Recoñezo que me ten apampado a polémica dos traxes do presidente valenciano Francisco Camps. E non tanto o de que sexa inocente ou culpable de ir feito un figurín a súa conta ou á dos contribuíntes, senón polo dos traxes en si. Recoñezo que hai unha certa dose de envexa pola miña parte, que me visto axeitando a roupa ás miñas características morfolóxicas e non mandándoa confeccionar a medida. E outra de inocencia porque pensaba que os traxes de 1.500 dólares en xente que non é millonaria eran cousas que dicían os gánsters das películas para fardar -nunca mellor dito-. Pero págueos el ou unha empresa á que lle fixo favores, alucino co papo que ten que ter calquera, e non digamos un cargo público, para devolver de vez catro traxes confeccionados a medida por unha empresa especializada que eu coidaba prestixiosa, sobre todo cando se ten o tipito que gasta o presidente valenciano. Ou que lle teñan que traer de Italia unhas trabillas especiais para os pantalóns. Imaxinen a de enxeñería sartoria e as mañas de xastre que terán que facer con alguén co tipo de Solbes ou de Chaves, por exemplo, se son así de espurridos (que é como lle chamaba a miña outra avoa ós exquisitos).
A relación de Camps cos traxes é tan peculiar, por chamarlle algo, como a que ten coa sexualidade unha institución baseada en renunciar a ela como é a Igrexa. Dos sete pecados capitais tradicionais (luxuria, gula, avaricia, pereza, ira, envexa e soberbia) e dos novos (o pecado social), o do sexo é o único que parece ocupar á cúpula eclesial, cando me parece que tiñan ben máis campo contra a avaricia ou a soberbia, por non falar do pecado social ese. Pero aínda admitindo que estean contra a luxuria, por que establecen unha relación directa co preservativo?, e postos a falar do que non coñecen, que pito -con perdón, pero nunha mellor dito- teñen que tocar no asunto do control das epidemias? O argumento do Papa de que o preservativo non soamente non é solución contra a SIDA, senón que aumenta o problema, en que estudios médicos se funda? Aseverar como fan os bispos españois que o que cómpre son as relacións “moralmente sanas”, que quere dicir? As relacións sexuais entre un infectado e outro que non o estea, por moi moralmente sans que sexan, acaban derivando en dous infectados. Supoño que a Igrexa se pode permitir eses luxos teóricos, como se permitiu o de que o Sol daba a volta á Terra e non ó contrario, porque entre as 7.500 persoas que cada día collen a enfermidade no mundo, e nos 25 millóns de africanos contaxiados, non debe haber moitos católicos.
E para desdramatizar e non falar de cousas que me poñen atómico, outra teima. A sinrazón dos organismos deportivos, eses formados polos chamados “homes do deporte” en manter pechas as portas ás mulleres. A todas en xeral e en concreto ás do Club de Fútbol Femenino Cáceres, que reclamará no Congreso o dereito a ser profesionais que lle negan o Consello Superior de Deportes e a Federación de Fútbol. Negan a profesionalidade dos equipos femininos, cando nin siquera hai razóns serias para impedir que un bo futbolista non poda ter ficha en calquera división porque é muller, é dicir, que as mulleres poidan competir entre homes, se son boas dabondo para iso. Cal é o problema? Os vestiarios? As barbaridades que se escoitan nos estadios? A menor fortaleza física -da media- das rapazas? Coñezo máis dunha con bastante máis presenza -e pé máis grande- que Bebeto, que desempeñou máis que perfectamente o oficio. Como non sexa o temor de que logo esixan cotas de xénero nos equipos…Véxolles máis problemas a elas no choio de matar e que non te maten, e aí as teñen, na infantería de mariña.
O que pasa é que por riba da lóxica e da razón están os traxes: os feitos a medida, as sotanas e ata as camisetas e os pantalóns curtos.
(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, sábado, 22 de marzo de 09)
Permítame que lle reprenda o argumento sobre o Papa, Sr. Shs. Polo que teño entendido estudiou vostede, coma eu, nun colexio de curiñas. Si non é asi queda absolto e coa bendición urbi et orbi. Pero si non, amiguiño, lembrese que o sexo entre muller e home SO é no matrimonio e para a efectos de procreación, o resto das pervesions actuais son pecado capital e polo tanto non se fan, co cal os preservativos non son necesarios, alma de dios. E agora que non é obligatorio ser católico apostólico e romano, (xa non te queiman na fogueira, o cal é unha pena porque o espectáculo daría para moito na sua profesión) pois o que dí o santo padre é para a sua parroquia que anda moi confundida a pobre. Resumindo, ser papista é como ser do Celta, un sacrificio que lévase coa delicia dun mundo mellor fora deste val de pranto (léase segúnda ou terceira co ritmo que levamos ou esta españa y sus regiones descarriada na que estamos).
Un saudo dende o inferno.
Pero se un dos cónxuxes católicos pilla algo nun báter, ou porque se picou cunha xeringa, que? E sobre a outra desgraza, a do Celta, non teña medo, que non hei ver o apaixonante duelo Celta-Lemos
Pois abstinencia,pecador, que dios éche moi sabio e envíate probas para probar a tua fe sinceira e non de pacotilla, como a de moitos que andan por ahi.
En canto o importante, verémonos na Pinguela o ano que ven, vaia reservando unha botelliñas desas que lle garda a sua familia asi como o xamón. As necoras da ría póñoas eu. E transquilo quo perder e cousa nosa por aquelo da tradición.