Etiquetas

, , , ,

Veño de recibir, como imaxino que moitos de vostedes, unha carta de Jaime Mayor Oreja pedíndome o voto para o Parlamento Europeo, acompañada da correspondente papeleta, por se teño a ben facerlle caso. A min sempre me pareceu un dispendio o envío de papeletas a domicilio, a maiores do risco de que os nosos datos postais estean en mans das forzas políticas. Sempre fago uso da cabina, porque ata me parece máis democrático, coa experiencia que arrastramos, elixir o voto no colexio electoral e non vir votados da casa. Pero co da carta estou moi de acordo, e gústame recibir unha misiva persoal de quen pretende o noso voto, aínda que a sinatura sexa tan de verdade como a preocupación pola paz no mundo que declaran as participantes nos concursos de beleza.

E tamén coido que é unha forma de expoñer argumentos mellor e máis razoada que o espectáculo oratorio que se dá nos mitins para compensarlle ós presentes a molestia de asistir. Por iso, na carta concreta de Mayor Oreja, boto de menos a extensión, que haxa máis texto, aínda que despois de lida, comprendo que hai de máis. No que sería medio folio se non deixara espazos, o candidato do PP solicítanos o apoio en base a dous argumentos, ou para ser exactos, a un e medio. O medio é para ser fortes en Europa. Así, en xeral, sen aclarar para que. Minto, “para impulsar y hacer realidad las múltiples iniciativas que, para salir de la crisis (isto en negrita) hemos incorporado a nuestro programa electoral”. Non hai mención a medida ningunha, quizais porque son múltiples. O outro argumento, que vén sendo este mesmo, é que “además, el 7 de junio los españoles tenemos la oportunidad de hacernos oír ante la grave situación que atraviesa España […] podemos decirle al Gobierno que no estamos dispuestos a seguir instalados en la crisis económica y social que vive España”. Como diría aprobatoriamente meu avó paterno, aí estastú, Jaime. Podo aproveitar tamén o meu voto ó Parlamento Europeo para expresar o meu enfado pola  situación do transporte público metropolitano, e xa postos, polo estado dun rexistro do alcantarillado diante da miña casa?

Afortunadamente,  na outra cara do papel vén unha carta de Mariano Rajoy. Máis longa, ademais. Pero empeza contando o mesmo: que temos problemas moi graves que o goberno non soluciona, como o paro. “Tenemos que poner este país a trabajar”. Tampouco aclara cómo, e remítese ós éxitos que o PP tivo anteriormente nese campo. Remata, iso si, dicindo que en Bruxelas se toman decisións moi importantes, pero tampouco especifica cales apoiaron os seus representantes, nin cales van apoiar. Feijoo, polo menos, dixo en Ferrol que pedirán retirar o veto a que Astano faga barcos, pero Feijoo non se presenta, e Mayor Oreja non aclara se o pediu ou é que o pediu e non lle fixeron caso, por moito que forme parte do PPE, o meirande grupo do Europarlamento. En resumo, o que saco en conclusión da carta é que hai que votar ó PP para amolar a Zapatero, como revela o slogan “Ahora soluciones. Ahora”, e para manter a Mayor Oreja, Luis De Grandes (o tamaño importa, polo que se ve) e a outra xente ilustre (un de cada tres candidatos populares ten apelido composto) en Europa (recoñezo que este último argumento é como para pensalo).

Non recibín aínda carta de Fernando López Aguilar, e non desespero, aínda que, pola publicidade (“Este partido se juega en Europa“), a cousa vai de fútbol.

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, sábado 30 de maio de 09)

Advertisements