr. Ulrich, sHS, que debe estar nun sinvivir.
Anda, coño, si xa contestara….. debeu ser que non vin o sangue.
Por certo, que non sei a vostede, pero a min o que máis me irrita é a referencia ao diminutivo, en plan pepiño blanco pero ao revés. Será que bebe nas mesmas fontes… para min que é un alter ego da señora aquela da Cope das tertulias da galega.
Teño para min que o PP non gañou (apenas) senón que o BNG e o PSOE perderon estrepitosamente porque moitos electores de esquerdas non quixeron votalos (voto branco, EU…)
¿As causas? Vou espoñer dous tipos, as primeiras as que coñezo que motivaron a xente próxima, votante de PSOE ou BNG nas anteriores a non volver outorgarlles o voto nestas. As segundas son as que teño percibido de maneira máis indirecta, son máis reflexións propias.
1º)
a) Hai 5 anos votamos non contra o PP e contra Fraga (aínda que tamén) senón fundamentalmente contra unha maneira de facer política: populismo demagóxico cos vellos por medio de bailes e comida gratis (un insulto); contratos outorgados a amigos e coñecidos, moitas veces sen licitación nin concurso; subvencións á prensa afín; clientelismo na contratación de persoal nas administracións; soberbia, nepotismo; sectarismo, falta de política cultural que mereza ese nome, patrimonialización da administración, fraude co voto emigrante, desgoberno, escaso sentido do público…
b) Non pretendo facer leña da árbore caída, pero non resulta dificil identificar este tipo de comportamentos no goberno saínte e, moi especialmente, na chamada Vicepresidencia. Isto levou a a varias persoas que coñezo a votar branco ou nulo, e nalgún caso a opcións sen posibilidade real de saír: un voto cabreado pois (non coñezo, pero supoño que tamén houbo abstencionistas neste campo). Non é unha mostra con valor estatístico, pero son bastantes.
2º)
O sectarismo político e o considerar adversarios aos que eran aliados imprescindibles: un suicidio político. Recorda a fábula do alacrán e a rá: hai moitos que non o poden evitar e parece estar na súa natureza (non tedes máis ca consultar blogs como Galicia Confidencial).
a) Os ataques reiterados de Aymerich ao PSOE no Parlamento, creo que fixeron máis polo éxito de PP que por achegar ao público a eficaz xestión de Teresa Táboas ou (a certos niveis non provinciais e locais) da Consellería de Medio Rural, poño por caso; é dicir, non redundou en beneficio do BNG senón que perxudicou a ambos. Isto pode trasladarse a nivel municipal ou provincial e, aínda que creo que tivo máis responsabilidade o BNG que o PSOE, tampouco este é que se luza: un personaxe desquiciado como Jano Leis pode conseguir o retorno de Armando Blanco por maioría absoluta á alcaldía de Teo nas próximas eleccións.
b) O cainismo do BNG que chegou a deslexitimar a unha das súas conselleiras, deixándoa aos pés dos cabalos desbocados do PP. por prezuízos machistas, por considerar que unha relación persoal condiciona necesariamente a lealdade política (por certo, parece que non se aplica a mesma vara de medir se a relación se establece cun familiar directo dun dos medios de comunicación máis agresivos contra o bipartito).
c) A escasa cualificación profesional, técnica e mesmo laboral da maioría dos deputados (podemos facelo extesible a concelleiros, altos cargos…). Ler o curriculum dos deputados causa bochorno. Neste país pequeño coñecemos persoalmente a bastantes ¿non hai nada mellor onde escoller?. Nomear a Bieito Lobeira presidente da Comisión de Cultura do Parlamento é un insulto á cultura . A min producíume unha sensación similar á de ver a Josu Ternera presidindo a Comisión de Dereitos Humanos no Parlamento Vasco. Parece que o BNG considerouno idóneo para o cargo por dicir Galiza en vez de Galicia: non se lle coñece outra aportación.
Quedaríanme bastantes cousas, pero non quero abusar máis do seu tempo e da súa paciencia
Home, poñerlle trabas a un plan eólico aprobado polo consello da Xunta por parte doutra consellería, ou esa equidistancia de Toruriño sobre a “imposición” lingüística ou as declaración de que non o verían “en compañías peligrosas” non me parece moi normal.
