Etiquetas

,

Hai anos, levei a prisión a un mozo. Quero dicir que o acompañei nun taxi para poder contar a súa historia e os seus últimos momentos en liberdade. Acordeime del cando lin que o presidente de Telefónica, César Alierta e o seu sobriño foron absoltos pola Audiencia Provincial de Madrid porque, aínda cometendo o delito de usar información privilexiada, xa prescribira. O meu compañeiro de taxi, M.J.G., tiña 25 anos, e roubara dúas botellas de whisky había sete, cando era toxicómano e acababa de estrear a maioría de idade. Alierta cometera o seu delito, do que sacou un beneficio de 1,86 millóns de euros hai 11 anos, cando presidía Tabacalera.

O caso das dúas botellas, evidentemente, non era o primeiro do meu compañeiro de taxi. Tiña detencións e ingresos temporais en prisión previos, e supoño que por eses antecedentes lle deberon poñer nada menos que catro anos por roubar algo que non chegaba aos 20 euros. O caso e que, entre que houbo unha petición popular de indulto, e o goberno considerou denegala, foron pasando sete anos. Nese tempo, M.J.G. reformouse, casou, dedicouse á reinserción de drogadictos e tivo un fillo. O que me comentaba, resignado, camiño da trena, é que o único que quería xa era cumprir a pena dunha vez, para que o seu pequeno, daquela de dez meses, non o recordara preso.

César (que polo texto da sentencia sabemos que se chama Cesáreo) é fillo do que foi alcalde de Zaragoza do mesmo nome (Cesáreo Alierta, non Zaragoza). Cando tiña 25 anos non entrou no cárcere, senón de analista financeiro no Banco Urquijo, nada máis acabar un máster en Administración de Negocios pola Universidade de Columbia (New York, USA). Seguiu desenvolvendo a súa carreira con aplicación e proveito, facéndose millonario, ata que Aznar o sentou na presidencia de Tabacalera, aínda a medias monopolio público do tabaco. Era 1996, o meu compañeiro de taxi debeu saír da prisión, ignoro con que rumbo vital, e Alierta ganaba a vida co vicio dos demais. Sen embargo, ano e pico despois, debeu considerar que conformarse cun salario era de mentes estreitas e sabendo como sabía que a súa empresa ía mercar outra, alistou a un sobriño a facer de testaferro e mercara as accións que pouco despois subirían de valor.

En descargo de Alierta, teño que confesar que o do uso de información privilexiada, máis ca un delito, paréceme unha desas prerrogativas tradicionais dos poderosos, como esa de recibir regalos que invoca Rita Barberá (e que moi coherentemente, pide que non sexa delito). Pero se o código penal español, que non é precisamente estrito coa delincuencia de “guante blanco”, especifica que o é, non llo vou discutir. De feito, a sentencia indica que Alierta e sobriño infrinxiron os artigos 285 e 286. 3º, pero eses delitos prescriben aos cinco anos, así que os absolveu. Resulta que a primeira denuncia non fora admitida a trámite, e cando a Audiencia estimou que si podía haber delito, pasaran cinco anos e tres meses desde que se cometera. A Fiscalía Anticorrupción estudia presentar recurso, e iso foi o que pasou exactamente no caso Urbanor/Grupo KIO. A mesma Audiencia de Madrid considerou probado que Alberto Cortina e Alberto Alcocer (a) Os Albertos cometeran os delitos de estafa, apropiación indebida e falsidade documental, pero o delito tamén prescribira. Houbo recurso e o Tribunal Supremo condenounos, pero logo absolveunos outra vez o Tribunal Constitucional, aplicando unha doutrina estreada para o asunto.

William Irish contaba nun relato o caso dun vello gánster que se decidira atracar tendas de pequenas poboacións perdidas armado soamente do seu inequívo aspecto de malo. Íalle ben, argumentando cando o collían que el nada facía para que lle entregaran o diñeiro. Ata que, unha vez, deu cun xuíz tamén vello, que decidiu que o empregado que lle dera os cartos fixérao sen consentimento do propietario da tenda. Así que o condenou por roubo, logo suspendeulle a pena e ao gánster condenouno por cómplice. É dicir, puxo a xustiza por riba da lei. Exactamente o contrario do que pasa aquí.

Advertisements