Etiquetas

, , , , ,

Non, aquí non pon “Del Madrid al cielo”, e non vai ler algo sobre a excelencia de Cristiano Ronaldo como mellor futbolista do mundo mundial. Vai de algo con menos glamour, como a morte dun neno recén nacido. Pasou, como saberán, nun deses grandes hospitais de España que se fixeron en Madrid con cartos de todos, e agora son da rede sanitaria autonómica grazas a ese proceso de descentralización que tanto critican alí.

Nun deses hospitais, o Gregorio Marañón, morreu un bebé, Rayán ou Ryan (que nin de acordo se poñen os medios), por mor dunha neglixencia médica, ou un erro enfermeiro, ou o que queiran. Por moito que se amoreen normas e se revisen protocolos, normalmente despois de que pasen as cousas, sempre haberá accidentes, pero a responsabilidade, máis que da enfermeira novata que non soubo distinguir entre dúas sondas, en todo caso é de quen non se lle ocorreu que non deberían ser idénticas. O malo é que a mai, Dalila xa morrera non sabe se a causa doutra neglixencia, pero si despois de que fose a tres hospitais porque nos dous primeiros non lle atinaron co que tiña. Unha enfermidade, a gripe A, sobre a que os servizos médicos están en alerta máxima, non unha desas doenzas raras que atende House. Unha coincidencia é unha coincidencia, dúas son un síntoma de que está actuando algo máis que a casualidade. Cando a gripe A se detectou nun cuartel madrileño, coincidindo cunha excursión escolar, houbo interpelacións no Congreso. Deste vez non, non sei se por sensatez ou porque aínda se respectan os límites, pero si houbo unhas declaracións da presidenta rexional, Esperanza Aguirre, mostrándose “consternada” pola morte do neno.

Esperanza Aguirre outra cousa non terá, pero rapidez de reflexos, toda. Que eu recorde, cando aquel profesor, Jesús Neira, foi primeiro atacado por un energúmeno ao que interrompeu mentres mallaba na muller, e logo foi vítima doutro erro médico noutro hospital, a lideresa Aguirre reaccionou nomeándoo coordinador dun Observatorio contra o Maltrato que sacou da manga. E que recorden por aí, a morte de Ryan/Rayán non é a primeira que as autoridades madrileñas deberan lamentar. Hai dous anos, no impoñente hospital 12 de Octubre, unha bacteria infectou a 23 bebés prematuros. Morreron tres. Os tres fillos de inmigrantes, supoño que tamén casualmente, ou por iso do que se queixou a propia Aguirre, de que o sistema sanitario de Madrid tiña que atender inmigrantes e xentes doutras comunidades. A dúas das familias, as autoridades sanitarias déronlles 30.000 euros a cambio de que non denunciaran o feito. A terceira levou o asunto aos xulgados mentres tivo recursos, e acabou aceptando 60.000 euros por renunciar. Arredor dun terzo das denuncias por presunta neglixencias médicas de toda España preséntanse contra a sanidade madrileña.

Pero en calquera destes moitos accidentes casuais sobra consternación e falta outra cousa: o debate de como está esa sanidade e a asunción de responsabilidades por parte de alguén. Non as houbo en ningún deses casos, e nin siquera naquel ataque tan feroz como infundado ao propio sistema público como foi o das sedacións de Leganés. Todo un departamento clínico foi acusado de eutanasia ou de malas prácticas polo conselleiro correspondente, e cando os tribunais decidiron que no hospital non pasara nada, tampouco pasou nada no goberno. E xa verán como tampouco lles vai pasar nada a eses axentes do Seprona que actuaron contra un centro médico onde se facían abortos legais en base a unha denuncia anónima, buscaron outro xulgado máis acorde cando o que tocaba non apreciou delito, andaron de acó para aló cos restos dos fetos, fixéronse coas listas de pacientes e interrogáronas do xeito que lles petou. Todo para acabar en nada.

En definitiva, consternados estamos todos, pero quen ademais pode facer algo, debería facelo. Quitado que o que pretenda é impulsar aínda máis o sector privado co argumento de que o público anda mal. Xa o fixo outra lideresa, Margareth Thatcher, e o asunto rematou que agora non son gran cousa ningún dos dous.

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, 18 de xullo de 09)

Advertisements