Eu tamén estou cun ollo en internet, outro nos periódicos, unha orella na radio, un ollo de garda velando a tele e o outro pasando revista ós posibles remedios, incluídos os parafarmacéuticos como o mel e a caña. Por se ataca a gripe esa que ten preocupadísimo a todo o mundo, e refírome ó Mundo. A min non me parece para tanto, e agárrome desesperadamente ó que dixo a recén estreada conselleira de Sanidade, que era unha gripe normal e punto, pero tampouco quero opoñer a miña ignorancia ás declaracións da OMS e de todas as autoridades sanitarias do orbe, ás palabras de preocupación de Obama, Schwarzenegger, Sarkozy e Trinidad Jiménez. Así que a min non me van pillar alegre despreocupado.
De tanta información que nos inunda, o que saquei en limpo é que iso que uns chaman “influenza” para dar a impresión de estar máis enterados e para que pareza a cousa máis importante, e as autoridades “gripe nova” para o contrario (para que pareza menos) é a devolución mellorada que nos fai o porco de virus que antes lle metemos a el. O principal virus da nova gripe, o H1N1, é o da famosa gripe española de 1918, a primeira gran pandemia do século XX. O outro, o H3N2, transferímosllo ós ranchos na gripe de Hong Kong de 1968. Os porcos teñen conta de todo, e neles os virus mestúranse, mutan e pintan a cana verde. O H1N1 mexicano é un cóctel de catro virus orixinarios: un humano, un aviario norteamericano, un porcino norteamericano e outro porcino eurasiático. Un auténtico exemplo da globalización: espallouse polo mundo grazas ás viaxes organizadas e a que, desde que non se pode fumar nos avións, renovan o aire neles cando lles peta.
A ciencia debería tranquilizarnos, pero o que me mosquea é a alarma xeneralizada. A mesma que se produciu na anterior alerta sanitaria, a tamén temible gripe aviaria, que logo acabou tendo a mesma porcentaxe de mortalidade en todo o mundo ca os accidentes de tráfico nunha ponte de Semana Santa en España. A alarma que fixo que o goberno de Exipto ordenara a supresión radical da poboación porcina do país (oficialmente unhas 300.000 cabezas), ou uns pasaxeiros se negaran no aeroporto de Barajas a montar no mesmo avión que uns que viñan de Cancún (México). Ou a das informacións que recordan que a gripe española sería unha gripe, pero matou a uns 40 millóns de persoas, máis xente que a Gran Guerra que estaba a rematar, como se as condicións sanitarias de hai un século nun continente asolado pola contenda fosen as de hoxe. Para min que alguén debería dicir que o que mata é a gripe, pero unicamente se teñen a complicidade necesaria dos sistemas sanitarios deficientes ou inexistentes. Que onde morre xente polo H1N1 ou o H3N2 tamén morre por virus anónimos, polas malas condicións da auga potable e ata por catarros. Unicamente que esas cifras e estatísticas non se coñecen, ou danas a coñecer os comunicados das ONGs, eses pesados, e non chegan ós titulares. O colmo da manipulación é que o Goberno mexicano, que non deu atallado o brote nin atendido con xeito ós afectados ata que se contabilizaron dúas ducias de mortos, sexa capaz de sinalar a un pobre neno de cinco anos como o “paciente cero” (atención, etiqueta xornalística!), suxerindo indirectamente (moi directamente, para os seus veciños) que a culpa é del.
Claro que non todo é negativo. As multinacionais farmacéuticas Roche e Glaxo fabricaban respectivamente o famoso Tamiflu (desenvolvido por Gilead Research, da que é accionista Donald Rumsfeld) e Relenza, que servían para a gripe aviaria e serven para esta. As dúas tiñan unha situación económica delicada, e agora viron como a súa cotización bursátil erguía a paletilla. E a expansión da pandemia e as súas posibles secuelas atraeron os focos antes centrados na extensión da crise económica e financeira e as súas consecuencias efectivas. Como dixo sabiamente o afectado de Mos que resultou non selo, se o chega a saber, non di nada.
(La Opinión A Coruña, Faro de Vigo, sábado 2 de maio de 09)
algo bon tiña que ter esta gripe: http://www.publico.es/222805/sacerdotes/eeuu/dejaran/dar/hostias/boca/gripe
A “la prensa” le encanta todo lo que suene a apocalíptico y haga subir las ventas; tras el vuelo majestuoso de la “gripe aviar”, ahora hozamos entre fangos porcinos. Y si el mundo, en minúscula, no se termina mañana mismo, ¿qué haremos con los periodistas?
o peor de todo é que a xente está tan apapaostiada que ainda que en gran medida se conhece esto que ti contas non se fai nada, non se move un dedo por acabar con tanta prodemia, especulación, avaricia… que a culpabel de q haxa mortos máis que nada por falla de condicións de salubridade, etcS.
Xa lin as cifras das mortes anuais pola gripe común, sen adxectivos. Entre medio millón e un millón.