Etiquetas
Ánxela Bugallo, Bigotes, Cultura, Francisco Campos., Gürtel, Roberto Varela
“A. – Oye… que te sigo queriendo mucho.
B.- Y yo también… tenía que haberte llamado, te quería haber llamado, para contarte todo, cómo fue…
– Vale, me alegro, pero me han ido informando puntualmente de todo.
– Ya, ya lo sé, pero sobre todo para decirte que te quiero un huevo.
– Bueno, qué… contarás durante muchos años con mi lealtad, ¿vale?
– Perdona, ¿durante muchos años? No, hijo de puta, durante toda tu vida. Ja, ja…”
Hai mañás que a prensa nos alegra o día. Hoxe (o meu hoxe, non o sábado de vostedes) foi un deles. Este diálogo, este tsunami de amor entre dúas persoas, non está sacado de Sin tetas no hay paraíso. A é Álvaro Pérez, un dos imputados no caso Gürtel, agora en prisión, e B Francisco Camps, presidente da Generalitat de Valencia, tamén imputado, pero menos. Lida a conversa, eu non sei se na trama investigada polo xuíz Garzón hai corrupción e tráfico de influencias entre empresas organizadoras de eventos para o PP e cargos do partido, pero desde logo, cariño hai, que é o importante, tanto ten se veu do trato, dos contratos, ou foi frechazo.
Tampouco sei se cariño, pero desde logo unha hemorraxia de complicidade entre cosmopolitas que se recoñecen como tais era o que destilaba a entrevista ó novo conselleiro de Cultura, Roberto Varela, neste periódico. Soamente así, desde a obnubilación pasaxeira que se produce nestes casos, se entende que un home feito e dereito, formado e viaxado, espete iso de: “La cultura gallega está muy bien, pero limita, prefiero la cultura hecha en Galicia”. Home, por un lado, ninguén dubida da experiencia e da capacidade do diplomático Varela para dirixir o Instituto Cervantes, o Ministerio de Cultura ou a Unesco, pero para o que o designaron é precisamente para xestionar esa cultura, limitada ou non. E por outro, xa nos desvelará a diferenza entre “cultura de Galicia” e “cultura galega” (RAE: “gallego-a: Natural de Galicia. Perteneciente o relativo a esta comunidad autónoma de España”). Unicamente que o matiz signifique expulsar da nosa cultura a obra pictórica de Antón Patiño ou a escultórica de Francisco Leiro, galegas por orixe e raíz, polo feito que se producen en Madrid e New York, respectivamente.
No único caso en que galego e feito en Galicia non coinciden é no caso da literatura. Os sistemas literarios están configurados polo idioma, e non pola xeografía. A obra de Camilo José Cela non se pode inscribir na literatura galega porque (ademais da que montarían en Madrid polo atrevemento das provincias) figura en letras grandes na castelán. Pola mesma razón o checo Kafka é un autor da literatura alemá, e Conrad e Nabokov da inglesa, aínda que naceran en Polonia e Rusia. A obra de Arcadio López Casanova está na literatura galega/de Galicia aínda que viva en Valencia e tamén fan parte dela Úrsula Heinze ou Frank Meyer, a pesares da orixe xermana que evidencias os seus nomes. Se é por cartos, non haxa pena, que os contribuíntes de aquí achegamos dez ou cincuenta veces máis fondos para a promoción do idioma español que do galego.
O responsable da cultura afirma estar empeñado na promoción exterior da cultura galega, e fai ben. Sobre todo porque os que chegaron ó cargo desde o mesmo partido que el entendían por proxección darlle 300 millóns de pesetas a Julio Iglesias polo cargo sen cargas de “embaixador” de Galicia. Como Roberto Varela tiña un bo cartel antes de que falara, direille que, por moito que lle conten, foi a súa antecesora, a pouco cosmopolita Ánxela Bugallo, a que mudou a tradicional política de organización de verbenas nas prazas maiores pola tal proxección internacional. Crucificárona precisamente por cousas como ser Galicia o país invitado na Feira do Libro da Habana, non se sabe se porque se celebra en Cuba (por certo, lugar relevante de peregrinación institucional do ante-anterior presidente da Xunta, Manuel Fraga) ou polo gasto (arredor de dúas veces o que meteu Esperanza Aguirre só no bufet de presentación do Teatro del Canal de Madrid). Pode que o nacionalismo se quite viaxando, pero os prexuízos deben ser máis resistentes.
