Os sociólogos, os economistas e os comentaristas (nos medios ou en internet) somos especialistas en predecir a posteriori por que pasaron as cousas. Non vou ser eu quen zafe desta obriga profesional, aínda que pareza que fago leña da árbore caída. En resumo, segundo a miña acientífica opinión, pasou o que pasou sobre todo por un exceso de confianza dos que perderon. E o que parece que vai pasar é de bastante máis calado que perder unhas eleccións.

O exceso de confianza foi pensar que o PP consistía unicamente naquel partido que tan mal estaba que durante a lexislatura fixo unha oposición parlamentaria de mala a ben mala, non tiña o goberno nin das cidades nin siquera das vilas, e resistía soamente nun par de deputacións. En definitiva, que estaba en descomposición tanto en Galicia como en España, por falta de liderado e exceso de conflitos internos. Pero o PP, con crise interna ou de dirección, é con diferenza o maior partido de Galicia e o máis enraizado, cunha presenza na sociedade civil que non perdeu porque fose desaloxado das institucións.

PSOE e BNG pensaban, como teño escoitado ou lido a moitos analistas, que o que estaba en litixio nas autonómicas era a correlación de forzas entre as dúas organizacións gobernantes. Así, as confrontacións que durante a meirande parte da lexislatura se manexaron no plano interno, deixáronse saír cunha asombrosa inconsciencia á luz cando se achegaba a data electoral. No mesmo período, o PP aproveitou para comezar a inocular na sociedade civil o que serían os seus cabalos de batalla electorais: despilfarro, imposición do galego, ineficacia e falta de liderado en tempos de crise.

Co campo libre, o PP nin siquera tivo que argumentalos. Empregou o que uns chaman “propaganda gris” e outros “publicidade negativa”: sacarlle punta a anécdotas e presentalas como categorías (o coche / o despacho presidenciais) ou en presentar a realidade como o resultado da acción de goberno: hai parados e a culpa tena a Xunta. Nin tocaron nin reivindicaron a súa antiga xestión (“Empezamos?”). Ben é certo que contaron coa axuda dun fenómeno inédito: os medios de comunicación sempre tiveron unha tendencia, conservadora maioritariamente no caso de Galicia, pero sempre se aplicou con sutileza. O de agora, con tres periódicos de Madrid discutindo de cal deles foi o mérito da vitoria (por poñer un exemplo foráneo) é revelador.

Cando o bipartito quixo reaccionar, a infección (con perdón) xa estaba estendida, sobre todo porque había un caldo de cultivo para que medrara. A liña de actuación do goberno de Touriño estivo dirixida desde o comezo á xestión, e non á pedagoxía política. E o malo da xestión é que, aínda no caso de que fose boa, non produce resultados a corto prazo (como a promoción do asentamento no rural, ou a política de vivendas protexidas) ou nin siquera os asegura (protexer a costa non ten por que dar votos, como demostra o caso de Valencia). Está pensada para ós cidadáns, non para ós electores
Así que estamos como estamos. O PP disposto a non cometer os erros do pasado, suponse. Os recén apeados, como se levaran un pau na cabeza, e interiorizando as peores reaccións posibles. Os socialistas botándolle a culpa ó BNG, como se a inclusión dos nacionalistas tivese sido -ou vaia ser- optativa. O BNG vigorizando, entre outros vicios dos 70 que seguen vixentes, o cainismo. Comportándose, como di un amigo, como a Fronte de Liberación de Xudea e a Fronte Xudea de Liberación en La vida de Brian. É dicir, a culpa tivérona estes ou aqueles.

Como non me considero capacitado para dar consellos, deixo caer apenas un para os dous: asumir que teñen que renovarse e converterse en organizacións como demanda a xente e os tempos. O PSdeG, superando o estado de franquicia do PSOE no que o sumiron décadas de vazquismo-lerrouxismo (e non me refiro a Pachi Vázquez, nin a que o partido teña que ser máis ou menos galeguista). O Bloque, aclarándose sobre que quere ser, e que relación pretende establecer coa sociedade, se un núcleo que tenta pastoreala ou ser parte relevante dela. Porque, acabáramos, a culpa é da xente, que é como é, e non como se quere que sexa.

(La Opinión de A Coruña, sábado 7 de marzo de 09)

Advertisements