Supoño que verían, porque todo se acaba vendo, esa promoción de Tele5 na que se nos predican as bondades das marcas: “La marca es identidad, diversidad, color. La marca es libertad. Tele 5, con las marcas”. Comprendo que hoxe se invoque a liberdade como argumento de venda de calquera cousa, desde as patentes de corso na economía ata as ideoloxías reaccionarias, pasando polos teléfonos móbiles. Pero non vexo a relación entre marca e liberdade, quitado a de escoller pagar ou non máis polo mesmo, dependendo da etiqueta que leve. E sobre todo, o que non acabo de pillar é quen ataca ás marcas para que unha cadea de televisión se poña a defendelas como se fosen unha especie en extinción. É como se Tele5 proclama que se solidariza coa lei da gravidade.
As marcas, como seu nome indica, acoutan hoxe o noso mundo como os marcos acoutaron os montes. Un exemplo da súa importancia que me quedou gravado está na novela Basketball diaries, de Jim Carroll, na que narra a súa experiencia persoal de como un xogador de baloncesto dun colexio católico se converte en heroinómano. No seu descenso ó inferno, Carroll conta unha vez que está agardando máis que nervioso a un colega que foi facer a compra de doses. En canto chega e abre, ávido, a papela, o olor do seu contido lévao á infancia, e fai que o seu gozo caia nun pozo. “Burro! Pasáronche colacao, como non te deches conta?”, bérralle ó outro. “Eu era de nesquik”, responde desolado o ionqui que fora pillar. Outro exemplo, este de actualidade, da importancia das marcas é o G20.
O G20, segundo aclaran os medios de comunicación que asumen que o seu público non ten por que saber de todo, é unha especie de club sen sede nin actividades reguladas, pero selecto, que crearon os membros doutro club aínda máis selecto, o G7, o dos países máis ricos, para que entraran nel os países simplemente moi grandes. Pero sobre todo, é unha marca. Unha marca que prestixia todo o que toca. Desde ós seus integrantes (de aí a ansia de gobernos como o español por entrar, ou polo menos andar por alí), ata ás súas decisións, e incluso ó feito mesmo de que se reúna. Se hai resultados, porque os hai, e se non, porque non.
Véxase o caso do cumio que se vén de celebrar en Londres. O G20 vende que tomaron nel medidas decisivas para todo o Mundo. Afectarán tanto a Wall Street como ó pequeno contratista que tivo que despedir a case todo o persoal porque os bancos non lle daban financiamento, ata á dependenta que botaron porque na tenda non entraban clientes ós que atender. Non digo que non, pero a miña impresión persoal é que lle mercamos ó G20 a ilusión de que están facendo algo máis que tentar salvar -como din groseiramente os anglosaxóns- o seu propio cu, para non levar nel as patadas do contratista, a dependenta, e todos aqueles afectados polas políticas económicas causantes do que pasa. Mercámoslles o glamour de ver xuntas ás primeiras damas do Universo e de saber que escolleron para poñerse, e en que se entretiveron mentres os seus ocupados maridos tentaban salvar o capitalismo dos efectos das súas propias esencias.
Moito me temo que as medidas que eles venderon e nós mercamos sexan o mesmo que cando adquires un programa informático. Levas para a casa un paquete igual de grande que os de deterxentes para lavadoras, e o que hai dentro é moito aire e un CD. Dixeron que van regulamentar o que se lles desregulamentou diante dos fuciños, cando non desregulamentaron directamente eles. Déronlle máis fondos ó FMI, unha institución que salvou algunhas economías e afundiu outras. Van mandar para a cama sen cear ós paraísos fiscais, eses bochinches financeiros que son como as navallas automáticas: todos sabemos para que serven, pero séguense vendendo. En resumo, acábannos de colocar colacao. Ou nesquik.
(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, sábado, 4 de abril de 09)
Básicamente, o que habería que facer é deixarlles facer, que regulen, que digan, que se dean palmadiñas nas costas… e a xente irse organizando pola súa conta, solucionando os seus problemas excluíndo explícitamente a esa tropa toda, hasta que queden segregados na súa burbulla de reloxios de ouro e avións particulares.
Respecto á campaña de telecinco, cando a vin non daba crédito ós meus ollos ¿será que tiveron un baixón de contratación na publicidade? Para o ano, en lugar de chorradas tipo “apagar a luz unha hora para salvar o planeta” deberíase propoñer “apagar a tele (sen plazo) para salvar… o que haxa que salvar”.
Logo de postear isto, chegoume o seguinte spam:
“No ocultar su exito – las marcas de desgaste caro y nadie recuerda como lo adquirio barato.
Entregamos muy rapido y muy seguro!
Usted realmente todo lo que necesitas para triunfar. Orden en la paz.
Estas cosas pueden realmente ser visto.
No creer lo bonito que se mantiene y mirar.
Solicite nuestros productos estan garantizados y que no se enttauscht.
Solo las mejores marcas, muy barato”.
¡Merda de tradutores automáticos!…
Moito máis divertido o resultado que se me viñera ben traducido
Vostede siga a abrir os spam e rematará por facerse experto en Viagra……