Etiquetas

, , , , , ,

O sábado tomou posesión da presidencia da Xunta Alberto Núñez Feijoo, tal e como saben todos aqueles que non acaban de saír do estado de coma. Pero como ata agora -no que vai de ano- non fixo máis ca unha campaña electoral sucia e un discurso de investidura limpo e prometedor, prefiro esperar a que se aclare el, e así ter tempo a aclararme eu. Como xa saíron sondaxes sobre a popularidade do novo goberno de Zapatero, podo aproveitar e opinar a favor de corrente, que xa vai sendo hora.

A enquisa, difundida por un medio de dereitas, afirma que Zapatero non chega ó 5. Por iso Sarkozy, remando tamén a favor de corrente, debeu dicir iso que dixo que non dixo, de que o presidente español non era moi intelixente. Supérano os tres vicepresidentes, encabezados por María Teresa Fernández de la Vega, que case chegaba ó 6, demostrando que esta sociedade bota de menos a disciplina. A sondaxe tamén concluía que os ministros que entran son mellor valorados que os que saen. Menos nun caso: o do ministerio de Cultura. A entrante, Ángeles González Sinde, ten menos consideración que o saínte, César Antonio Molina. Para esa valoración aforraban encher o formulario.

As virtudes da guionista de películas como La buena estrella (título profético e que enche calquera currículo) e da agora en cartel Mentiras y gordas (espero que este non sexa profético) para dirixir a política cultural de España non as discuto, pero non as coñezo. Se a César Antonio Molina lle recoñecían a súa excelencia como xestor ata os que lle criticaban as súas carencias como político, da súa sucesora soamente se sabe que chega ó cargo como representante dun lobby, o da industria cinematográfica, e do cativo sector, fundamentalmente madrileño e caspoprogre, dos que pensan que Ramoncín e Miguel Ríos son estandartes da cultura pop e xuvenil. A nova ministra alporizou a todos os internautas, que teñen a mesma memoria -pouca- ca o resto da xente, pero saben rastrexar toda a información que hai sobre calquera na rede. As declaracións que fixo sobre o que ela e a opinión publicada chama piratería ou descargas ilegais, ou ser asinante do manifesta pola chamada “lengua común” non son precisamente avais para ocupar o Ministerio de Cultura. Outra cousa é o que faga nel, claro. As primeiras declaracións sobre o asunto demostran que terá boas intencións (ademais da lóxica de neutralizar os ataques), pero idea, ben pouca. A súa frase conciliadora, “los internautas no tienen que tener miedo, porque Internet es imparable” é como se a improbable presidenta dunha imposible Asociación de Monxes Miniaturistas e Amanuenses (AMMA) na Idade Media mostrara a súa comprensión cos seguidores de Gutemberg e declarara que a imprenta é un invento aceptable.

Ben pensado, non debería facer caso de segundo que sondaxes, ou máis ben, de como os presenten. A mesma fonte propagou que a maioría dos españois pensaban que co cambio de goberno, a economía iría igual ou peor (62,9%), sen detallar cantos pensaban que igual e cantos que peor, opoñéndoos ós que pensaban que mellor (27,1%), co que a conclusión podería ser exactamente a contraria: a maioría dos españois creen que o cambio de goberno mellorará a economía. Eu, de todas formas, son pesimista. Sobre todo desde que escoitei a un ministro novo, José Blanco, admitir que o AVE virá “o antes posible”, sen comprometerse en datas, e a un presidente novo, Alberto Núñez Feijoo, recoñecer que a crise económica é grave, e máis que o será, e que non é culpa da Xunta anterior, senón da conxuntura internacional. Se os políticos empezan a dicir a verdade, a cousa debe estar peor do que imaxinamos.

(La Opinión de A Coruña, sábado 18 de abril de 09)

Advertisements