Etiquetas

,

Xa saberán que estamos de loito universal pola inesperada morte de Michael Jackson. Non hai, que eu saiba, un loitómetro, pero penso que a dor mediática iguala, cando non supera, ás de Lady Di e o Papa Wojtyla. Xa non se sabe nin como encher. Ao cuarto día D.M.J (despois de Michael Jackson), segundo lle lin ao xornalista Daniel Basteiro, a CNN recorría a unha noticia de hai 25 anos (M.J. tiña un chimpancé) e France2 a unha de vai para 15 (M.J. visitou África). Outro xornalista amigo meu, José Ángel González, antes de que os informativos abriran portada coa noticia de que o funeral non se celebraría no seu rancho, Neverland, e non se sabía onde, abriu en facebook o grupo M.J., a la catedral de Santiago.

Ata a ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, se viu obrigada a expresar as súas condolencias nunha entrevista en televisión:  “Él ha muerto, pero su obra permanece”, dixo (“… y siempre habrá alguien para seguir trincando pasta por sus ventas, verdad ministra?”  retrucou alguén en internet). Se a cousa afecta aos que non distinguían as súas efectivas e brillantes composicións musicais dos delirios de Prince, moito máis aos seus fans, ata o punto de que 12 deles suicidáronse, segundo a prensa. Certo é que a pouco fiable fonte é un tal Gary Taylor, presentado como presidente e propietario (?) do club de fans MJJcommunity.com, e que a noticia non ten máis fundamento que as súas afirmacións. Pero que o que di un tipo que se define como propietario dun club de seguidores que non é outra cousa ca unha páxina web, chegue ás páxinas dos diarios serios de todo o mundo é a mellor proba de como os medios de comunicación están facendo que as sensacións substitúan á realidade, e de que canta día máis persoas non viven as súas vidas, senón as doutro.

Xa sei que houbo xente que no romanticismo se matou infectada de literatura ou, para poñer un exemplo máis próximo, o suicidio de Kurt Cobain motivou que seguiran o seu exemplo unha serie de rapaces convencidos de que este mundo non pagaba a pena. Pero eran cosmovisións tremendistas, de ou vai ou racha, o Noxo con maiúsculas, no future, e Michael Jackson a única rebeldía que tivo foi rexeitar o seu previsible futuro de acabarse parecendo fisicamente a O.J. Simpson e empeñarse en ser o dobre de Diana Ross. E a imputación de que mantiña amizades perigosas con menores non se sabe se era certa e/ou unha estrataxema para sacarlle cartos, pero ninguén argumentou que fose unha acusación falsa feita co obxectivo de frear a disolvente influencia da súa música na xuventude. Iso non lle quita mérito á súa arte, pero tampouco é que llo dea á súa vida. E se coa moda de afondar criticamente na vida persoal dos escritores descubrimos que os había que escribían coma anxos e se comportaban como demos, con más razón hai que cuestionar como guía espiritual a alguén que emitía mensaxes tan de saír do paso coma este: “Din que o ceo é o límite, e para min esa é a verdade, pero, meu amigo, aínda non viches nada, só agarda a que dea o meu paso. Porque son malo, malo.” (Bad).

Certo é que eu non son imparcial e teño antecedentes de ter expresado na letra dunha canción, coa rotundidade que dá a xuventude, o farto que me tiña a súa omnipresencia no seu momento de esplendor. Pero é que xa circulan teorías que dubidan de se realmente morreu, aferradas a un vídeo no que supostamente se ve como o seu corpo se move cando o baixan dun helicóptero fúnebre. Non quero pensar que vai pasar o día que morra Mick Jagger.

(sábado, 4 de xullo de 09)

Advertisements