¿m?
m …e que me chamaron por teléfono. Moito do que di está cargado de razón, con algúns matices, como que eu non espero a perfección, nin siquera o acordo pleno á hora de escoller opción de voto. Imaxine o que deberon tapar o nariz os votantes do PP de Ourense, ou iso quero crer para non botar cianuro nos depósitos de auga da traída. Pero para min, a razón do trasacordo social estivo en que o PP, desde hai tempo, soubo implantar a idea de que o BNG estaba logrando “impoñer” o galego a sangue e lume coa aquiescencia de Touriño. O auxe do PP e caída do BNG nas cidades non ten moitas máis explicacións.
Acordo con vostede en grande medida (por algo son lector habitual do seu blog), pero non en todo (senón deixaría de ler o que escrebe).
Teño para min que os votantes do PP son eticamente “menos esixentes” dos que somos os que sentimos o corazón do lado esquerdo. Sería moi longo de xustificar, pero se quere quedamos un día diante de máis dunha botella de viño (unha sóa non ía chegar) e discutimos. É dicir, que para “eles” ter unha conta nas illas Caimán pode ser mesmo un mérito.
O Psoe, mantivo e mantén unha posición reprobable en defensa do galego, lingua amenazada. Algunhas declaracións de Touriño e Xosé Blanco sobre o perigo de “impoñer” o galego cónstame que disuadiu a algún de votar no PSOE esta vez.
Como dicía Bergamín, eu son subxectivo e non obxectivo, porque son un suxeito e non un obxecto. Desde a miña suxeitividade percibida a partir de remendos da realidade, sei de ex-votantes do BNG, en concreto relacionados co traballo social desde hai moitos anos que a súa indignación con ese tinglado chamado Consorcio Galego do Benestar os ten posto en fuga desordenada cara… (poña vostede o que considere, desde o voto en branco á abstención ou o alcoolismo). E coñezo tamén a quen tiña decidido o voto ao PSOE, e acordou non facelo cando escoitou as escusas de mal pagador sobre o voto da emigración.
Talvez teña eu amizades raras ou moi “puristas”. Pero despois das eleicións non encontro que teña nada que lles botar en cara. Aos que nos levaron ao desastre si.
Eu traballo nun Centro de Vicepresidencia da comarca coruñesa que ten 200 traballadores, e os comentarios de decepción de moita xente empezaron xa hai algún tempo, e o problema principal non foi o galego. O problema principal foi -para moit@s de nós neste Centro, e creo que nas cidades, e creo que en Galicia no conxunto- que o cambio foi mínimo, e que para colmo, fixeron os dous -o BNG e o PSOE- cantidade de cousas que se fartaran de criticarlle ao PP.
É moi difícil un goberno en coalición. Agora, o Bloque leva anos equivocándose gravemente no rumbo político. Busca ampliar polo centro, non logra ampliar nada e o único que logra é ser abandonado por moitos d@s seus electores transformadores. E xa poden mellorar moito -e rapidamente- na política municipal porque corren o mesmo perigo que lles pasou na Xunta.
E o perigo maior, que eu persoalmente creo que ten difícil marcha atrás, é que costa moito ilusionar á xente, e que é moi difícil, moi difícil, voltar a ilusiona-la.
é tremendo que moitos dos argumentos que se usan contra o ex-goberno veñan sacados da mesma liña argumental que vendeu un periódico da Coruña. Agora o nosos sentido crítico ó goberno sainte semella ser unha das esquelas deste famoso intrumento coruñés de facer caixa. Persoalmente a risco de ser lapidado penso que o grupo de conselleiros do bng no goberno fixeron un gran traballo…mágoa que non souberan dar espectáculo para contraatacar e mágoa que non poideran vender o producto (sen canais que impacten nesta sociedade mediatizada non há posibilidades).
que alguén me explique, si é que sobrevivo a primeira lapidación, por qué é un insulto bailar o farcer-lle festa a xente maior… na próxima, para que teñan boa prensa teran-lle que chamar senior-party e porlles uns pcs…
Está claro que o votante de esquerdas é máis esixente, ético ou repunante, pero a tenor de que abstención non subiu, está claro que os que optaron polo voto en branco ou non votar (as opcións “voto testimonial” baixaron) non puideron ser moitos, aínda que si son os nosos coñecidos. Parte do voto BNG puido ir a TEGA (na zona de Ferrol) e parte do PSOE a UPyD, pero iso non explica o incremento do voto ó PP (non esquezamos que estamos comparando aínda o voto de 2005 co de 2009 sen CERA). Está claro que o PP captou votos da abstención, e de xente non ideoloxizada que hai catro anos votaron ó bipartito.
