Etiquetas

, , , , , , ,

Hai un termino na industria cultural que é o crossover (fusión, ou mestura). Orixinalmente referíase ós músicos que facían unha canción nun idioma distinto ó habitual, como os melódicos italianos que cantaban en español nos anos 60 e 70, ou os cantantes latinos que facían discos en inglés. Logo pasou a definir a aquelas composicións fillas de orixes distintas, como a “mestizaxe” famosa (flamenco e pop, por exemplo) que de tan omnipresente como se fixo acabou sendo un xénero en si mesmo. En televisión, que é ó que vou, o crossover é cando personaxes dunha serie interveñen -como tais, non os actores- nun episodio doutra. Os exemplos clásicos da televisión recente son a participación de Horatio de CSI Miami nun dos primeiros capítulos de CSI New York, e o cruce de aparicións de Grissom en Sin Rastro e Malone en CSI Las Vegas. Este mércores pasado Iñaki Gabilondo e Andreu Buenafuente inauguraron o xénero na televisión española (porque que Rodolfo Chikilicuatre, un produto de La Sexta, ganase un concurso de TVE1 foi un crossover hostil) .

O crossover de Cuatro e La Sexta foi máis ben discreto, pero ten máis importancia que o transposición de Horatio da cálida e hortera Florida á elegante e fría New York. Non sei o que se dixeron os símbolos da cadansúa cadea, desde cadanseu plató. Probablemente debeu ser como as conversas cos astronautas ou as felicitacións do Rei: o importante é que falen, non o que digan. O importante é que foi o abrazo de Vergara entre dúas empresas tan próximas como enfrontadas polo control do fútbol, logo de que todo -desde a economía á normativa do sector- se empeñaran en amigalas. En dous días, o que parecía un símbolo fíxose carne, e xa temos ós propietarios respectivos, Prisa e Imagina-Mediapro, chegando a un pacto para integrar os negocios, como paso previo -imaxino- á integración das cadeas.

A verdade é que a liberalización da televisión en España tivo os mesmos efectos ca da gasolina. Nin mellorou o produto nin baixou o prezo, e o que fixo foi poder consumir o mesmo en máis sitios. E como o mercado fallou, os gobernos dedicáronse a facilitar os negocios. Os de Felipe González mirando para outro lado mentres as televisións privadas incumprían clamorosamente a lei (desde as porcentaxes da publicidade que fixa a norma europea, ata a española sobre topes no accionariado). Os de Aznar facilitando a compra de Antena 3 por Telefónica e logo salvandoa da queima 3 polo método de facilitar o desembarco dun novo propietario. Agora, o de Zapatero, primeiro concedendo unha licenza a Canal + para que puidese facer negocio en aberto, e logo outra para compensar. Despois  adelgazando a televisión pública e quitándolle a publicidade, para acabar coa supresión das restricións ó accionariado cruzado, e posibilitar a fusión de dúas concesións, sempre que non sumen o 27% da audiencia. Non apareceron os nomes concretos dos beneficiados no BOE porque quedaría feo.

Así que, vista a fecundidade empresarial que produce o crossover atreveríame a propoñelo como práctica habitual. Unha fusión de Gayoso con 59 segundos¸ na  que Luar proporciona o público ó debate de TVE1 e o negro de Boney M se pronuncia sobre a operación Gürtel. A caixa negra podería interactuar co caso Telemadrid (así, en xeral), Hai debate con Últimas preguntas, e La noria facer conexións cos informativos de todas as cadeas. Sería unha ocasión de ver o de sempre, pero de forma distinta, que é no fondo a esencia da televisión en España.

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo,sábado, 6 de xuño de 09)

Advertisements