Etiquetas

, ,

O sábado tiven que endilgarlle unhas palabras ós que desde agora van ser colegas de profesión, aqueles que estes días se licenciarán na Facultade de Xornalismo de Compostela. Lamentable, pero sinceiramente, non tiven outra que expresarlles de entrada o meu máis sentido pésame pola elección que fixeron, aínda que sexa algo tarde (catro anos de carreira tarde). E de saída, deilles os meus parabéns porque non hai nada mellor que traballar no que a cada quen lle gusta, quitado o de non traballar en absoluto, a quen lle guste e o poida.

Como dicía, queridos colegas, escollestes un mal momento para practicar este bonito oficio, ou un mal oficio para exercer nestes tempos. Porque da crise dos medios de comunicación xa se falaba antes de que aparecera a crise económica. Falaban, sobre todo os medios, os empresarios e dirixentes da comunicación, o que non deixa de ser sorprendente. Mesmo os hai que levan tempo anunciando que, por exemplo a prensa escrita xa non ten sentido. Algo así como se o director de Citröen proclamara que os vehículos a motor están obsoletos. Pero se eles o din, que son os que saben, terán razón. Entre outras cousas porque eles, coa súa xestión, poden facer certeiras as súas profecías. A conclusión da crise nos medios é a mesma que a crise en xeral: hai que recortar por abaixo. E así entre nós, por moito que nos consideremos ou nos vendan que somos uns profesionais liberais, non deixamos de ser uns asalariados, con moito máis estatus social que económico (e non é mérito do estatus social, senón do económico) e desde hai un tempo, cunha precariedade similar á dos apañadores da fresa, coa diferenza ó seu favor de que eles sonlle máis necesarios á patronal dos invernadoiros.

O certo é que a maior parte das perdas dos grupos informativos non se deben tanto a que os medios tradicionais dean perdas, se non a que outras liñas de negocio se revelaron como ruinosas, por exemplo os experimentos televisivos. Así que o que terían que facer é endereitar o rumbo dos negocios. Dos novos e dos tradicionais. Se por exemplo, internet lle come mercado ó papel, como se laian todos, e non é raro, porque internet é de balde, e fabricar papel é caro, a maneira de competir parece ser que debería ir por dar mellores contidos e non a mesma información de aliño que hai na rede, e para iso habería que investir e reforzar as redaccións. Pero non teño grandes esperanzas de que a cousa vaia por aí. Cando en Antena 3 viñeron mal dadas, o que fixeron foi despedir a douscentos e pico traballadores, ó tempo que agradecían cunha indemnización de 6 millóns de euros o excelente traballo de xestión feito polo director saínte. O mesmísimo Rupert Murdoch, o emperador dos medios que ata ten en nómina a Aznar, e que sen embargo tamén está afectado pola crise (a cifra de negocio do seu grupo, News Corporation retrocedeu un 15,7%, ata 7.373 millóns de dólares, e o seu beneficio neto no último trimestre foi de 2.757 millóns de dólares) anunciou que dentro dun ano comezará a cobrar polas edicións dixitais dos seus diarios, unha medida que en España xa adoptou El País e logo desestimou.

Pero o noso, como saberedes, non é saber de facer negocios, senón contar as cousas. Por iso os parabéns. Porque segue habendo cousas que contar, e xente que demanda sabelas e que aprecia cando están ben contadas. Cando é así, hai poucas satisfaccións no mundo que se lle parezan. Así que, sendo cínicos, quizais sexa demasiado pedir que por riba ese traballo estea medianamente pagado.

(sábado 9 de maio de 09)

Advertisements