Eu tamén penso que houbo accións de goberno do moi positivas, aínda que fose poñer alicerces (Vivenda, Medio Rural, Industria, Educación, quizais Medio AMbiente), pero iso non ten por que dar votos. Alicatar a costa, por exemplo, está claro que non os quita en Valencia. Para min o peor que fixo a Xunta foi non poñer en marcha medidas que non costaban un can (é decir, facer politica, como a lei de axudas á prensa, etc) e desde logo as liortas internas e a campaña. Como neto dunha avoa que asistiu unha vez a unha “homenaxe ós vellos” (organizada por un concello do PP) toda feliz, non vexo razóns para condear esas actividades, e aplaudir que organizacen concertos de rock para a xuventude.
Concordo con airadasenra totalmente. E o traballo que se fixo en cultura, deportes, medio rural, o tema dos eólicos (fíxense quen impugnou), vivenda…?. Aquí parece que o único que se ve e o postureo. Claro que hai xente impresentable e que houbo meteduras de pata. O que penseo que fallou foi o contrataque, a falta de reflexos contra as infamias. A min o do voto en blanco para darlle paso a outros 20 anos de unto rancio, se eres funcionario pois vale, total…
Houbo moitísima xente que traballaron coma bestas, con ilusión, sen vacacións en proxectos ilusionantes que -por suposto- non saían nos medios, ao mellor porque non se souperon vender. Creo que o castigo non foi proporcional aos erros (falo dos blancos e as abstencións de “esquerdas”). Espero que sexamos tan puntillosos e exquisitos con que veñan.
Vale, se hai que poñerse sesudos poñémonos sesudos. Dous apuntes nada máis:
1.- O cambio foi mínimo, e non houbo políticas de progreso. Eu só me sinto en condicións de analizar cun mínimo de solvencia as políticas relativas ao medio rural. O cambio foi absolutamente radical. Dunha traxectoria de 30 anos dedicada a xestionar o abandono, a apatía e a perda de protagonismo, pasouse por primeira vez a un enfoque político e progresista, que tiña como obxectivo a posta en valor do conxunto do complexo terra/home (ou muller, non vai ser o conto…), que se plasmou en documentos tan interesantes como o PDR (teño a impresión de que os únicos que o leron foron os seus autores e máis eu), e que deu lugar ao desbloqueo (con 20 anos de retraso, eso si, pero non é culpa do goberno) de temas como o intento de reforma da estrutura da propiedade/xestión da terra (Banco de Terras, Unidades de Xestión Forestal….). Non quero meterme eiquí no tema de Seaga e o seu labor na xestión da loita contra o lume (moito máis positiva do que se estivo a dicir): conseguíuse transmitir a idea de que era un chiringuito para colocar aos de cartelle e, simplemente, iso é radicalmente falso (xa veremos se os que veñen o desmantelan; eu penso que se limitarán a cambiar o nome e os responsables e aproveitarán a estrutura). En todo o que se fixo, sempre contou coa oposición radical de dous axentes: o Pepé (éra a súa obriga) e os sindicatos (e moi nomeadamente a CIGA: algún terá que explicar algunha vez o seu rol como punta de lanza do desgaste).
2.- A deriva cara ao intento de implantación do espazo electoral deu como resultado a perda do aopio tradicional do BNG. Pois xa me dirán o que fan. Home, sempre se pode coidar moito ese espazo, ter un éxito histórico, chegar ao 20% do electorado e declarar que eses son os galegos de verdade e o resto son turcos. O problema é que, socioloxicamente, o pais está cada vez máis cheo de estratos de xente con ideoloxías que non casan con organizacións frentistas e dirixidas por personaxes cun certo tinte siniestro (véxase a ollada/aspecto de paco rodriguez na comparecencia de quintana), estratos que, aínda sendo potencialmente asimilables polo soberanismo, na súa vida van formar parte do crecemento das espectativas do bloque. Cómpre, pois, dunha puta vez, o artellamento dunha alternativa que rache con esta dinamica diabólica e interesada pola cal é moito máis importante sermos galegos que sermos marxistas-leninistas ou centristas-liberais, poño por exemplo.
