Etiquetas

, , ,

Na política sempre son máis agradecidos mediáticamente os desacordos que os acordos (os trasacordos nunca aparecen, porque non hai tempo de consultar se o que agora di Digo antes dixo Diego). Por iso os acordos que o Parlamento galego adoptou por unanimidade esta semana non tiveron a relevancia debida, pese á súa evidente importancia. Por exemplo, o de que Galicia avance na creación dunha Axencia Tributaria Galega, a reclamación da transferencia das autoestradas e elección do consello da CRTVG.

O da Axencia Tributaria é importante, supoño. Non porque implique que nos vaian baixar os impostos, senón pola propia coordinación do sistema fiscal. Xa que pagamos, que menos que a recadación sexa eficaz (que logo se administre ben ese diñeiro xa sería o demo). Así que hai que celebrar que agora o PP estea de acordo, logo de que dixeran que unha Axencia Tributaria en Cataluña era un sindiós que esfarelaba a caixa única da Facenda e rompía España, entre outras pragas bíblicas que asomaban polo horizonte.

O da transferencia das autoestradas, sobre todo a do Atlántico, que é a que dá cartos, tampouco é cousa miúda, aínda que o que se reclame é a titularidade, xa que Aznar se encargou de prorrogar a concesión ata unha data que non veremos nin eu nin a maioría dos presentes. Está ben que se reclamen estas cousas, aínda que como lle pasaba ós viños galegos antes da renovación enolóxica, as resolucións do Parlamento galego e o criterio dos partidos que as deciden viaxan mal, e cando chegan a Madrid non valen para case nada. Pasou co dos 60 millóns para a Lei da Dependencia que negociara Quintana, as transferencias de Tráfico e outras cousas que non paga a pena recordar para non amargarse.

Sen embargo, houbo unha decisión unánime que si tivo froitos concretos e inmediatos. A designación dos membros do Consello de Administración da CRTVG (hoxe, na web seguían os de antes). O CACRTVG é o órgano composto por doce persoas de acreditada profesionalidade que controla o funcionamento dos medios públicos. Iso na lei e na teoría, porque na práctica a súa misión é reproducir na RTVG os acordos, desacordos e trasacordos dos partidos políticos, e para iso está integrado por persoas, de profesionalidade contrastada ou por contrastar, que lle teñen que estar moi agradecidas a quen os puxo.

No que respecta á profesionalidade, no recén designado CACRTVG figuran periodistas, pero tamén un alcalde, un ex xefe provincial dun partido, dous dirixentes políticos doutro e un sindicalista afín ó terceiro. Non prexulgo nada. No pasado houbo integrantes alleos ó medio que fixeron un excelente traballo (como o falecido Lois Obelleiro) e profesionais que non a rascaron. O que pasa é que tanto ten que vaian profesionalizados da casa, se profesionalicen alí, ou nin unha cousa nin outra, porque o mesmo dá.

No que respecta ó control, o CACRTVG non ten nin as funcións nin –sobre todo- as responsabilidades que ten calquera consello de administración, quitado a de poñerse o salario que consideren, que é a parte pola que os elixidos teñen que estar agradecidos. Eu nunca entendín –e sempre envexei- como hai institucións, como os concellos, que se poden atribuír os soldos que estimen oportunos, co que hai alcaldes que cobran moito máis que o presidente do Goberno (o de Mijas, que non chega ós 60.000 habitantes, era de 126.000 euros ó ano, ata que o fixo dimitir o PSOE. O PP obrigou a alcaldesa de Sanxenxo a baixar o seu de 78.000 a 64.000). Cando os tempos remotos de Fraga, en 2005, houbo conselleiros (do CACRTVG) que ingresaron 143.000 euros, porque a maiores do salario, eles deciden cando hai consellos e comisións (que se pagan a maiores), ou a que actos sociais asistir (desde partidos de fútbol ata presentacións de libros), polos que cobraban dietas e kilometraxe. Todo iso nunha empresa que ten xente que leva case 20 anos sen contrato fixo, ou subcontratados.

Así que os consensos poden ser excelentes ou ter as mesmas consecuencias que unha reunión de pastores: unha ovella morta.

(Faro de Vigo/La Opinión de A Coruña, 13 de xuño de 2009)

Advertisements