Etiquetas

, , , , , ,

O primeiro síntoma de facerse maior é darse conta interiormente de que os pais tiñan razón en máis ocasións das que nos gustaría admitir publicamente. Por exemplo, naquilo de que era mellor pensar as cousas dúas veces antes de facelas. Nesta semana vin dous casos que demostraban a eficacia daquel consello contra o impulsividade xuvenil. Un, os nomeamentos do último consello da Xunta. O outro, o debate do estado da nación.

Como non gozo do apaixonante privilexio sociolóxico de estar inmerso niso que adoitar chamar ambiente político de Madrid, só podo intuír que no PP están tan convencidos de que teñen ganada a batalla (cal vai ser?, a do poder) como o meu cuñado Manolo de que o Barça ía ganar a Liga. Soamente así, desde a fe a confianza sen límites se explica que Mariano Rajoy fose ó debate con todo a favor e se limitara a enchufar o seu discurso (moi ben, coma sempre) sen atender ó que lle dicían, para encontrarse ó día seguinte nos xornais con que os sectores afectados aplaudían as medidas que el non tivo a paciencia ou a humildade de escoitar. Se tivera atendido, como nos recomendaban pais e nais (e máis no seu caso, con pai maxistrado), podería ter debullado as medidas e descubrir que non eran para tanto, trucos de ilusionista para ter engaiolado ó público. Por exemplo, denunciar que a axuda para mercar coche non deixaba de ser outra ocurrencia-regalo como a do cheque-bebé. Contando o desconto que xa fan os concesionarios se te paras a mirarlles o escaparate, o Goberno, cun gasto de 500 euros, sitúa entre a espada e a parede ós gobernos autonómicos que non poñan outro tanto (cuestión para esencialistas: ter que 500 euros de máis non é romper España?).

Ou apuntar que unha familia cos 24.000 euros anuais de ingresos, o límite máximo para poder desgravar pola vivenda, pouco vivenda pode comprar, se persiste en manter vicios como comer a diario (claro que foi o Goberno do PP quen eliminou os límites de desgravación por arriba, pero non o tiña por que recordar el). Ou que o dos ordenadores para quinto de primaria está moi ben, dada a devoción pola informática do español medio, pero non vale o que custa se os sistemas educativos e os profesores non están preparados (por non falar da millonada a pagar en licencias, se non se adopta software libre). En resumo, Rajoy quedou mirando para a man dereita mentres Zapatero sacaba os coellos coa esquerda. O mellor que fixo, seguindo o principio de que máis val calar e quedar de sabio que falar e desmentilo, foi non especificar as cacarexadas reformas estruturais na economía e no emprego que propugna o PP, porque o electorado ten unha prevención supersticiosa a cousas como o despido libre. Ou sexa que perdeu unha ocasión máis, por non pensalas.

Tamén os cargos que designou Feijoo este xoves pasado, comparados cos que nomeou nada máis tomar posesión, son proba evidente de que as presas en escoller non son boas (e o mesmo conto vale para os que se opuxeron de entrada). E tamén de que el o sabe, despois dun mes apagando os lumes que foron prendendo os primeiros. O último, esa ameaza de resucitar a matraca de La/A Coruña, morta hai tanto que nin os cabodanos se celebraban. Algúns veno como unha contraprogramación do Día das Letras Galegas/aviso a navegantes. Para min non deixa de ser un truco para sacar un coello.

(Faro de Vigo/La Opinión de A Coruña, sábado, 16 de maio de 09)

Advertisements