Chim pom.
Bo día. sihomesi, penso que non colleu ben os datos do que vostede chama “voto testimonial”. Estiven mirando e os votos brancos e nulos non só non baixaron senon que subiron bastante.
2005 (con CERA)
brancos – 20912 – 1.24 %
nulos – 7646 – 0.45 %
2009 (sen CERA)
brancos – 27743 – 1.70 %
nulos – 14449 – 0.89 %
Eu chámolle voto testimonial -para non cualificalos de “inútiles”- ós dados a opcións (IU, FPG) que estaba claro que non tiñan opcións de saír. Atribuíndolle a suba ós descontentos do bipartito, desbotando que algún deles fose de votantes do PP indignados con determinados aspectos da campaña, son 14.000, moito menos dos que baixaron PSOE e BNG (aínda que nalgún caso, non sei, poderían ter bailado algún deputado)
Acordo con eSedidió tanto na primeira como segunda entrada, ainda que gostei mais da primeria.Por favor, D. Ramón, vostede aclare iso de “(por certo, parece que non se aplica a mesma vara de medir se a relación se establece cun familiar directo dun dos medios de comunicación máis agresivos contra o bipartito)”. Mais que nada porque esas noticias entreteñen moito a esta parroquia e o morbo nestas edades é moi necesario (imaxinar os traballiños que faria a nosa conselleria de cultura co noso conselleiro de economia enriba da mesa de xuntas do Consello o estilo “o carteiro non chama duas veces” sempre anima.
E perdóneme por volver a mencionalo, D. Ramón, pero cando di vostede como o 99% da congregación que anda amargadiña a pobre, aquelo de que “Teño para min que o PP non gañou (apenas)”, permítame decirlle que se vostede é dos que, coma eu, queren “a redenzón da boa” saiba que asunto vai para moi longo, que hai que ter moita paciencia e que os compañeiros de viaxe sonche de todo menos “bos e xenerosos”. Ah! axuda moito recoñecerlle o adversario (para eles somos os seus enemigos) a victorias cando son tan claras, contundendes e sen paliativos coma esta e que desta vez, como case tódalas outras, llas deron os nosos paisanos libre e democraticamente.
Para Ramón e Álvarez: o PP ganou bastante. Segundo datos by Pawley
Votos do PP 2005 antes de CERA: 704.202
Votos do PP 2009 antes de CERA: 759.778
Variación dos votos dos galegos residentes: +55.576 (+7,89%)
Aviso a navegantes. A serpe, despois da desfeita do domingo, seica está disposta a seguir dándolle alegrías á súa parroquia no plan ese de “rexeneración democrática e transparencia” que tan ben lles saíu. Non perdan de vista: a) A resolución de concursos mentres están en funcións (lembren vostedes a que liaron hai catro anos b) A inauguración de edificios non rematados antes de deixar o coche oficial.
40 anos da miña vida tirados pola ventana…..
(para alvarez, que seica lles gostan os cotilleos….. indague vostede onde un coñecido político do ex-goberno, sección “redenzón da boa”, tiña por costume acodir cada 15 días a facerse a manicura e o arranxo/depilaçao de cellas…..)
Conste que non son un bot nin un pepero rencoroso. Só vou de incógnito porque aínda lle teño medo aos coletazos da besta….. (SHS dará fe, que pasa iso queda o meu correo no post)
Como xa imaxinarán,estou totalmente de acordo co 2b do 4de Ramón.Non como causa,senón como síntoma.Como síntoma dunha organización conservadora que mira pola promoción das súas familias.O importante é ser ben humildiño e ben mandadiño.
As listas foron unha chafaiada.Xente de poucas ideas e menor aínda capacidade de transmitir esas ideas.
