Etiquetas

, , , , , ,

Non sei a experiencia que teñen vostedes en sentencias xudiciais. Espero polo seu ben que pouca. Eu teño algunha, porque por razóns profesionais hai que ler de todo, e para min son unha das probas da existencia dos mundos paralelos, ou como moito tanxentes. Unhas máis ca outras, claro. O que normalmente se entende delas -en ocasións o único que se entende-, é a parte que comeza “Resolvemos” que vén sendo como dicir “Acabáramos”. Do asunto do Prestige, do único que zafei foi precisamente da instrución do sumario xudicial, circunstancia que agradezo, así que non lles podo dicir a miña opinión, caso de que lles interesara, sobre a xusteza ou xustiza do auto do xulgado de Corcubión no que exculpa ó daquela director da Mariña Mercante, José Luis López Sors, e polo tanto ó Ministerio de Fomento, e no fondo, ó Estado. Que fixeron ben, vamos, mandando o petroleiro ó quinto pino.

Afortunadamente, un ten amigos. Amigos que ademais son catedráticos de dereito penal e que por riba escriben. O meu paisano Carlos Martínez-Buján vén de poñer en negro sobre branco que leu o auto da xuíza Carmen Veiras “logo de moito esforzo”, debido “á moi deficiente sintaxe empregada, infestada de graves solecismos, que me deixou atónito. Semellante circunstancia, unida a un uso caótico dos signos de puntuación e ás erratas e ata de omisións de palabras imprescindibles para a comprensión do texto, fan dificilmente intelixibles algunhas pasaxes da resolución xudicial”. Con todo, despois de deixar bonito o aspecto formal do texto (xa se sabe como se poñen os catedráticos universitarios cos textos que lles custa ler) o peor é a crítica ó fondo: en resumo di que non se pode exculpar a López Sors baseándose na declaración dun enxeñeiro naval e desprezando o criterio contrario de tres peritos xudiciais. (Por riba, logo sóubose que o enxeñeiro exculpador fora asesor de Fomento cando o naufraxio, co que a súa imparcialidade queda en entredito, e ata eu supoño que de perito pasa a ser testemuña).

A raíz do auto de Corcubión, o PP pediulle a PSOE e BNG que se desculparan por todas as críticas que fixeran ós gobernos autonómico e central daquela. Metera a xuíza a pata na forma e ata ó fondo ou non a metera, a min paréceme que a crítica ás autoridades non consistiu soamente en se fixeron ben desfacéndose do barco ou terían feito mellor poñéndoo a resgardo. Nin en se tiñan medios para unha catástrofe así, que non tiñan. Nin se estaban preparados, que tampouco. Nin siquera sobre se se deron organizado, que moito menos. Todo iso de xestionar as catástrofes como malamente se pode xa lles pasara a outros antes, e pode que lles pase a outros despois. A crítica é que ós presidentes daquela, Fraga e Aznar, non se lles viu o pelo polos sitios onde tiñan que estar cando había que estar, e cando chegaron, foi para ofender. Que aqueles a quen mandaron a botar un ollo e tentar acougar o mosqueo soamente contribuíron a incrementalo: “Las playas están esplendorosas” (Federico Trillo). “Afortunadamente hemos logrado evitar una marea negra” (aquel comellón criador de touros que foi ministro de Agricultura e Pesca, Luis… non, xa recordo, Miguel Arias Cañete). “El fuel no llegará a las Rías Bajas” (Mariano Rajoy).

E sobre todo, que mentiron de principio a fin. Sobre onde estaba barco. Sobre que facían con el. Sobre se chegaba chapapote ou non e por onde dicían que andaba. Sobre se o que chegaba era pouco ou moito. Sobre que trato lles daban ós voluntarios. Sobre que non había perigo de fugas cando o barco se fundiu. Sobre se logo as había realmente ou non, e de canto. Sobre a cantidade que foi perdendo o petroleiro na súa agonía e sobre a que quedaba dentro. Sobre a cantidade real do diñeiro do suborno á todo un pobo que era no fondo o Plan Galicia. Boto contas así, de memoria e sen mirar na maleta ateigada de libros, informes, documentos, gravacións de audio e vídeo, cds e dvds que teño do asunto.

Ou sexa que antes de esixir que pidan perdón os que daquela gobernaban ós que daquela eran oposición e agora volverán selo, teñan a decencia de admitir os erros que nunca recoñeceron, retiren os insultos que daquela fixeron, e logo xa falaremos.

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, sábado, 28 de marzo de 2009)

Advertisements