Se hai un uso que se converteu en tradición na cativa historia da democracia en España foi o da moción de censura municipal, como se acaba de ver en Gondomar. Para que unha moción de censura vaia adiante nun concello, única institución na que se produce o fenómeno (quitado a que se deu contra Albor na Xunta, que eu recorde) o primeiro que se necesita é ter a maioría de apoios suficiente. En realidade, é o primeiro e o único que se necesita, porque para o demais abonda con tirar de manual.

Por exemplo, a razón de facela, que é un dos imperativos legais para levala adiante, non é preciso argumentala. Todas as que se fan cada ano refúxianse na escusa do “desgoberno”, igual que os matrimonios norteamericanos se acollen para o divorcio á crueldade mental cando non hai maltrato físico ou infidelidades. O do desgoberno vale tanto para un roto como para un descosido, entre outras cousas porque a maioría da cidadanía non atina a distinguir o desgoberno da simple desidia na xestión, mentres lle recollan o lixo e os baches sexan vadeables. En casos de maior intensidade na relación veciño-concello, como por exemplo na concesión de licencias de obra, a demora dun ano en recibila compénsase coa vista gorda en caso de acometer a obra solicitada antes de ter o permiso. No caso que nos ocupa, Gondomar, o desgoberno debía ser tal que o hoxe alcalde non abriu o pico en pleno ningún en dous anos. “Total para que”, debía dicir –perdón, pensar- o home, desganado e impotente á hora de tentar poñer remedio á desfeita dun goberno que nin siquera foi capaz de derrubar un hotel e catro chalés construídos ilegalmente nunha finca súa.

Hai outro pequeno obstáculo. A lei antitranfuguismo, asinada por todos os partidos, polo que se comprometen a non promover cambios de goberno usando tránsfugas como puntos de apoio. Este hándicap é tan doado de salvar como baixar de internet a declaración medioambiental para aquelas obras que non a darían conseguido dunha empresa seria. Chega con, no momento decisivo, non ser militante do partido do que sempre fuches militante. Os do PP de Gondomar tiñan a cousa tan estudada e déronse de baixa tan rapidamente que ata chegaron a confundir ao presidente rexional, Alberto Núñez Feijoo, que pensou que os botara, ata o extremo de dicir que os botara. Logo, ti ségueste considerando do partido, e se o partido o toma realmente a mal, e lle encarga a outro que se faga cargo, sempre podes volver ao seo materno, mesmo aproveitando para facer outra moción de censura. Neste caso, os censurantes gozan da benevolencia do seu xefe provincial, Rafael Louzán, que non soamente anuncia, xustifica e respalda o golpe dado polos seus ex afiliados, senón que pon como exemplo de seriedade e entrega que non o teña encabezado o portavoz do PP, condenado a oito anos de inhabilitación por delitos urbanísticos, probados mediante gravación, cometidos cando era alcalde.

Así que o único decisivo é o da maioría. Para elo está o sistema Sada de corte e moción, consistente en facerlle a un dos que gobernan unha proposta que non debería rexeitar para seguir gobernando, pero con outros. O modelo Gondomar, aínda máis sinxelo, reside en aproveitar a aqueles que non gobernan. O normal é que estean a man, como aquí, uns independentes, xente falta de cariño porque non teñen fogar partidario e porque adoitan ser fillos expulsados dunha familia política. En Gondomar había un, o ex cabeza de lista socialista, para quen precisamente pedían os cartos os concelleiros do PP condenados por prevaricación urbanística. Polo tanto, inimigos non debían ser. Os socialistas renovados levaban dous anos resistíndose ás invitacións para gobernar co BNG, así que os deberon coller cansados de tanto dicir que non.

Polo demais, unicamente hai que cumprir o rito democrático. Quedar concentrados -por se á conciencia lle dá por actuar na soidade. En Sada, a concentración incluíra transporte colectivo-, ás agachadas, horas antes do pleno –, soportar os berros, votar e punto. Iso si, hai que ter logo a pel algo dura para aturar acusacións de corrupción. Pero para iso chega con ser honrado, ou con cachear aos interlocutores por se levan gravadoras.

(Faro de Vigo, domingo, 12 de xullo de 09)

Advertisements