Non sei que lectura das eleccións ó Parlamento Europeo farán os líderes políticos desde esta noite, pero a miña está clara desde que lle puiden botar un ollo ós resultados na web do Ministerio. Ganou o PP en toda España. Subiu apenas un 1%, pero o PSOE baixou un 5%. IU baixou medio punto, e UPyD fíxose con 446.000 votos (un 2,88%), confirmándose como un partido patriótico netamente madrileño (en Madrid obtivo 155.000 votos, e a única provincia onde superou os 20.000 votos foi Valencia, seguido de Sevilla, Asturias e Alicante).

En Galicia, aínda que teoricamente só subiu dous mil votos (á espera do voto de residentes ausentes, que daquela foran 25.000), o PP volveu ter porcentaxes fraguianas (do 47,2% nas anteriores subiu ó 50,7% de agora, 55% en Ourense).

O PSOE (desta vez non se pode falar de PSdeG) baixou dous puntos e  45.000 votos (á espera do RAE, que hai cinco anos foran case 34.000). Quizais boa parte do apoio electoral socialista foise a UPyD (14.000 votos) pero a ningunha outra parte: IU baixou 3.000 votos (só tivo 500 máis ca UPyD).

O BNG baixou tres puntos e 40.000 votos (a metade na provincia da Coruña), e aquí o RAE pinta pouco, porque nas anteriores achegaran 2.600 votos). Tampouco os votos se desviaron a parte ningunha, porque Iniciativa Internacionalista sacou 3.400 votos, pouco máis do dobre que sacara Nós-UP en 2004.

Logo hai cousas curiosas, como que Extremadura Unida sacou o dobre de votos en Madrid (1.200) ca en Badaxoz. PREPAL (Salamanca-Zamora-León) tivo tantos votos en Madrid como en León, e máis en Barcelona ca en Zamora ou Salamanca. Andecha Astur sacou 700 e pico votos en Asturias e 100 en Galicia. A metade dos 20.000 votos que levou a formación de extrema dereita máis votada, Alternativa Española, sacounos en Madrid.

Advertisements