Perdoe, sihomesi, entendínlle mal o do voto testimonial. Pero non estou tampouco dacordo despois da súa aclaración. IU non baixou nin en votos nin en porcentaxe. Subíu 3500 votos. En canto á Fronte (que grande Ferrín pedindo que votaran tamén Fidel e Raul Castro) non é que sexa testimonial, é que son os 4 máis o do pandeiro de sempre e baixaron apenas 200 votos.
O que si medrou considerablemente foi o voto nulo, que eu interpreto de cabreo e o branco que é o do desencanto. A suba de entrambos supón o 1% máis ou menos dos votos totais.
Máis atinado paréceme o do trasvase de votos BNG a TEGA e sobre todo de voto socialista, (tamén algún do PP, non pense) a UPyD fuxindo de posibles espectáculos penosos como o da anterior lexislatura en Catalunya ca reforma do estatut e sectarismo cainita a raudais.
E máis dacordo ainda estou con que o PP captou o voto da abstención. Eu alédome de que se desmentira a lenda de que a abstención favorece ao PP. O único partido que entende a socioloxía electoral galega é o PP. Eu non comprendo como os “aspirantes” seguen caendo no mesmo unha vez tras outra. Cunha distribución do voto máis que contrastada que evidencia que o PP e moi, moi, maioritario no territorio, a lóxica indica que canta máis xente vote, a diferencia será máis grande. Algo moi parecido ocorre no País Vasco co PNV (ainda que só no aspecto sociolóxico, e perdoen que non me extenda en xustificar esta afirmación).
Non quero enredarme máis neste asunto pero para que quizáis collan mellor o sentido do que quero dicir vou facer outra afirmación que a algún lle parecerá unha boutade. Dos 2000 votos que o BNG perdeu en Ourense estou bastante fixo de que a metade polo menos, foron ao PP, que ainda así baixou 12000.
E, iso de que o votante de esquerdas e máis ético e tal, paréceme próximo ao insulto, cando menos á intelixencia. Ao mellor son tamén máis guapos, ou? A ver si vai ser, como di con ironía e un ton comprensivo un bo amigo sevillano, que os de esquerda rouban porque son probes e cando os collen é porque ainda non están tan acostumados.
Apaixoanme estes asuntos electorais. Pasaría o día falando (barato) disto. A ver si se animan e especulamos algo sobre o novo goberno, consellerías, día e hora da defenestración de Quintana, sucesión da secretaría xeral no PSdeG (non piquen con Pachi Vázquez, que é a pista falsa de Pepe Blanco). Por certo, ¿cando ganará Pepe Blanco en Palas de Rei? ¿Chegará siquera a alcalde?
Saúdos
Hai datos que son bastante claros.
Os que da sihomesi sobre o aumento do PP en votos deixa claro que teñen que sair de xente que antes se abstivo e de xente “desideoloxizada” que no 2005 votou outra cousa. Falando do Bloque, no 2005 sacou 307.249 votos (311.454 contando o CERA)co cal nestas eleccións perdeu a barbaridade de 40.000 votos. Podemos falar 50 horas de se houbo máis cambio ou menos cambio, pero houbo unhas 40.000 persoas que non viron tal cambio e non os votaron, e houbo varios milleiros que os votamos a pesares de sentirnos defraudados con tan pouco cambio, e con tantas prácticas idénticas as do PP.
Cando o BNG era claramente unha forza transformadora -e así era percibida- sacou os mellores resultados electorais. Non teño aquí os de 1997 en que sacou 18 diputados. No 2001 sacou 341.751 votos (o 23,3%) e 17 diputados. Iniciou -antes do 2001 ou despois do 2001- o seu camiño de ampliar electorado “moderado”. No 2005 sacou 311.954 votos -o 19,6% e 13 diputad@s (30.000 votos menos que no 2001) e agora xa xabemos o que sacou. Creo que queda claro que ese camiño emprendido vai de mal en peor.
Sr. Fume de incognito: Deixoume nun sinviver. Como eu son un currela pai de familia numerosa e vivo nunha das aldeas da confederación viguesa, pois como que non me entero co cotilleo da Capital. Xa que gosta das adivinanzas, recoñeza que mo puso moi dificil. A única pista sera o das cellas, co cal, as sospeitas irían para o ex-concelleiro de agricultura. O cal o pon mais interesante porque iso si sería a erótica do poder, porque os feos entre nos reconocémonos, e o deste este home é de premio.
tire vostede por elevación, alvarez
xeográfica, por suposto, non me vaia pensal mal…..
