Etiquetas

, , , , , ,

Quitado o dos mortos, un factor que fai odiosa e ociosa calquera comparación, o terremoto de Italia recorda a catástrofe do Prestige (e as do Mar Exeo, Cason, Urquiola, Polycomander?). Recórdana nas consecuencias de que pasa cando o Estado e as administracións en xeral non cumpren o papel que eles se arrogan e polo que lles pagamos: que os efectos son moito peores que si realizaran o seu labor. Os afectados polo sismo protestan pola falta de axudas e de organización á hora de socorrer ás vítimas. Cunha sensibilidade que ó mellor lles soa de algo, o primeiro ministro Silvio Berlusconi foi alí para dicirlles que tomen o de estar vivindo como refuxiados como se estivesen de cámping. Máis ou menos como se ós mariñeiros e voluntarios que se enfrontaron ó chapapote lles dixeran que se figuraran que eran concursantes de Supervivientes.

Cando se desata unha forza da natureza, sexa de terra, aire, lume ou auga, o número de mortos é directamente proporcional ó grao de eficacia da Administración nese territorio. Os terremotos que asolan California ou Xapón de cando en vez non deixan apenas vítimas en comparación cos tremores de terra en Turquía ou Irán. O mesmo furacán que deixa un rastro de morte no Caribe ocasiona unicamente perdas materiais nos Estados Unidos ou en Cuba. A diferenza, por exemplo nos terremotos, está en se hai normas de construción específicas para minimizar os movementos sísmicos, ou non hai. En Italia, como era de prever, había normas pero non se cumprían, ata o punto de que entre os edificios que menos resistiron estaban os ergueitos pola Administración. Outra situación que seguro que lles soa, porque aquí, sempre que o aire leva un tellado, ou é dun colexio o dun polideportivo. As últimas leis do Goberno Berlusconi foron precisamente na liña de liberalizar a construción de vivendas. Ou as penúltimas, porque nunha desas visitas estomagantes, tocado cun casco de bombeiro que lle daba un aire á Formiga Atómica, adiantou que farán unha contra os saqueos, da que non sabe nin como cualificará o delito, pero si que levará aparelladas penas moi duras.

Xa imaxino como de duras, sabendo contra quen van dirixidas. É o bonito dos países latinos, cheos de encanto pola alegre improvisación das súas xentes e as dúas varas de medir das súas institucións. En Italia non anunciaron si tomarán medidas para velar polo correcto emprego dos fondos para a reconstrución. En España, o Tribunal Supremo acurtou de dous anos de prisión e sete de inhabilitación a 21 meses de suspensión a pena para o xuíz que aceptou cartos de Roca o de Marbella a cambio de suspender a emisión dunha reportaxe sobre os seus negocios. En menos de dous anos, o maxistrado seguirá impartindo xustiza e ditando sentenzas tan axustadas á lei como aquela que condenou a un mendigo a ano e medio de cárcere por roubar unha barra de pan. En Galicia temos outro exemplo. O caso da fragata Extremadura, na que morreron dous militares ó estoupar a caldeira cando estaba atracada en Ferrol. O responsable da operación, un tenente de navío, non fixo nada, nin se moveu da casa nin avisou ós seus superiores, cando os mariñeiros o chamaron para avisar que os indicadores pintaban mal e que o protocolo de arranque das caldeiras aconsellaba apagalas. A única medida disciplinaria que houbo foi precisamente contra o que avisou, o cabo Gago, por revelar publicamente aquilo que non resolveron pola canle regulamentaria. Tiveron que pasar catro anos nos que todo o mundo sabía que pasou e que ninguén fixese nada para que a Fiscalía acuse agora ó oficial de “ineficacia no servizo”.

Sempre haberá accidentes da natureza, pero que se convertan ou non en catástrofes depende moitas veces dos homes.

Advertisements