(sábado, 25 de abril de 09)
Excelente análise, señor Pereiro. Parabéns e que siga vostede contribuíndo por moito tempo ao esclarecemento do que sucede no país.
“No único caso en que galego e feito en Galicia non coinciden é no caso da literatura”.
E no caso da música?
Siniestro Total son música española?
«É literatura gallega a que está feita en galego e responde á conciencia nacional de Galicia como realidade cultural autónoma, diferenciada». Francisco Rodríguez, 1996 .En ASOCIACIÓN SOCIO-PEDAGÓXICA GALEGA, (Asende Estraviz, A; Sánchez Iglesias G. —dir.—), 1996. Historia da literatura galega; A Nosa Terra, Vigo, Vol.I, p. 8
Parece que para algúns o máis importante é que «responda á conciencia nacional» e só desde ese punto de vista pode entenderse que se inclúan nos actuais textos escolares de literatura galega historiadores (algúns relevantes, pero con escasa calidade literaria) e mesmo autores que non escribiron en galego, como Murguía. Pola contra quede fóra Valle-Inclán (un poñer) que sería algo asi como deixar a Joyce fóra da literatura irlandesa, cousa que en Irlanda non se fai.
Aíndo estando dacordo con case toda a escrita do señor Pereiro, asumindo o que afirma dos sistemas lingüísticos, hai sempre uns condicionantes ideolóxicos que se aplican con certa “flexibilidade”, pragmatismo ideolóxico, ou como se lle queira chamar
Ramón, eu son un inflexible dogmático do pragmatismo, así que non podo estar máis de acordo co que di, e mesmo co que di sen dicilo. Evidentemente, non podemos expulsar a Valle Inclán da cultura non só de Galicia, senón da galega (seguindo esa diferenciación tan anos 70 que propugna o conselleiro), pero en canto a incluilo na literatura galega, teño as miñas dúbidas.
Eu tampouco lle sei. Só dubido
Ó Descartes resultoulle máis fértil a dúbida que o cariño (din algunhas). Por que resultará tan difícil sentar ó Valle no pupitre que lle coresponda? Eu, porsi, apúntome á dúbida.
Estupendo artigo. Claro, firme, ameno e con ironía. Hai pouco escribín tamén sobre o mesmo (http://cavanarda.blogspot.com/2009/04/cosmopolitismo.html) no meu blog.
Ao Ramón, dicirlle que concordo co criterio lingüístico ou filolóxico á de determinar se Valle ou Cela son autores da literatura galega. Para min, non o son. Grandísimos autores, desde logo, pero da literatura en lingua castelá. E por suposto tan galegos coma o pan de Ousá ou os percebes de Rinlo.
D. Xavier: concordo totalmente con vostede pero teño que advertirlle que co dos percebes xoga vostede en terra minada porque o meu moi leido Suso Lista seguro que ten unha opinión talmente contraria. En canto o do pan de Ousa, perdoe a miña monumental inorancia, e porque na miña casa somolles moi de pan, ¿o comentario o puso porque é vostede de ali ou é que paga a pena facer o esforzo e conseguir un boliño do seu querido pan de Ousá?
A min sorpréndeme que a estas alturas lle esteamos dando voltas a asuntos que xa consideraba pechados desde finais dos anos 50, cando Ferrín publicou aquel artigo de “Cada coello ao seu tobo”.
A este paso teremos que trasladar a Valle-Inclán, a Torrente, a Cela, etc. ós libros de texto de “Literatura galega” e botar deles a Alcalá, a Úrsula Heinze, a Perozo, e a cantos escritores non galegos publicaron no noso idioma.
E supoño que tamén as últimas obras de Xelís de Toro (escritas fóra de Galicia, etc., etc.
Unha cousa é ser escritores e ser galegos, e outra é ser “escritores de literatura galega”. Cada coello ao seu tobo.
Pois si,amighos,teñen toda a razón do mundo.Como dicimos os paisanos,a vaca non é de onde nace, senón de onde pace.E perdoen que baixe o nivel deste reputadísimo blog.
E viva a clase obreira,xa que estamos….
Amigo Álvarez: no caso dos percebes son rinlego, no do pan simplemente consumidor ocasional. E nun caso como noutro, pagan ben a pena. 😉