Unha consecuencia da política realizada terémola agora, cando PSOE e BNG deban elixir ás persoas encargadas de dirixir esas forzas desde a oposición. Revisar o currículo dos e das deputadas electas resulta deprimente.
Se quitamos a Afredo Suárez Canal, que ten certa experiencia parlamentar e non fixo mala xestión (con todos os erros que se lle podan apuntar, que tamén os houbo e gordos, sobre todo na xestión provincial e local, ou nas relacións co SLG) os demais non teñen peso algún:
Ana Pontón, Ana Lisa Bouza, Isabel Sánchez, Tareixa Paz, Teresa Táboas ou Carme Adán (por comezar coas mulleres) por diferentes motivos non “dan a talla”. A única que podería ter unha boa imaxe pública (por xestión, por competencia profesional, por coñecemento cidadá) é Teresa Táboas; pero carece da menor experiencia política e non creo que fose aceptada por ningunha das “tribos” do bloque. Así que descartada. Do resto prefiro non manifestar as razóns polas que non me parecen axeitadas.
E pasemos aos varóns: a actuación de Aymerich na lexislatura pasada, na miña opinión, contribuíu irresponsablemente a deteriorar a imaxe pública do bipartito. Creo que algunha responsabilidade ten na catástrofe.
Fernando Blanco, con todos os respetos pola persoa, non o vexo capaz de ser un líder popular; e xa non digamos Henrique Bieitez (¿de que área de traballo teñen pensado responsabilizalo?) ou Bieito Lobeira sorprendente presidente da comisión de cultura na lexislatura pasada (prefiro non facer comentarios sobre o deputado e as súas incertas relacións coa cultura).
Supoño que se pode considerar elitista ou clasista esperar que os deputados e deputadas teñan certa preparación e experiencia académica e/ou profesional, previa e diferente da política. Hai casos de execelentes políticos sen formación académica (Lula da Silva…) pero son fabas contadas, e supliron esa carencia cunha longa traxectoria política na que se foron curtindo e sobre todo, cunha excelente equipa de asesores (un dicir: asesores algo máis cualificados que Lois Castrillo).
Pero cando nas decisións políticas de decidir quen pode reprentar ao país no Parlamento se esquece que iso obriga a buscar persoas politicamente formadas, pero tamén cun elevado grao de eficacia administrativa e de xestión, e se opta pola fidelidade á dirección política do momento, atopámonos que se muda esa dirección queda de manifesto a carencia de alternativas.
O cainismo do BNG levouno a afastar de calquera responsabilidade a persoas cunha preparación intelectual e compromiso político moi destacadas. Indígnanme os comportamentos sectarios, a descalificación e constantes ataques mesmo á súa vida privada de persoas comprometidas co galeguismo de esquerdas, desde ex-dirixentes (Camilo, Beiras…), xentes vinculadas ao sindicalismo, á universidade… Por exemplo, entre as boutades máis sorprendentes que lin, foi a Aymerich dicindo hi algún tempo que Camilo Nogueira era un “recén chegado ao nacionalismo” (sic).
E se abondan as descalificacións cara aos propios compañeiros e compañeiras da organización, ignórase e desconfían aínda máis, se cabe, das persoas que están fóra, dispostas a colaborar desinteresadamente sempre que alguén estea disposta a pedirllo, pero que manteñen a súa independencia de criterio e actitudes críticas.
Coñezo a algún votante do BNG en todas as eleicións, incluídas as últimas, cun brillante perfil profesional e certa proxección pública, que nalgunha ocasión foi convidado a colaborar en estudios ou proxectos por xentes do PSOE e nunca, por ninguén do BNG, que é a forza que (malia a ser crítico) coa que como nacionalista se identifica. Será que van sobrados. E así lles vai, e así nos vai.
Conclusión: menntres non se supere o sectarismo patolóxico vexo mal o futuro do nacionalismo galego que, neste momento, está (mal) representado polo BNG.
