Etiquetas

, ,

Eu sempre procuro ser pesimista, porque así o que acaba pasando é mellor, ou polo menos igual, do que eu pensaba que ía pasar. Son un pesimista preventivo que xa imaxinaba, por exemplo, que Djukic ía fallar o penalti que fallou. O que pasa logo aféctame o mesmo, pero non levo sorpresa desagradable ningunha. Así que coidaba que era ben difícil que a Torre de Hércules acabara sendo designada Patrimonio Cultural da Humanidade. De feito, houbo autoridades do ramo que puxeron por escrito as razóns polas que non o ía ser nunca. E autoridades que agora sacarán peito celebrando o título, como pasa sempre. O curioso é que, sacara a designación adiante ou non, o faro de Monte Alto é –tamén– un símbolo de como se fan as cousas por aquí.

Non coñezo a súa historia polo miúdo, pero seguro que, de entrada, debeu producirse un arduo debate entre as forzas vivas locais e a administración imperial polos prazos de construción. “É de todo punto necesaria unha torre para substituír a fogueira existente, e poder asegurar o futuro da civitas”, seguro que reclamaban, mentres en Roma argumentaban que estaban na cousa, pero os conflitos nas marcas setentrionais e as obras do Acueduto de Segovia ocupaban unha chea de sestercios, por non falar das dificultades de levar a pedra necesaria ata o promontorio onde se tería que edificar o faro, con accesos moi precarios e abruptos. Houbo que agardar a que estivera de emperador un paisano, Trajano, para levar adiante o proxecto. Así non se sabe se se deu construído no século I ou no II, aínda que probablemente se comezara a facer nun e se rematou noutro.

Na Idade Media, a torre perdeu o seu uso náutico, e serviu como instalación militar, moito máis necesaria porque había máis liortas que tráfico marítimo. Posteriormente, o Conde de Traba e o Arcebispo Xelmírez enleáronse a ver de quen tiña a propiedade, e o edificio estragouse, ata o punto de que a mediados do século XVI, o concello tivo que prohibir que se usaran as súas pedras para outras construcións. Século e medio despois, restaurouse por conta da iniciativa privada: os cónsules de Inglaterra, Holanda e Flandres puxeron os cartos a cambio dun imposto ós barcos que arribaban ó porto coruñés. A Torre tal e como a coñecemos por fóra rematouse en 1790, pero os accesos e a plataforma da base non se fixeron ata o século XIX. Seguro que o proceso lles recorda algúns outros de actualidade.

De feito, a historia da propia candidatura ten un proceso semellante, aínda que non tan dilatado. Sempre estivo aí para as postais (e para os barcos), pero a parte monumental non se tocou ata comezos dos anos 90, en que a limparan por fóra e por dentro (quitáronlle, por exemplo o papel pintado das paredes), e logo quedou bastante a monte. As autoridades, locais, autonómicas e centrais, nin Paco Vázquez nin Fraga, nin Aznar, lle fixeron caso ningún, nin ás goteiras nin ós intentos de promover a candidatura. Non sei se con razón ou sen ela (no da candidatura, no das goteiras sen razón ningunha), porque en definitiva, ser un edificio Patrimonio da Humanidade non supón unha protección a maiores, nin cartos. Pero non deixa de ser un recoñecemento, e un imán para eses individuos de comportamento gregario chamados turistas que van aló onde lles din que hai que ir, independentemente de que pague a pena ou non. E sobre todo, é un elemento importante para a propia nosa estima, que soamente reacciona cando a valoración vén de fóra.

Quero dicir que a Torre de Hércules é patrimonio noso e da humanidade, aínda que non tivera oficialmente a condición de tal, pero se hai xente que necesita o título para apreciala, benvido sexa. Sobre todo porque se non saíra, xa habería máis dun tirando a conclusión de que a Torre non valía para nada, co ben situado que está o solar.

(Faro de Vigo, 29/06/09)

Advertisements