Acaba de saír un libro sobre Jesús Neira, o profesor que recibiu unha malleira ó interpoñerse entre un besto que maltrataba á muller, e que a resultas da súa acción quedou en coma e leva cinco meses internado nun centro médico. Estase recuperando pouco a pouco, e aínda non recorda de todo o que lle pasou. Tamén José Cendón, o fotógrafo galego secuestrado por bandidos somalís, está na súa casa de Adís Abeba preparando un libro que sairá en breve sobre a súa aventura.
Nas comparecencias públicas que fixo Cendón, lamentou reiteradamente ser famoso polo feito involuntario do secuestro, e non polos premios de fotografía que levou. Neira tamén fixo patente o seu estupor por terse convertido en famoso por unha actuación -admirable, desde logo- que fixo case sen pensala. Segundo o seu biógrafo, o ensinante de apelido galego é un intelectual independente, e quizais un chisco inflexible de máis, ata o punto de que despois de 20 anos de profesor universitario aínda segue a ser interino. De non ser protagonista do caso que foi, posiblemente tería perdido o seu traballo. Agora, a maiores de conservalo, cousa que está ben, será presidente do Observatorio da Violencia de Xénero da Comunidade de Madrid, tal e como lle ofreceu no hospital a propia Esperanza Aguirre, cousa que está depende. Depende, porque anque o nomeado recibira ilusionado a proposta, a designación ten un evidente cheiro político oportunista. A familia de Neira ten un preito co goberno rexional por neglixencia médica. O agredido foi rebotando por catro hospitais, sen que en ningún lle detectaran o derrame cerebral que o tivo en coma dous meses. No quinto atináronlle, pero tamén lle fixeron apañar unha infección de bacterias hospitalarias que lle afectaron ós pulmóns. No medio do litixio, Neira foi cualificado como “un impresentable” por Francisco Granados conselleiro de Xustiza e Interior, que por estas casualidades da vida, é o departamento do que depende o Observatorio. Non digo que Neira non reciba todas as homenaxes posibles, pero apunto que a súa preparación e experiencia persoal posiblemente o facultan tanto para rexer o consello asesor da violencia de xénero como para ser Valedor do Paciente da comunidade madrileña.
Esta é unha sociedade estraña. Enaltece as vítimas polo feito selo -non me refiro a Cendón ou a Neira-, como se non nos debera doer tamén a morte de xente que non era nin boa nin mala, ou mesmo manifestamente mellorable. Por exemplo, tería sido comprensible que o Ministro de Xustiza se entrevistara coa familia (á que por certo, representa a mesma axencia de comunicación que a Cendón) de Mari Luz Cortés, a nena de Huelva asasinada por un pederasta que debía levar dous anos en prisión porque foi unha vítima dobre: do seu asasino e dos erros do sistema xudicial. Pero non sei a santo de qué, quitado o tratamento sensacionalista que recibiu o caso, Zapatero recibiu ó pai de Marta del Castillo, a rapaza asasinada en Sevilla. Recibimento que o pai, polo que calquera sente toda a solidariedade e compaixón da que sexamos capaces, aproveitou para esixir publicamente vinganza, disfrazada de petición popular para a implantación da cadea verdadeiramente perpetua.
E somos unha sociedade estraña -uns máis estraños ca outros, con todo- que admite que os platós eleven ós altares do famoseo non soamente ás vítimas, senón ós cómplices ou achegados dos verdugos. Desde a maltratada moza do agresor de Jesús Neira, que acudiu á un programa de televisión para defendelo (ó agresor), ata os menores da cuadrilla dos homicidas de Marta, que se plantan nas pantallas acompañados de seus pais para “dar testimonio”, como se di no argot dese tipo de programas. E todo para que, apenas cinco anos despois da masacre do 11-M, os 191 falecidos, os máis de dous mil feridos, e as súas respectivas familias, non reciban nin siquera a consideración dunha homenaxe única e exenta de polémicas políticas, tal e como pasou en Madrid o mércores pasado. Esta é unha sociedade estraña que consume vítimas como calquera outra mercadoría.
(La Opinión, 14/3/09, Faro de Vigo, 16/3/09)
Acredito: somos unha sociedade estraña… (bo artigo, señor Pereiro!)
Moitas gracias (así, entre nós, unha sociedade ben rara)
calquera que lea a entrevista que lle fixeron ó señor Neira nun suplemento dominical fai algunhas semanas verá que este señor non esta capacitado para dirixir o observatorio sobre violencia de xénero en absoluto…(aquelo das meniñas pequenas que hai que tratar distinto cos nenos, porque o cometido dos neniños e coidar das neniñas…deume repelús)
Por delimitar o tema: por que se atribúe á unha vítima –e aínda máis grave ao seu conxunto– algún tipo de cualidade para que a súa opinión sexa máis estimable cas do resto dos seus concidadáns?
A primeira e principal cualidade dunha vítima é o seu carácter involuntario: ninguén busca ser vítima senón que o son ao seu pesar, involuntariamente.
No plano humano, as persoas de ben deben ser solidarios con aquelas outras que sofriron algún tipo de abuso cruel, sen telo merecido, coas vítimas da viloencia inxusta. Pero aí remata a obriga e recoñecemento que deben recibir.
No demais as súas opinións deben valorarse da mesma maneira que a de calquera persoa. Por que se lle da valor e se amplifican as declaracións sobre política, un dicir, de quen tivo a desgraza de que lle matasen un irmán, unha filla ou un sobriño? Confírelles esa circunstancia máis elementos de discernimento racional que ao resto das persoas? Por que se debe ter máis en conta o que sinten, pensan ou din que ao resto da poboiación para condicionar a política dun goberno?
Porque elas o reclaman, e sempre hai quen está disposto a poñer en dúbida, cando non cuestionar directamente, esa solidariedade, en caso de que non se atenda esa reclamación.
Magnífico texto.
Gracias again. Non, se eu cando non falo de política…