Ah! e un líder político que non estea no Parlamento, non ten proxección pública.
Ramón, dame a impresión de que tes bo coñecemento das interioridades do BNG.
Non me parece elitista nin clasista esperar que os candidatos teñan certa preparación ou experiencia profesional fora da política. Pero estás errado ao dicir que son fabas contadas os, non sei si excelentes pero polo menos digamos con “éxito”, os políticos que carecen dela. É ao contrario. Invítote a que collas ao chou calquera parlamento autonómico ou mesmo o español e o verifiques. E a moitos destes parlamentarios tampouco lles foi imprescindible unha longa traxectoria política. Só habilidade e instinto para manexarse nos aparato dos partidos.
Eu tamén coñezo xentes de moita valía afíns ao nacionalismo que foron escorrentados ou ben fuxiron do dirixismo, o control férreo e o inmobilismo do aparatchnik. Eses son os males do BNG. O que ti dis, sectarismo, cainismo, camarillas, egocentrismo e por aí. Por certo, vexo que descartas a Beiras como próximo portavoz nacional. Tamén o aconsello. Este home non esquenceu, a pesares das vieiras en Toñi, e semella estar enchido de xenreira e resentimento. Co todo o respecto que me merece, coido que non é a solución sin siquera transitoria e máis ben pode, ca súa teima redentora, esnaquizar o anquilosado e ríxido BNG.
Tampouco concordo con que sexa necesario para o novo, chamemoslle lider, ter escano no Horreo de cara a súa proxección pública. O papel e a proxeción do propio Bloque no Parlamento temo que vai ser moi secundaria. Este é un bo momento, facer da necesidade virtude, e comezar unha nova etapa cunha nova cara que a encarne. Tamén desto temos exemplos noutras autonomías en formacións políticas minoritarias pero importantes no seu ámbito e mesmo en partidos estatais. Eso si, é imprescindible xenerar unha estructura realmente democrática, máis aberta, desbotar eses males endémicos que temos identificado e mesmo relegar da primeira fila a persoas que poden ser máis útiles noutro plano. E, madia leva, ser conscientes da realide e deseñar un proxecto e obxectivos claros, progresivos e medibles.
Non digo que sexa doado pero non todo o feito foi un erro nin axudan moito os aspaventos traxicómicos que estamos a ver. Penso que hai espazo para desenvolver un proxecto nacionalista transformador e, como diciamos, tamén hai xente para levalo adiante. O que fai falta é realismo, humildade, vontade e ilusión.
Non sei si o decepcionarei e lle parecereri incongruente pero eu non son nacionalista, ainda que penso que nos convén neste país e neste intre histórico terén un referente nacionalista sólido e flexible. Tamén lle son raro e nada fiel co do voto e lle teño votado esporádicamente ao Bloque.
Saúdos.
Pois podo concordar con vostede máis do que suxire. Non estaría mal que algunha xente lese algún clásico. A miña suxerencia sería que comezasen, un dicir, por Gramsci. E que entendesen o concepto de hexemonía. Pero son pesimista porque non vexo que exista moita preocupación pola formación teórica en ningures. É o que hai. So nos queda esperar que se cumpra, o que dicía Franco en circunstancias para el adversas: “no hay mal que por bien no venga”,
Totalmente de acordo con Ramón,non na lectura dos clásicos,pero si na apertura á sociedade e no abandono do servilismo e do principio xerárquico tan propio do franquismo socióloxico que tanto mamaron algúns que se din marxistas-leninistas.
Mete medo pensar nunha Consellería de Cultura controlada por Paco Rodríguez e dirixida por Pilar García Negro.En fin,moitos larpeiros botaron o carro diante dos bois.Agora non será para ningún deles….
Ramón: “A política é quizais a única profesión para a que non se considera necesaria ningunha preparación” (Robert Louis Stevenson)
Non sei por qué a xente di que os votos ó PP son de xente desideoloxizada. Para min téñena máis clara que a auga.
Os votantes do PP teñen ideoloxia, a cuestión é (opino) que non sempre coincide coa do núcleo dirixente do PP. E, por certo, os votantes en branco, en nulos ou “abstencionistas” tamén teñen ideoloxía (afirmo).