Etiquetas
Ana Miranda, Astano, BNG, Bolkstein, Camiilo Nogueira, eleccións, Europa, Fernando López Aguilar, Iniciativa Internacionalista, Mayor Oreja, Méndez Ferrín, PAC, PP, PSOE, sector lácteo
Non sei se repararon en que dentro de dúas semanas hai eleccións. Nesta ocasión os encargados do bombardeo de promesas non parecen estar pola labor, e parece que optaron por deixarnos tranquilos. Malo. Sobre todo porque, como dicía Paul Valery, a política é a arte de evitar que a xente se preocupe do que lle importa. E as eleccións europeas impórtannos polo menos o mesmo que as outras.
En primeiro lugar, porque Europa en parte construímola nós. Desde a idea de Europa, que como dixo Goethe, se formou peregrinando polo Camiño de Santiago, ata a máis moderna contribución de construíla literal e fisicamente, coa man de obra dos nosos emigrantes. E porque Europa nos conformou a nós, desde a discutible orientación que deu á nosa economía, do naval ó lácteo, pasando pola pesca, ata os fondos que nos achegou e que metemos en infraestruturas, unhas necesarias e outras tamén máis que discutibles. Foi en Europa, e non en ningunha instancia política española, onde se criticou o modelo de construción no Mediterráneo, posible -na parte legal- grazas á normativa urbanística española e autonómica. No Parlamento Europeo paráronse iniciativas como a que contiña a Directiva Bolkstein de permitir a empresarios dun país contratar a traballadores doutro coas condicións salariais do país de orixe (non fai falta ser moi fantasioso para imaxinar o incendio social que ocasionaría tal medida). Ou a de deixar que se puidese estender a 65 horas semanais o horario laboral (apliquen o paréntese de antes), tal e como pretendían os gobernos. Aínda que tamén se aprobaron, co voto a favor dos deputados galegos de todos os partidos, infamias como a Directiva de Retorno, que permite reter ós inmigrantes ata18 meses antes de botalos. A maiores, o voto nas europeas está libre dese condicionante de voto útil, porque teñen posibilidades de acadar representación moitas máis opcións que nos outros comicios, nos que as fabas son contadas. Mesmo o debeu entender o Tribunal Constitucional cando decidiu aplicar a xustiza e o sentido común ó permitir que se puidese presentar a candidatura de Iniciativa Internacionalista, na que figura Xosé Luís Méndez Ferrín.
Claro que tamén pasa o que pasa. Como se di, a Unión Europea non pasaría os controis democráticos para ser membro da Unión Europea. O seu parlamento non ten os poderes que teñen as cámaras dos estados membros. E a circunscrición única fai que sexa practicamente nulo o compromiso dos elixidos cos electores, xa bastante elástico nos demais casos. Que poden propoñer ou votar o que lles pete, que aquí non nos enteramos, vaia. Por iso nunca entendín que a opinión pública de Galicia, independentemente de simpatías partidarias, non criticara que nas anteriores euroeleccións lle quitaran o escano a Camilo Nogueira polo procedemento de fozar en actas de mesas do barrio madrileño de Salamanca ou de Quintanar de la Orden, para que acabara adxudicado a unha candidata do PP de Logroño.
Por ese desleixo entre votantes e votados, os partidos maioritarios permítense mandar alí a quen sexa, normalmente a quen estorba, e consideran as eleccións unicamente como unha enquisa sobre o estado da opinión política, pero con fogo real, con votos de verdade, aínda que non sexan moitos. Alá eles, e logo que non se queixen da abstención, pero tamén alá nós despois coas queixas sobre as decisións europeas. Como advertiu o historiador Arnold J. Toynbee hai xa máis de medio século -sen que desde aquela se lle fixese gran caso- o maior castigo para os que non se interesan pola política é que serán gobernados por persoas que si se interesan.
(Faro de Vigo/La Opinión de A Coruña, sábado 23 de maio de 09)
O Toynbee como non, tiña moita razón. Pero tamén a ten o can farto de pulgas, cando di que non ten razóns para votalas.
permítame que lle recomende esta viñeta de Mauro Entrialgo
