Etiquetas

, , , ,

En contra da opinión maioritaria, a min pagar 94 millóns de euros por contratar a Cristiano Ronaldo non me parece mal. E non precisamente porque sexa madridista. Nin polas razóns do chiste dos de Bilbao que discuten os 20.000 millóns de pesetas que custou o Guggenhein e conclúen: “bueno, si mete goles…” De entrada, non comparto a validez desas comparacións de cantos hospitais se poderían construír, ou cantos vellos atender como se debería, coa cantidade de cartos que meteu o Real Madrid en comprar a Ronaldo III. Todos os domingos hai xente que gasta nunha entrada de fútbol un diñeiro que permitiría vivir un mes enteiro a unha familia de Burkina Faso, sen que se lle reproche nada. Tampouco vexo relación entre a situación de crise e o contrato deste Ronaldo, sucesor daquel outro Ronaldo calvo e do Ronaldinho dos dentes. Quen se queira indignar cos beneficios que sacan algúns no medio da miseria dos demais, ten unha chea de obxectivos a maiores deste. Eticamente, gastar 162 millóns en dous contratos –e o que veña- é unha desfachatez, pero o que a min me amola é o que ten de trato desigual.

Nin  siquera teño demasiadas dúbidas de que á empresa lle sairá a conta (no aspecto económico, non sei se no futbolístico) a fichaxe, a pesar de que un experto na economía do fútbol, o profesor de finanzas e contabilidade da Universidade de Vigo Ángel Barajas, opinou nalgún sitio que  este non é precisamente o mellor momento para gastar fortunas e pagar salarios desmedidos, porque a recesión fai que cada vez sexa máis difícil aumentar os ingresos, sobre todo os marxinais (venda de camisetas e chilindradas). O que me alporiza é que bancos e caixas autoricen semellantes créditos a unha sociedade que ten unha débeda de alomenos 500 millóns de euros, cando ó resto de particulares e empresas non lles dan un can, por moi cumpridores que fosen ata agora. E tamén que Facenda lle permita manter unha débeda de 100 millóns de euros, cando a nós nos vai quitando todos os meses o que considera que corresponde, e logo xa se verá se foi de máis, ou de menos e hai que pagar a diferenza sen retrasos.

E así mesmo me solivianta que a ministra de Economía se queixe publica e hipocritamente desa desigualdade crediticia, cando está na súa man remediar outra desigualdade insultante: que grazas á normativa fiscal, o tal Ronaldo vai pagar a metade dos impostos que debería pagar calquera cidadán español, ou el mesmo en calquera outro país. Por non falar da desigualdade evidente que ocasiona no que se supón que é unha competición, por moito que se trate dun negocio do espectáculo que se aproveita das vantaxes de estar regulado como se fose unha actividade deportiva. Con todo, o máis preocupante son as futuras consecuencias deste novo delirio especulativo. Unhas, as económicas: a anterior presidencia de Florentino Pérez o que fixo foi aumentar a débeda do club en 170 millóns de euros, a pesar do pelotazo urbanístico consentido e aplaudido que fixo arredor do estadio. Para poñer couto á débeda -que algúns expertos sinalan que pode subir ós 900 millóns coa axuda destes fichaxes- o Real Madrid terá que procurar compensacións inmobiliarias, e xa falan de incrementar as alturas da chamada Esquina do Bernabeu. Economicamente, como na anterior etapa, o único beneficiado claro vai ser o propio Florentino, que deu conseguido créditos de 188 millóns para conseguir o 7,6 % das accións da construtora ACS, e logo multiplicar o 500 % do valor da empresa en seis anos, grazas ás contratas de obra pública xestadas en boa parte no cálido útero para os negocios que é o palco do Real Madrid.

E outras consecuencias serán as deportivas (deportivas para entendernos): tal exhibición de cartos motivará que calquera rival do Madrid faga de ganarlle un asunto de vida ou morte, e a hemorraxia de prepotencia que se aveciña (a festa do tal Ronaldo con Paris Hilton e 18.000 euros en champán foi o comezo) xeneralizará a antipatía do club. Pero supoño que o importante é facer negocios e vender camisetas, mentres haxa quen as compre.

(La Opinión A Coruña/Faro de Vigo, sábado 20 de xuño de 09)

Advertisements